Archive for Setembro, 2006

Mi imbécil

Venres, Setembro 29th, 2006

Para o deínho.

 

 

¡Imbécil!
¿Cómo te atreves a dejarme
con esta sonrisa de tonta cada vez que me hablas?
¿Es que no ves que te quiero aunque lo niego,
que sólo respiro cuando te veo
y que si no me picas me muero?
Sé que lo sabes, que te pasa a ti también,
pero no quiero mover la ficha que puede arrancarte de vez
de mi vida, de mis sueños, de mi piel.
Porque sobre todo eres mi amigo.
Cambias mi ánimo con sólo aparecer,
te conviertes en el centro de todos mis pensamientos,
tú me das lo que quiero ser.
Vivo dentro de ti, escondida, sin que lo sepas.
tú vives en mi sonrisa, en mi mar
cuando sueño despierta.
Quédate conmigo, duerme a mi lado…
o vete, mi niño, pero lleva contigo
mi alma arrancada de cuajo.
Te buscaré en el reflejo del hielo en mi vaso negro,
vacío y con posos del licor café donde ahogo mis penas
con el miedo de no tenerte, mi cielo.
Porque sobre todo eres mi amigo

Etiopía ten fame… (e o neno morto de Ponteareas tamén a tiña)

Mércores, Setembro 27th, 2006
Famine (Somalia, 1992)

Hoxe tiven unha comida familiar na casa da avoa. ¡Que rico! Polbo preparado ó estilo de O Carballiño, carne asada, callos, pasteis, filloas… Pero o mellor de todo, o que máis me gustou, foron os meus curmáns pequenos. ¡Para comelos a todos! A Nena ten xa cinco aniños, e está feita toda unha pipiola. Acaba de ter un irmanciño hai dous meses que é meu afillado, e que me cae a baba con el. E logo veu o outro, o Nené, ó que tanto lle gusta baterme na testa para “comunicarse” e relacionarse comigo…

Todo isto, estes intres de felicidade despreocupada, fixéronme pensar. Hai menos dunha semana que morreu de fame o neno ese de Ponteareas. ¡Incrible nesta Galiza nosa ultra-moderna! Desde que sentín a historia pola radio non podo parar de pensar nesa familia. E eu aquí engulindo coma un cocho en vésperas do San Martiño, mentres á nai do pícaro lle están a facer probas psiquiátricas e a irmá segue a recuperarse no hospital… ¡Que bonito! Ás veces a vida é unha auténtica merda.

E resulta que a familia estaba empadroada en Ponteareas dende había dous anos máis ou menos, pero os Servicios Sociais do Concello nunca rexistraran ningún dato dos pequenos. Non estaban escolarizados, e seica tampouco ían facer revisións pedriátricas… ¿Que tipo de nai pode por en perigo deste xeito a vida dos seus fillos?

A cousa está ben clara… Unha nai á que lle dea vergoña pedir cartos para manter ós seus cativos. Eu antes de que se poña malo o meu neno prostitúome ou roubo, dáme igual… Eles van por diante de todo (ou mellor dito, irían, se os tivese). Esa muller non pode regular moito, penso… Se non, non sería xamais capaz de ver morrer un fillo sen facer nada por evitalo.

Dende logo, se a señora roubase por manter un fillo tería o meu perdón e a miña comprensión, se non houbese outra solución e lle dese tanta vergoña pedir. De todas formas, penso que se se tivese parado un momentiño a botar unha ollada ó seu arredor, vería que non é nada tan grave nin deshonroso. Senón, que mire pra a familia real, que levan anos facéndoo e vailles de puta madre… Sen vergoña.

A extraña parella

Domingo, Setembro 24th, 2006

traballo.JPG

Hai un mes que estou facendo fisioterapia por mor dunha lesión no xeonllo. O primeiro día que cheguei alí vin una habitación ampla, chea de trastos de madeira e bicicletas estáticas, pintada de azul ceo moi bonito, coma se iso puidese facer que a xente esquecese os seus males. A radio está sempre funcionando, reproducindo música moi actual. 

Pero por riba de Maná e Pereza sempre se escoitan as voces de dous homes peculiares, tan distintos coma o branco e o negro. Pasan todo o día a discutir de bromas, pero eu sei que se queren ben.

Un é Antonio, de Cotobade. Non sabería botarlle idade… rondará os 50 ou os 60. É do Real Madrid, moi culto, desas persoas ás que lles gusta facer ver o que saben. Trae moito un polo amarelo que ten, e leva sempre vaqueiros e uns zapatos deses de pel, cuns pequenos cordóns de adorno que rematan nunhas borlas tamén de pel. Gústalle picar á xente, levarlle a contraria a todo o mundo. Creo que nunca casou. E seica ten unha enfermidade dexenerativa.

Ó outro non lle sei o nome, chamámoslle ‘el extremeño’. Non sei se pasará dos 40. É culé coma min, e tan culto coma o Antonio (de feito é dos únicos que se atreve a rebatirlle as cousas). Vén sempre co seu pantalón de chándal  marrón, e unha camiseta moi frouxa dun ton semellante. Non lle importa deixarse picar polo Antonio, porque así ten a oportunidade de seguirlle o conto. O extremeño (reconvertido a galego) tamén ten algo especial. Ás veces cóanselle eses pronunciadas ó estilo extremeño no seu falar lento, e quédanlle moi graciosas. Supoño que esa sería unha das cousas que lle gustaron á súa muller…

A extraña parella ten un árbitro imparcial que é completamente distinto a eles: moi dinámico, cun don de xentes sen igual, con voz profunda e con moito poder nese microclima no que nos atopamos tres veces por semana. O fisioterapeuta anda tan tolo coma eles, por iso se sente tan cómodo alí, entre a extraña parella. Os tres falan das cousas máis surrealistas que se lles pasan pola cabeza. Que se a ‘Ley de pierna Gorda’ ou dereito de pernada, que se o panteísmo, que se en Cotobade naceron os sucesos paranormais, que se os caracois deben ir con salsa picante ou non… O seu único tema de actualidade é o fútbol, que sae puntualmente no 90% das conversas dos luns. O resto son cousas das que eu nunca oíra falar.

Ninguén se mete nas súas conversas, case a berros dun lado ó outro do ximnasio. Ó principio, os primeiros días, eu miraba para eles e ría, ata que o fisio lles dixo que era unha “periodistilla”, e empezaron a picarme. “A ver se vas levar unha gravadora no peto”, “Oes, ¿e por que non fas unha columna sobre as nosas conversas?”, “Non faledes diso, coidado co que dicides, que logo sae nos periódicos”, “¿E pa que vale ese aro que levas no nariz? ¿Por que non o pos no medio?”, “Ti diso non sabes, que es moi nova”, “Xa verás cando teñas mozo”… Eu déixome picar, estou encantada.

A extraña parella atrae cada vez máis adeptos, pero por moitos que sexamos os que interrompemos as súas conversas, eles saben que non han deixar de ser A EXTRAÑA PARELLA.

¿Que che pasa, corazón?

Mércores, Setembro 20th, 2006
  Ola, corazonciño meu.
Escríboche esta carta porque notei que ultimamente non estás ben… Nótote distinto. ¿Pásache algo? Igual pillaches un virus deses que andan por aí… Sei de moitos compañeiros teus que andan tamén medio revolucionados…
Non sei, pero para min que non pode ser bo que te aceleres tanto cando se achega ese rapaz… ¿Ti viches como te pos? Latexas e latexas sen parar, e poste todo tolo cando se achega ós beizos. Meu filliño, isto non che é normal…
Pero como che dicía antes, ó teu arredor hai moitos que andan máis ou menos nas mesmas, así que debe ser algo xeral. O meu cerebro contoume un segredo: hai tempo que non pode parar de pensar nese raparigo. Seica non se pode concentrar noutra cousa que non sexa imaxinalo preto, moi pegadiño, entre mimos e agarimos… ¡Aínda ha ser el a causa da vosa doenza!
E os ollos andan medio toliños tamén, ¿sabíalo? Estanse volvendo uns paranoicos. Contáronme que os viron fitando o portal onde vive el. Cada vez que pasan por diante teñen que facer unha paradiña para ver se está entrando na súa casa. E polo visto cando o teñen diante, iso xa é descarado: van arriba e abaixo polo seu corpo, percorréndoo en olladas furtivas, perseguindo as súas mans e os seus beizos, e buscando os seus ollos.
Pois nada máis, meu corazón. Espero que me contestes axiña, porque estou un pouquiño preocupada. Ultimamente noto que latexas máis por el que por min. Non sei se estás a ser completamente sinceiro comigo, o se son eu a que non é sinceira contigo… O caso é que non sei se estou medio namorada del, ou se só é un capricho… ¿Ti que pensas?
Anda, escríbeme axiña e cóntame… Bótote de menos, non quero perderte…
Moitos agarimos,
Eu