A extraña parella
Hai un mes que estou facendo fisioterapia por mor dunha lesión no xeonllo. O primeiro día que cheguei alí vin una habitación ampla, chea de trastos de madeira e bicicletas estáticas, pintada de azul ceo moi bonito, coma se iso puidese facer que a xente esquecese os seus males. A radio está sempre funcionando, reproducindo música moi actual.
Pero por riba de Maná e Pereza sempre se escoitan as voces de dous homes peculiares, tan distintos coma o branco e o negro. Pasan todo o día a discutir de bromas, pero eu sei que se queren ben.
Un é Antonio, de Cotobade. Non sabería botarlle idade… rondará os 50 ou os 60. É do Real Madrid, moi culto, desas persoas ás que lles gusta facer ver o que saben. Trae moito un polo amarelo que ten, e leva sempre vaqueiros e uns zapatos deses de pel, cuns pequenos cordóns de adorno que rematan nunhas borlas tamén de pel. Gústalle picar á xente, levarlle a contraria a todo o mundo. Creo que nunca casou. E seica ten unha enfermidade dexenerativa.
Ó outro non lle sei o nome, chamámoslle ‘el extremeño’. Non sei se pasará dos 40. É culé coma min, e tan culto coma o Antonio (de feito é dos únicos que se atreve a rebatirlle as cousas). Vén sempre co seu pantalón de chándal marrón, e unha camiseta moi frouxa dun ton semellante. Non lle importa deixarse picar polo Antonio, porque así ten a oportunidade de seguirlle o conto. O extremeño (reconvertido a galego) tamén ten algo especial. Ás veces cóanselle eses pronunciadas ó estilo extremeño no seu falar lento, e quédanlle moi graciosas. Supoño que esa sería unha das cousas que lle gustaron á súa muller…
A extraña parella ten un árbitro imparcial que é completamente distinto a eles: moi dinámico, cun don de xentes sen igual, con voz profunda e con moito poder nese microclima no que nos atopamos tres veces por semana. O fisioterapeuta anda tan tolo coma eles, por iso se sente tan cómodo alí, entre a extraña parella. Os tres falan das cousas máis surrealistas que se lles pasan pola cabeza. Que se a ‘Ley de pierna Gorda’ ou dereito de pernada, que se o panteísmo, que se en Cotobade naceron os sucesos paranormais, que se os caracois deben ir con salsa picante ou non… O seu único tema de actualidade é o fútbol, que sae puntualmente no 90% das conversas dos luns. O resto son cousas das que eu nunca oíra falar.
Ninguén se mete nas súas conversas, case a berros dun lado ó outro do ximnasio. Ó principio, os primeiros días, eu miraba para eles e ría, ata que o fisio lles dixo que era unha “periodistilla”, e empezaron a picarme. “A ver se vas levar unha gravadora no peto”, “Oes, ¿e por que non fas unha columna sobre as nosas conversas?”, “Non faledes diso, coidado co que dicides, que logo sae nos periódicos”, “¿E pa que vale ese aro que levas no nariz? ¿Por que non o pos no medio?”, “Ti diso non sabes, que es moi nova”, “Xa verás cando teñas mozo”… Eu déixome picar, estou encantada.
A extraña parella atrae cada vez máis adeptos, pero por moitos que sexamos os que interrompemos as súas conversas, eles saben que non han deixar de ser A EXTRAÑA PARELLA.
febreiro 2nd, 2008 at 4:34 am
Jajajaja, encantoume este pos-t teu, será que tamén son de Cotobade, alí haiche xente moi peculiar.
E, si, é verdade, en Cotobade naceron os sucesos paranormais.
Un aperta para a miña tocaia Lúa.