Archive for Outubro, 2006

Dixéronme centos de veces que non me psicoanalice

Sábado, Outubro 28th, 2006

 

Chema Madoz

“Dixéronme centos de veces que non me psicoanalice… Pero eu, fina coma sempre, mando a todo mundo a rañala cun toxo.”

Levo uns días así como morriñenta, medio resfriada e medio pensativa… non é unha boa combinación, beibi!

Onte, cando volvín a casa dende Santiago, tiña moitas ganas de escribir un post sobre o meu profe o friki… ¡que home! Prometo que o escribirei, porque ese tío é un auténtico personaxe, merece a pena coñecelo… Pero en troques, agora que me puxen escribir non me sae nada…

O roio é que ultimamente ando a cavilar moito no rápido que pasa o tempo. A verdade é que me produce un pouco de vértigo, coma desacougo. Entre as clases e o traballo non teño tempo case nin para lavar o pelo (vale, si, son un pouco esaxerada ás veces). Non sei, vexo que os días rematan cando eu aínda non terminei de desperezarme, que as semanas pasan e os apuntes van facendo pequenas moreas que nunca decrecen, que pasa o tempo e eu sigo aquí sola…

Antes aproveitaba estes momentos para pensar un pouquiño e escribir. Non me molestaba esa sensación. Agora, sen saber por que, todo é distinto. Cóstame traballo mesmo escribir, o que máis me gusta no mundo dende que era un retaco. É coma que non atopo o meu sitio, nin entre os de sempre nin moito menos con xente nova. Ando apirolada. Fálanme e non escoito. Esquézome do que ía dicir. Equivócome de días. Dáme preguiza facer calquera cousa.

Dixéronme centos de veces que non intente psicoanalizarme, que me raio moito, que son unha neurótica empedernida. Pero é que necesito saber o que me pasa. O meu problema é que non quero que ninguén se entrometa na miña vida, que a xente teña que estar pendente de min. E entón, cando me sinto mal, calo e trago. Vouno gardando en sacas que teño dentro de min, ata que un día están todas cheas a rebosar e claro… estoupo. Xa sei que non é bo, pero son así, ¿que lle hei facer? Son difícil de axudar, nunca deixo que se impliquen comigo. Unha das miñas 737.825 manías… ¡Hala! Aí queda un bo comezo para o meu auto-psico-análise.

Ai, se alguén puidese inventar unha fórmula máxica para poder conter o tempo… Non podo parar de pensar niso, e en lugar de reaccionar e aproveita-lo tempo, bótome a durmir. ¡Son do que non hai! ¡E logo veño chorar ó blog! jejeje. Se non teño de que queixarme non estou contenta…

Ma

Sábado, Outubro 14th, 2006

Neste momento estou acordándome moito dun libro de Stephen King que lin hai anos, moitos anos, creo que era Un saco de huesos. Era dun escritor ó que lle morrera a muller e dende aquela sufría o síndrome da páxina en branco: non era capaz de escribir nada, non lle viña a inspiración, quedaba paralizado.

Hoxe ía pola rúa con miña nai, e dixo algo que me deixou bastante inqueda: “Sei que non vou chegar ós 70, tal e como respiro… Estou segura de que morro antes dalgún problema respiratorio”. É moi chungo que túa nai che diga iso, así sen vir ó conto, cos seus 50 anos recén cumplidiños…

Isto fíxome pensar. Só levo 20 anoso vividos, e aínda me quedan (segundo esa teoría de miña nai) outros vinte para disfrutar dela. As cousas acaban, e as persoas non podemos ser menos.

Imaxineime sen ela por un momento, téndoa alí mesmo ó meu carón. ¿A quen ía chamar eu cando teño un problema? ¿A quen lle vou chamar “vieja”? ¿Con quen me vou meter? ¿Quen entenderá os meus chistes malos “estilo mamá”? ¿Con quen falarei cando queira dicir parvadas das miñas? Sen poder mirar para ela díxenlle: “Ai, mamá, ti tamén que cousas tes, muller…”, pero o que por dentro me pedía o corpo era collela polos ombreiros, zarandeala e dicirlle: “¡Non volvas dicir iso! ¿Non ves que non me podes deixar sola? ¿Que vou facer eu sen o teu apoio? ¡Non me deixes sola nunca! ¡Aínda son pequena!”.

Quero moito á miña nai, é o meu apoio fundamental. Non podedes imaxinar o que é contar con ela, apúintase a todo, e sempre é moi boa cos demáis. Para min é un exemplo a seguir, a verdade. Gustaríame ter esa marcha á súa idade, e seguir mantendo esa ilusión pueril que ela pon en cada cousa que fai.

O caso é que nese intre sentinme inútil e perdida no medio dun mar de dúbidas. É iso que non me deixa pensar nin escribir con claridade. Estou un pouco preocupada, porque a miña personalidade maníaca compulsiva non me deixa pensar noutra cousa…

O único que me tranquiliza é que ela é a única persoa no mundo que sabe máis ou menos o que significa para min, porque o intúe aínda que non llo diga nunca e só llo escriba de cando en cando.

 

 

Ma, te quiero mucho. Una peteta