Dixéronme centos de veces que non me psicoanalice
“Dixéronme centos de veces que non me psicoanalice… Pero eu, fina coma sempre, mando a todo mundo a rañala cun toxo.”
Levo uns días así como morriñenta, medio resfriada e medio pensativa… non é unha boa combinación, beibi!
Onte, cando volvín a casa dende Santiago, tiña moitas ganas de escribir un post sobre o meu profe o friki… ¡que home! Prometo que o escribirei, porque ese tío é un auténtico personaxe, merece a pena coñecelo… Pero en troques, agora que me puxen escribir non me sae nada…
O roio é que ultimamente ando a cavilar moito no rápido que pasa o tempo. A verdade é que me produce un pouco de vértigo, coma desacougo. Entre as clases e o traballo non teño tempo case nin para lavar o pelo (vale, si, son un pouco esaxerada ás veces). Non sei, vexo que os días rematan cando eu aínda non terminei de desperezarme, que as semanas pasan e os apuntes van facendo pequenas moreas que nunca decrecen, que pasa o tempo e eu sigo aquí sola…
Antes aproveitaba estes momentos para pensar un pouquiño e escribir. Non me molestaba esa sensación. Agora, sen saber por que, todo é distinto. Cóstame traballo mesmo escribir, o que máis me gusta no mundo dende que era un retaco. É coma que non atopo o meu sitio, nin entre os de sempre nin moito menos con xente nova. Ando apirolada. Fálanme e non escoito. Esquézome do que ía dicir. Equivócome de días. Dáme preguiza facer calquera cousa.
Dixéronme centos de veces que non intente psicoanalizarme, que me raio moito, que son unha neurótica empedernida. Pero é que necesito saber o que me pasa. O meu problema é que non quero que ninguén se entrometa na miña vida, que a xente teña que estar pendente de min. E entón, cando me sinto mal, calo e trago. Vouno gardando en sacas que teño dentro de min, ata que un día están todas cheas a rebosar e claro… estoupo. Xa sei que non é bo, pero son así, ¿que lle hei facer? Son difícil de axudar, nunca deixo que se impliquen comigo. Unha das miñas 737.825 manías… ¡Hala! Aí queda un bo comezo para o meu auto-psico-análise.
Ai, se alguén puidese inventar unha fórmula máxica para poder conter o tempo… Non podo parar de pensar niso, e en lugar de reaccionar e aproveita-lo tempo, bótome a durmir. ¡Son do que non hai! ¡E logo veño chorar ó blog! jejeje. Se non teño de que queixarme non estou contenta…