Archive for Novembro, 2006

Segundo asalto e K.O.

Xoves, Novembro 30th, 2006

Era  visto… Esta semana empeceina con gafe, e así tiña que rematala.

O domingo espertei con febre, e miña nai levoume a Santiago en coche para que puidese ir o luns á exposición en grupo que tiña que facer. Xa non puiden ir traballar o domingo, por suposto… Esa noite paseino tan mal, sola no piso, que estiven a piques de chamar unha ambulancia que me levase a urxencias. Tomei máis de 1g de paracetamol e non daba baixado de 39. Da exposición, o mesmo que do traballo. Tururú pajarito. Nasti de plasti. Total, que veu meu pai buscarme o luns ó mediodía en pleno temporal.

Coincidiu eses días que meu avó, que xa levava 5 semanas ingresado no hospital, púxose peor. O martes estivo a piques de morrer, pero os médicos amañaron o problema (flaco favor lle fixeron, pero de agradecer en todo caso…). Como o mércores estaba mellor (e eu tamén), pois collín autopista a Compostela. Cheguei, rematei un traballo que tiña que expoñer o xoves (hoxe) e marchei para a cama. Xa me soara o despertador, e sentín o móbil ó meu lado. Era meu pai. Morrera o avó.

Segundo asalto. Segundo intento en van nesta semana de ir a Santiago a expoñer traballos, e segundo avó que me morre. Desta non foi tan traumático.  Xa o tiñamos moi asumido. E xa sabiamos o que era.

Pasei todo o día entre o tanatorio e o coche, indo levar e traer xente, etc. Estou derrengada. Tanto andiven co coche que lle fixen un raiazo impresionante… (outro, segundo asalto de raiazos tamén na columna da entrada do garaxe). O colofón perfecto para unha semana de merda na que non perdín os ánimos nin un intre.

Nin sequera cando as que consideraba “as miñas amigas” non me chamaron para darme o pésame, ou se xa me baixara a febre… Segundo asalto para decatarme de que a xente non ten o mesmo concepto de amizade ca min. Segundo asalto e K.O.

E segundo asalto con “chico guapo“, que non me chamou esta semana para volver vernos o xoves noite (vaia, que sorpresa…), pero que polo menos contestou á miña mensaxe. A ver qué pasa.

Estou K.O. Vou pa cama.

Aínda que non o vaian ler, milleiros de gracias a todos os que me chamaron e se preocuparon. Non poden imaxinar como valoro todos eses pequenos detalles e canto me axudaron…

El triángulo de las Bermudas

Sábado, Novembro 25th, 2006

Peazo serie a que acaba de estrear Cuatro!! Incrible, friki, rebuscada, paranormal, con dous chicos guapos… ¿Que máis se pode pedir? O mércores foi o primeiro capítulo, e xa estou viciada dende que levaba media hora de emisión. Imposible aparta-la mirada. A serie en cuestión é “El triángulo de las Bermudas”. É que non quero contar nada dela, porque seguro que a cago. É mellor vela. Polo visto non é unha serie, senon unha mini-serie de tres episodios. Unha pena, porque me pareceu realmente interesante…

A verdade é que me emocionou moito, pero ó mellor foi porque me sentía algo identificada.  A miña vida podería meterse baixo o título de “O triángulo das Verduras”. Básicamente porque vivo con outras dúas amigas (desas que enchen a palabra de significado) e porque unha delas non para de traer verdura pa Santiago. Somos as tres de sempre, o triángulo. Antes éramos un cuadrado, pero a cuarta en discordia rematou a carreira e hai un ano que non a vexo… Iso non quita que nos acordemos dela (un biquiño para o noso Pitín de café sen azucre!). Bueno, o caso é que parece que estamos condeadas a comer revuelto de espinacas tódolos lunes á cea. As que sobran aprovéitanse o martes para a comida. Entre mércores e xoves xa rematamos tamén as acelgas que trae (sempre coa mítica salsiña de allada)…

O que eu vos diga… Somos o triángulo das Verduras!! E dende aquí reivindico o papel dos meus spaghetti e as miñas pizzas, ou polo menos o do brécol, os grelos e a tortilla de patacas! Jejeje

R

Xoves, Novembro 23rd, 2006

¡Que ben! Por fin temos Internet no piso!

 Isto é unha boa noticia para min, pero non para o resto do mundo, porque implica que agora non hai haber quen me erga da cama e me quite o portatil de enriba das pernas e porque, ademáis, agora escribirei máis. ¡Que friki son! ¡Yupiiiii!

 Bueno, de todas formas, estes días estou pensando en dicirlles ás nenas que teño o blog, pero creo que prefiro que non o saiban. Así poderei seguir escribindo sen cortarme.

Parvadas aparte, semana moi estraña na miña facultade. Por mor do congreso ese case non hai clases, cousa que nos vén moi ben, porque estamos ata arriba de traballo. Non sei como algunha non me deu unha merecida labazada para quitarme a tontería… Estas nenas…

Pero iso non quita que non poidamos sair. Onte fun coas de clase e pasámolo moi ben. En casa de Pau deunos por cantar cancións frikis (eu sabíaas todas, de McNamara a La Bella Durmiente del Bosque, pasando por “Pon tu mano en la mano de aquel que te da la mano”… En definitiva, que se nos foi moito a pinza. Rimos moito.

Agora vou traballar un pouquiño, e logo xa se iso escribirei os meus maga-plans para o finde e para as próximas semanas. A pesar de todo o que se nos vén enriba non podo parar de facer plans e buscar algunha forma alternativa de malgastar o meu tempo.

Ah! Por certo, estou a piques de acuñar unha nova frase mítica das miñas: “Yupiiiiiiii!” (é que hai que vivila en directo heheh). Xa veremos que pasa

Saudiños á do Mercedes

Domingo, Novembro 19th, 2006

coche-ojo.JPG 

Mensaxe para a f*ll* de ***a do Mercedes que me roubou o meu sitio para aparcar cando tiña que ir á facultade:

Olas, bonitiña! Seguramente non te lembres de min, pero tranquila, que se algún día te volvo ver polas rúas de Compostela xa te saudarei eu, que me quedei coa túa cara. Só quería dicirche que se algún día volves roubarme o meu sitio ou deixa-la túa carruaxe de oito quilos de euros aparcado no meu territorio, non te extrañes se che aparece coas rodas pinchadas ou cun raiazo que poña “A ver si sigues teniendo ganas de quitarme mi sitio, imbécil!!!”.

Aínda tes a oportunidade de pedirme perdón e deixar todo isto nun malentendido… É moi doado: se pasas por aquí, polo meu blog, deixa un comentario pedíndome perdón e recoñecendo que tiña todo o dereito do mundo a aparcar EU nese sitio.

Sen máis, mándoche unha cálida e sentida aperta. Saúda da miña parte ó Mercedes. ¡Ata outra, beibi!

Inflexión

Venres, Novembro 10th, 2006

delfin.jpg

Xa está, xa se acabou.

Hoxe (por primera vez esta semana) levanteime con forzas e decidín que ata aquí chegamos. Teño que cambiar a miña forma der ver as cousas. Non podo estar todo o día a pensar no rápido que pasa o tempo, porque así, por riba de que xa pasa rápido de seu, non o aproveito. Teño que exprimir ó máximo cada segundo, e teño que facelo porque si.

Onte volvinme de Santiago porque estaba mal, moi triste por todo o que está a pasar ó meu arredor. Pensei que uns días na casa me sentarían ben, e así foi. Hoxe xa me sinto capaz de afrontar algúns problemas. O que me fixo cambiar de actitude foi miña irmá, que a chamei porque necesitaba falar con alguén, pero ela estaba igual ca min e dixen: “Primeiro ela, vouna animar”. Obligueime a estar ben para poder tirar por ela, e estou moi contenta. Ela tamén vai estar moi contenta en canto chegue a casa, dentro dunhas horas. Diso ocúpome eu.

Tamén me obliguei a quedar cos amigos que hai tempo que non vexo. Teño que sair de casa.

A cada palabra que escribo síntome un pouco mellor, máis convencida. ¡A ver o que me dura! Hehehe.

Dende este preciso momento queda inaugurada oficialmente a etapa de posts non-pesimistas e non-raiantes!!

60

Luns, Novembro 6th, 2006

gota.jpg 

Sesenta. ¡Que número máis bonito! ¡Canta perfección concentrada en tan só dúas cifras!

Unha hora son 60 minutos e, á súa vez, un minuto son 60 segundos. 60 euros son 10.000 ‘dasantigaspesetas’, e falando de antigos, ¡que divertidos deberon ser os 60!

60… ¡É o número perfecto! ¿Ou non? Eu podería vivir toda a miña vida arrodeada de sesentas: durante 60 anos máis, con 60 amigos, nun piso de 60 metros cadrados, con 60 euros ó día, sen subir dos 60 quilos, con só 60 litros de auga ó día.

Porque, por moito que digan algúns insensatos, 60 litros ó día ben chegan. O caso é organizarse. Por exemplo, a primeira medida que, coma min, deberían tomar tódolos habitantes diso que chaman España é deixar de beber auga. ¿Para que existe a cervexa se non? Así xa aforramos dous litros por persoa e por día. Despois, para evitar gastar os 40 litros que consume o lavaplatos, poderiamos utilizar só platos, vasos e palancas de plástico. As potas que utilizamos para cociñar os alimentos poderiamos lavalas con servilletas de papel, que auga non teremos, ¡pero de eucaliptos andamos servidos! Aproveitando dámoslle chollo a Ence, que seica aínda lle queda un tempiño á beira do Lérez. Para aforrar o litro e medio que gastamos en lava-los dentes poderiamos mascar chicles deses para despois das comidas (e de paso, así tamén axudamos a un colectivo tan desamparado coma os dentistas). E para limpa-las mans, ¡pois como se fixo toda a vida! ¡Limpalas ó mantel/manga/pantalón ou ó xersei do teu irmán pequeno! E para aforrar os 80 litros dunha lavadora, poderiamos usar só ropa de algodón natural, dese que transpira tan ben. Usamos cada camiseta un par de veces e logo ¡ó lixo con ela! ¡Que doado!

Pero no que máis auga gastamos é en ducharnos. Aí si que, sentíndoo moito, non se pode escatimar, porque a hixiene é algo imprescindible para a nosa organización cultural e social. Doce litros por minuto é moito desperdicio, así que non nos queda outra: teremos que bañarnos en leite de cabra, como facía Cleopatra. ¡Anda que sabían pouco eses exipcios! ¡Se foron eles os que inventaron a cervexa!

En resumo, xa aforramos os 2 litros de beber, 40 do lavaplatos, 1.5 de cepilla-los dentes, ponlle outros 5 de lavar as mans varias veces ó día, os 80 da lavadora e aproximadamente 72 litros máis da ducha diaria… Un total de nada máis e nada menos que 200.5 litros ó día!!!! Pero o mellor de todo é que, seguindo as miñas propostas, ¡non consumimos nin tan sequera unha gota de auga!

Xa mo dicía miña avoa, que eu ía para ministra…

Chorar

Domingo, Novembro 5th, 2006

Facía xa bastante tempo que non choraba, pero hoxe non o puiden evitar.

Con todos estes lios que teño eu na cabeza, co que me estou a raiar co do paso do tempo, a morte e o non poder volver atrás…

Hai uns días morreulle o pai a unha das miñas mellores amigas. É desas coas que non falas todos os días, pero que cada vez que a ves parece coma se non houbese pasado nin unha semana dende as últimas risas e parvadas. El estivera na UCI varios meses, e ó principio eu chamábaa cada dous días, ou cada día. Pero ela prefería estar sola, non quería quedar nin para un café. Co tempo funa chamando menos, ata que ultimamente apenas a chamaba.

Onte unha amiga común levantoume da siesta para contarmo. Non puiden ir ó funeral porque tiña un traballo ó que non podía faltar, e tampouco quixen chamala antes para darlle un pouquiño de tempo, porque pensei que o necesitaría.

Chameina hoxe, e costoume moito falar con ela. Non sabía que dicir nin que facer, todo o que se me viña á cabeza me parecía inoportuno. Fun unha idiota, e en vez de intentar animala acabei chorando eu tamén cando me dixo que me quería. Sei que é a súa forma de agradecermo, e eu tamén lle agradezo moito que sexa quen de facelo nun momento coma este.

Sempre intento non chorar, pase o que pase. Pero hoxe non me importou chorar coa miña amiga, ainda que ela non saiba que tamén chorei.

Cando os meus ollos paren de chorar sei que me vai invadir unha terrible sensación de desacougo, aumentada por todas esas paranoias miñas e pola conversa coa miña amiga.

Chamadas inesperadas

Domingo, Novembro 5th, 2006

llamada.JPG

Esta está sendo unha semana moi rara… Festa o martes, traballo o xoves, non saír o sábado… E a miña gorxa chea de placas.

Despois deses días de raiadas que levaba, despois de sentir que non atopo o meu sitio, hoxe todo está patas arriba, pero noutro senso. Paréceme coma que teño medo a ser completamente feliz. Hai algo que falla, e non sei que é.

Todo isto revolveuse un pouco hoxe, cando recibín un par de chamadas que non esperaba. A primeira foi unha mala noticia. ¡Vaia forma de espertar da siesta! Pero a segunda foi bonita. Chamoume unha persoa á que quero moito, á que esperaba ver… pero non puido ser.

Vou deixando faragullas, para que todo o mundo siga ese rastro. Pero eu non quero que ninguén o saiba, porque non o sei nin eu.

O único do que estou certa é de que esa chamada me alegrou moito. Éche o que teñen os paxaros.

Fáltame algo

Sábado, Novembro 4th, 2006

 

soledad.jpg

 

¡Que ben! ¡Xa chegaron! Xa están aquí “eses días do mes” tan depresivos e propicios para pensar, ou mellor dito, para raiarse. 

Foi nestes días que me din conta de que non sei cal é o meu sitio. Despois de volver a Galiza xa nada é igual. A xente de sempre non é a miña xente, os sitios de sempre xa non son a miña segunda casa, as diversións de sempre xa non son divertidas, as tonterías de sempre non me fan nin sequera sorrir… ou ó mellor son eu, que xa non son a mesma. 

Todo isto fíxome pensar que necesito un cambio na miña vida. Teño todo o que podería desexar, pero hai algo no que non caio. Fáltame algo e non sei o que. A relación coa miña familia é mellor ca nunca; teño bos amigos de verdade; teño algunhas asignaturas interesantes; teño traballo; estou relativamente ben de saúde, quitando ese encordio de xeonllo que non me deixa en paz… 

En fin, teño saúde, cartos (poucos, pero meus) e amigos. Paréceme que non creo no amor, ou polo menos non quero que chegue polo de agora. Ás veces son demasiado independente, pero outras veces dáme a sensación de que me falta algo. Se non é iso non sei que outra cousa podería ser, ademais de un pouco de tempo para min. 

¿Para que serve o amor? ¿Que gañamos estando namorados? E sen embargo, ¡canta xente está desexando namorarse e ser correspondido! ¿Por que eu non? ¿Son rara? ¿Son unha asocial? ¿Que é o que falta na miña vida realmente? 

Todas estas preguntas me baten todo o día na testa. De cando en cando intento convencerme de que sería bonito ter alguén que fose máis ca un amigo, pero axiña a miña mente rexeita esa idea. 

E dentro de min segue a faltar algo… 

¿Que é?