Fáltame algo

¡Que ben! ¡Xa chegaron! Xa están aquí “eses días do mes” tan depresivos e propicios para pensar, ou mellor dito, para raiarse.
Foi nestes días que me din conta de que non sei cal é o meu sitio. Despois de volver a Galiza xa nada é igual. A xente de sempre non é a miña xente, os sitios de sempre xa non son a miña segunda casa, as diversións de sempre xa non son divertidas, as tonterías de sempre non me fan nin sequera sorrir… ou ó mellor son eu, que xa non son a mesma.
Todo isto fíxome pensar que necesito un cambio na miña vida. Teño todo o que podería desexar, pero hai algo no que non caio. Fáltame algo e non sei o que. A relación coa miña familia é mellor ca nunca; teño bos amigos de verdade; teño algunhas asignaturas interesantes; teño traballo; estou relativamente ben de saúde, quitando ese encordio de xeonllo que non me deixa en paz…
En fin, teño saúde, cartos (poucos, pero meus) e amigos. Paréceme que non creo no amor, ou polo menos non quero que chegue polo de agora. Ás veces son demasiado independente, pero outras veces dáme a sensación de que me falta algo. Se non é iso non sei que outra cousa podería ser, ademais de un pouco de tempo para min.
¿Para que serve o amor? ¿Que gañamos estando namorados? E sen embargo, ¡canta xente está desexando namorarse e ser correspondido! ¿Por que eu non? ¿Son rara? ¿Son unha asocial? ¿Que é o que falta na miña vida realmente?
Todas estas preguntas me baten todo o día na testa. De cando en cando intento convencerme de que sería bonito ter alguén que fose máis ca un amigo, pero axiña a miña mente rexeita esa idea.
E dentro de min segue a faltar algo…
¿Que é?