Chorar

Facía xa bastante tempo que non choraba, pero hoxe non o puiden evitar.

Con todos estes lios que teño eu na cabeza, co que me estou a raiar co do paso do tempo, a morte e o non poder volver atrás…

Hai uns días morreulle o pai a unha das miñas mellores amigas. É desas coas que non falas todos os días, pero que cada vez que a ves parece coma se non houbese pasado nin unha semana dende as últimas risas e parvadas. El estivera na UCI varios meses, e ó principio eu chamábaa cada dous días, ou cada día. Pero ela prefería estar sola, non quería quedar nin para un café. Co tempo funa chamando menos, ata que ultimamente apenas a chamaba.

Onte unha amiga común levantoume da siesta para contarmo. Non puiden ir ó funeral porque tiña un traballo ó que non podía faltar, e tampouco quixen chamala antes para darlle un pouquiño de tempo, porque pensei que o necesitaría.

Chameina hoxe, e costoume moito falar con ela. Non sabía que dicir nin que facer, todo o que se me viña á cabeza me parecía inoportuno. Fun unha idiota, e en vez de intentar animala acabei chorando eu tamén cando me dixo que me quería. Sei que é a súa forma de agradecermo, e eu tamén lle agradezo moito que sexa quen de facelo nun momento coma este.

Sempre intento non chorar, pase o que pase. Pero hoxe non me importou chorar coa miña amiga, ainda que ela non saiba que tamén chorei.

Cando os meus ollos paren de chorar sei que me vai invadir unha terrible sensación de desacougo, aumentada por todas esas paranoias miñas e pola conversa coa miña amiga.

Leave a Reply