Archive for Xaneiro, 2007

Conclusións e moito que aprender

Domingo, Xaneiro 28th, 2007

Xa non queda nada para os exames, e vou fatal de tempo. Sen embargo, mirade, aquí estou, pegada ó portátil, buscando unha posible vía de escape para os meus pensamentos.

Non me entran os apuntes na cabeza, e todo porque “alguén” está ocupando todo o meu espacio cerebral por algo que fixo… Bueno, que eu creo que fixo, para ser máis exactos. Velaí a miña teoría maníaco-paranoide:

Creo que está así a medias con algunha outra rapaza. Isto dígoo baseándome en que estivemos falando dous días no messenger e foise porque quedara, e tamén en que o outro día veu á miña casa un momento pola tarde e invitámolo a quedar a cear, pero dixo que non e marchou. Esa noite mandeille un sms por unha parvada e non me contestou, e o día seguinte pregunteille por casualidade que tal lle fora logo de marchar da nosa casa… e díxome que quedara para cear.

Conclusión: quedou coa rapaza esa, e por iso non me contestou a mensaxe. ¿Por que non me dixo en casa que quedara para cear con outra(s) persoa(s)? Eu non lle ía preguntar nada, nunca o fago.

Por unha banda, vexo completamente normal que estea xa cansado de min, polo toxo que son. Non me sae contestar un piropo cunha frase bonita, e todo o tomo a cachondeo. Pola outra banda tamén o vexo normal, porque somos amigos dende hai pouco, e como son unha tía pois igual lle daba corte…

O peor é que non sei por que me raio. Eu sempre paso destas cousas, nunca me importaron moito, e o feito de que me estea a raiar agora fai que me raie aínda máis, e así non podo estudiar!! E non lle boto culpa ningunha, porque non lle din moito pé e non lle podo botar nada en cara.

E a pesar disto non teño a sensación de que me guste nin de “quéroo só pra min”. ¿É puro egoísmo? Pois xa está, non quero ser egoísta, así que xa me estou poñendo a estudiar… A ver se me concentro algo logo deste desbaralle.

Conta atrás

Sábado, Xaneiro 20th, 2007

Empeza xa a conta atrás… Non queda nada para os exames, e a verdade é que aínda non me puxen a estudiar en serio. Mañá empezo, que hoxe estou derrengada. Este ano vai ser duro, pero polo menos remato cedo e poderei descansar no Entroido. Logo estou pensando en irme a Barcelona de viaxe. Quero alonxarme un tempo de todas as cousas que teño macerando na cabeza.

Unha desas cousas que me raian é un amigo. Coñézoo dende hai uns meses, pero dende decembro estabamos véndonos bastante. Un café con el nunca dura menos de tres horas, independentemente do traballo que teña ou da présa que leve… Así empezamos a coñecernos máis, a falar bastante e a contarnos cousas máis personais. As nenas din que lle gusto, e que é o típico tío co que eu estaría ben… Non sei de onde sacan iso, pero en fin…

O caso é que sempre me manda indirectas e me di cousas bonitas, pero eu son un pouco toxo e nunca lle sigo por eses camiños. Teño pánico a esas cousas. Mellor dito, fobia. Creo que eu non vaio para ter unha relación seria nin nada diso.

Pero o peor é que de tanto como mo dixeron, acabei por crer que podería estar ben cunha persoa así. A verdade é que é moi bo, non me dá a sensación de que sexa desas persoas que van a foder ó resto do mundo. Estou feita un lío con iso, e agora non é o mellor momento para pensar en cousas que non estean escritas nos meus apuntes fotocopiados…

Hai xa uns días que non falamos nada, paréceme raro que non me mandase mensaxe. Ó mellor está moi ocupado, ou simplemente espera a que o mande eu. Pero non sei se mandalo, porque non sei nin que dicirlle nin se o quero mandar.

O mellor vai ser que vaia pa cama e me deixe de lerias. Xa mañá verei que fago… se consigo decidir algo.

Ups!

Mércores, Xaneiro 10th, 2007

Xa hai días que non escribo nada… A verdade é que en parte é porque ando moi liada en datas previas ós exames, pero tamén porque non me apetece.

O outro día liena ben liada… Realmente aínda non sei as consecuencias dun erro que cometín involuntariamente, e teño medo de chegar a sabelas. Estame sendo moi difícil afrontar esta nova situación, e tenme bastante preocupada. É por iso que non escribo, para non pensar en nada. Agora estou empezando a mastigalo, e axiña farei unha chamada telefónica para intentar ver ata onde chegan esas consecuencias. De verdade que me dá moito medo, aínda que non é nada que non teña solución… Sei que é unha parvada, e que dentro dun mes nin sequera o recordarei, pero ás veces a mente humana évos así de tontiña…

Agora o único que intento é manterme ocupada, non pensar, ter a cabeza distraida… Por iso estou adiantando moitísimo traballo que tiña que facer para as clases.

Din que non hai mal que por ben non veña

Noite monárquica

Venres, Xaneiro 5th, 2007

Meu pai sempre me di que é unha tontería ser republicana, porque a maioría dos países con mellor calidade de vida en Europa son monarquías. A min non me importaría, se os reis fosen coma os que van vir esta noite.

Normalmente sempre me deprimo por estas datas: a volta á facultade, os días tan curtos, o frío, o egoísmo disfrazado de caridade, os villancicos (mira que son noxentos!!)… Pero este ano non mo vou permitir.

Así que, sensiblerías aparte, hoxe vou levar á cabalgata dos Reis Magos á miña prima pequena. Imos recoller caramelos, coma sempre, intentando desviar os que veñen directamente ós ollos cunha forza insospeitada nun neno de 7 anos. Vouna coller no colo cando cheguen os tambores e os cabalos (é que lle dan medo). E imos pasar por unha cafetería de camiño a casa para tomar un chocolate ben quentiño. Cando cheguemos, o roscón de Reis estará na cociña, presidindo a mesa, sen que ninguén saiba cando o puxeron alí (xúrovolo, nunca xamais conseguimos pillalos in fraganti nese momento, a pesar de que sempre estamos na casa). Logo, cando a veñan buscar, seguirei pensando no bonita que é esta noite cando se é pequeno…

E de grande tamén. Teño previsto poñer o despertador para que soe a cada hora, e levantarme ó salón a ver se xa están os regalos e se os camellos xa beberon o leite. A miña experiencia dos últimos anos dime que adoitan pasar bastante tarde pola miña casa, non antes das 8. ¿Será que dubidan entre os agasallos e o carbón? ¡Eu fun moi boíña!

Non o sei, xa vos contarei…

Am|go5

Mércores, Xaneiro 3rd, 2007

Non sei por que é isto, pero cando algún amigo me di de quedar a tomar algo, éntranme uns nervios que non podo aturar. Son incapaz de afrontar situacións deste tipo, e xa sei que é unha tontería, que non pasa nada, que non teñen por que pillarse comigo os meus colegas… pero sinto algo parecido ó que debe ser o pánico escénico.

O outro día quedei cun amigo, pero a medida que pasaba o tempo as conversas volvíanse máis personais e profundas. Contamos segredos, falamos do pasado… Despois de 3 horas de café aínda fomos dar unha volta por aí. E logo, ó cabo duns días, pasamos toda a tarde a falar por internet, e seguimos contándonos cosas que non sabiamos do outro. Empecei a poñerme nerviosa cando me decatei que antes falabamos de amigos comúns, pero desta só estabamos a falar de nós mesmos, preguntándolle máis cousas ó outro. É algo moi nornal en min, nunca paro de facer preguntas… pero non sei se el o entendería doutro xeito.

Ás veces dime cousas que me deixan un pouco volada e que non sei como interpretar. Chámame princesa, bombón, e cousas do estilo. Dáme corte contestarlle como lle contestaría a un amigo normal, porque teño medo de que pense que me gusta, ou paranoias desas que se montan os tíos.

É que nin sequera sei se lle gusto algo… Pero polo menos a min non me gusta que aparecese na miña vida xusto no intre en que decidín que de solteira se está moi ben, pero que ás veces non vén tan mal ter alguén especial ó lado.

Creo que o mellor é non darlle máis voltas…