Archive for Febreiro, 2007

Empezando con forza

Mércores, Febreiro 28th, 2007

Creo que o luns me debeu coller o frío, pero as cousas van mellor aquí en Santiago que en casiña. A culpa do resfriado é das miñas compañeiras de piso, que están tolas. A unha delas déronlle por fin, despois de oito meses, o seu título de licenciada en papel. Non podiamos deixar de celebralo, ¿non? Así que, a golpe de luns, collimos e quedamos con outras tres rapazas. Elas fóronse prontiño, pero as do piso quedamos.

Estivemos ata as tantas (máis das sete), e ó día seguinte non conseguín erguerme para ir á primeira clase que tiña… pero bueno, son os primeiros días, tampouco podemos empezar de golpe, que igual me crea un trauma jejej

Onte instauramos unha nova tradición: os martes toca ver House, as tres nos sofás do salón, coa mantiña nas pernas, e comendo palomitas.

Ah! E unha nova tradición para min: voume apuntar ó ximnasio!! Elas non me acompañan (cousa rara, porque estes días non me deixan sola nin un segundo) por incompatibilidade de horarios. Pero non pasa nada, porque se tal xa nos poremos xuntiñas a facer “batuka” dese logo de comer…

Bueno, vale, de acueddo… Pois vai ser que si!

Luns, Febreiro 26th, 2007

Veeeeña, POIS VAI SER QUE SI. Xa levo un par de días bastante mellor, con algún pequeno momento de baixón, pero bueno, imos indo que non é pouco, como se di por aí. Outra vez mil gracias a todos, que me estades dando moito ánimo.

Bueno, hoxe foi un día importante. Volvín a Santiago e xa empecei a ir a clase despois da época de exames (léase “catástrofes, jejeje) . Veume moi ben ter de novo obligacións e cousas que facer, porque así polo menos oblígome a levantarme e aproveitar o tempo. ¿Quen mo ía dicir? Estaba desexando que empezasen as clases outra vez!! Esta semaniña será de comprobación e asentamento, pero creo que vou polo bo camiño.

Así que a partir de agora xa poderedes esperar posts máis alegres, coas parvadas que me van pasando no día a día, as tonterías que facemos no piso e todo tipo de cousas raras.

Moitas gracias a todos pola vosa axuda e a vosa paciencia. Xa vos contarei como vai a semana.

Unha aperta moi forte!!

Pois vai ser que non…

Venres, Febreiro 23rd, 2007

Pois vai ser que non, que a miña racha de mala sorte non acaba aquí. Estaba moi decidida a volver arrancar de novo coa miña vida normal, pero é que non podo. Non paro de recibir palos por todos lados. O peor é que sei que non é tan grave, pero non podo asumir as cousas, e fanme moito dano.

Onte entereime de que suspendín outra asignatura máis, e xa vai a segunda nun cuadrimestre… Non estou afeita a suspender, e sentín que todo o meu esforzo non me valeu de nada. A isto uniuse que había un tema das miñas dúas mellores amigas de clase que me molestara moito, e co baixón estoupou todo.

Miña nai pilloume chorando, e portouse moi ben. Quedou comigo ata que parei, acompañoume ó traballo, ofreceuse a vir buscarme, falou comigo… É a persoa que máis se preocupa por min do mundo. Pero eu son idiota, e non me podo controlar. Para agradecerllo, hoxe faleille fatal por unha tontería. Díxenlle que non confiaba en min, porque así mo pareceu. Dóeme moito que non confíe en min, porque ela é a única persoa na que eu confío ás cegas, e quero que ela tamén se poida apoiar en min… pero agora xa non vaio para iso, e en vez de ser un apoio jodinlle o día de Ravachol, preocupeina e fíxenlle sentir mal. Son o peor… Necesito saír da casa, pero non teño nin forzas nin sitio onde ir agocharme de todo.

Non sei como coller todo isto, e o que menos quero é facerlle mal a ela. Por fóra intento que pareza que estou ben, pero xa me empeza a ser difícil disimular. Onte no traballo os meus compañeiros non paraban de dicirme que tiña mala cara, e case me poño a chorar outra vez alí. Non quero que ninguén o saiba…

Perdoádeme por estes posts que escribo ultimamente, sei que son un coñazo, pero é que me sinto tan perdida en medio de todo que non sei nin o que teño que facer.

O enterro do loro

Venres, Febreiro 23rd, 2007

Como viña contando no post anterior, o Ravachol morreu o luns de Entroido. Pontevedra quedou paralizada, e Don Perfecto montou un velatorio nun rinconciño da botica. Tódolos pontevedreses quixeron achegarse a darlle o pésame ó boticario e ver ó Ravachol por derradeira vez. Os que se achegaban  a Don Perfecto consolábano dicíndolle cousas como ‘Quede tranquilo, que loro mellor atendido ca este non o houbo nunca’, ou ‘Sempre se van os mellores’… Non sabería dicir ata que punto ían en serio estas palabras ou se só eran unha ironía máis do Entroido…

En fin, o caso foi que se organizou unha procesión co cadáver do loro que percorreu as rúas máis céntricas da vila. Creo que incluso acudiu acompañar o desfile o coro onde tocaba Don Perfecto, ‘Aires D’a Terra’, e alguén me contou que ían tocando a marcha fúnebre.

Ó ver pasar a procesión que seguía ó pequeno cadaleito de madeira, un visitante preguntoulle a un home que acontecera para que houbese semellante loito na cidade, e éste respondeulle que morrera un loro. Contan que o guiri se virou para a súa familia e dixo: ‘Eu quero vivir nunha cidade coma esta’.

E ata agora. Cada ano, o Entroido despídese da Boa Vila cun desfile de pontevedreses de riguroso loito, cregos, bespos, supostas ‘amiguitas’ do Ravachol e vellas plañideiras que acompañan ó boneco no seu último paseo polas rúas do centro, dando unha volta ata chegar á Ferreiría, onde posteriormente será incinerado para volver a rexurdir das súas cinsas ó ano seguinte.

Os que van no desfile levan todos un pano, e van chorando e contándolles ós que o están a mirar a profunda dor que lles causa a morte do loro. É imposible ir ver un desfile e que non che veñan falar polo menos dúas ou tres velliñas enloitadas, cada unha contando canto lle quería ó Ravachol. O humor negro é condición indispensable.

É que con todo, ó final o loro converteuse no símbolo do Entroido pontevedrés, na guinda do pastel. Meu pai sempre di que nin sequera Franco conseguiu acabar con estas festas na cidade, e que a xente ten moito costume de vivilo. Sen embargo eu creo que hoxe en día a cousa perdeu moito. Si, é certo, se o tempo acompaña o desfile é multitudinario, e saca a relocer esas pequenas perlas de humor negro galego que todos levamos dentro. É todo un espectáculo, a verdade… Pero a pena é que seguramente poucos deles coñecen a historia en profundidade.

A min paréceme preciosa, e por iso quixen compartila con todos vós. Creo que é unha das cousas máis bonitas e divertidas de Pontevedra.

Non sei se alguén o fixo, pero habería que recompilar todas as anécdotas que se lembran desta especie de doctor House con plumas, bico e ás. Habíaas moi boas, pero algunhas non as puxen porque tampouco as tiña completamente certas… Mirei en catro libros distintos, e a verdade é que aínda se contan máis das que están recollidas neles.

Espero que vos gustase moito a historia.

Ravachol, o loro máis famoso de Pontevedra

Xoves, Febreiro 22nd, 2007

 dsc00254.JPG

Xa está acabando o Entroido, pero aquí, en Pontevedra, aínda queda o mellor… ¡a noite do Ravachol!O Ravachol é un boneco que se fai para pechar o Entroido na cidade do Lérez. É coma o enterro da Sardiña, pero cunha historia preciosa por detrás, moi galega. ¡Ollo, que non é unha lenda! Aconteceu de verdade… E a cousa foi así: 

Corrían os primeiros anos do século XX. Pontevedra era unha vila de señoritos, con carruaxes que pasaban continuamente por diante da igrexa da Peregrina.Alí era precisamente onde Don Perfecto Feijoo tiña a súa botica, en pleno centro da Boa Vila, e onde vivía e trouleaba o pontevedrés máis famoso da época, un tal Ravachol.Ravachol era un loro verde e faltón, espelido coma poucos, sarcástico e irónico ata o punto de que os que non lle caían ben  tiñan auténtico pavor a ter que verse as caras con el. Un auténtico ‘pico de oro’.Antes de que Don Perfecto o comprase, o Ravachol vivira durante unha temporada nun cuartel, e por iso logo o boticario lle chamou así, coma o anarquista francés. Pero axiña o loro veu para Pontevedra, e acomodouse alí, na farmacia da Peregrina.

O Ravachol fíxose famoso porque repetía tódalas frases que escoitaba na botica, e tiña a capacidade de repetilas xusto no momento máis inoportuno. Ás veces andaba pola rúa da Peregrina, dirixindo o tráfico cos seus ‘arres’ e ‘xos’. Outras veces, cando Don Perfecto estaba na rebotica e entraba xente, o loro avisaba ó seu dono berrándolle ‘¡Don Perfeuto, hai parroquia!’ (agás se era unha señora moi maquillada, que entón prefería urlar ‘¡Don Perfecto, puta!‘). E unha vez que viñeran predicar dous famosos relixiosos á Peregrina, aproveitando un momento de silencio nos rezos, o Ravachol soltou con voz aguda, coma quen eu-non-fun, ‘¡Bárbaro! Se collo a vara…’. Sabía as oracións, e rezaba ó mesmo tempo que os fregueses. Pero as súas palabras preferidas, as que máis repetía, eran esas que facían estoupar os oídos de Emilia Pardo Bazán, que unha vez, cando saía xa da botica, tivo que virarse e corrixilo: ‘¡Eres tan malhablado como tu dueño!’.

Esas mesmas frases eran as que repetía cando o levaban ó Teatro Principal a conversar co público… ¡Imaxinade a labia que tiña o paxaro!Pero volvendo á botica, por alí pasaban non só os enfermos, senón todos os que querían saber que se cocía na vila e tódalas personalidades locais do momento: Pardo Bazán, Montero Ríos, Sagasta, Pablo Iglesias, Albéniz, Zorrilla, Galdós, Unamuno… A moitos deles o Ravachol non lles tiña moito aprecio. De feito tiña especial teima cos políticos. Non lle importaba con quen estivese falando, el soltaba o que lle viña en gana. Entre as súas frases preferidas (eliminando as palabrotas, claro), estaban ‘Un patacón de manesia’, ‘Aquí non se fía’ ou a súa ameaza favorita: ‘¡Se collo a vara…!’. Así era como Don Perfecto o ameazaba a el cando se pasaba dándolle á lingua.Un bo día Barreiro, o barbeiro do outro lado da rúa, comprou un loro. Ravachol non estaba disposto a compartir protagonismo con ninguén… ¡Bo era el! Entón foi cando aprendeu a berrar ‘¡Barreiro, mata a ese loro! ¡Barreiro, mata a ese loro!’. Así vos falaba o Ravachol…

Pero un día, a finais de xaneiro do 1913, o pontevedrés máis fedello e malfalado da vila caeu enfermo. O 27 de xaneiro o Diario de Pontevedra recollía a tráxica noticia: ‘El loro de D. Perfecto Feijoo ha muerto’. A vila lerezana estaba conmocionada.

 

E ata aquí por hoxe. Mañá prometo contar como morreu o loro e naceu a lenda, o icono dos Entroidos coma os que xa non quedan en Galicia. Como sobreviviron en Pontevedra a retranca, a ironía e as ganas de rirse de todo, un rescoldo dos vellos Entroidos.

Agora, o loro volve rexurdir das súas cinsas cada ano, cun novo disfraz, criticando algún aspecto ou feito da vida en Pontevedra. Este ano protesta polas longas listas de espera no CHOP (Complexo Hospitalario de Pontevedra, o SERGAS, vamos…), e vén de cirurxián.

 Só unha cousiña máis… O venres darase o derradeiro adeus ó Ravachol cun paseo polas rúas máis céntricas da época e a posterior incineración do seu corpo na praza da Ferreiría, tan vinculada ó Entroido pontevedrés. Estades todos invitados, garanto a diversión.

Moitas gracias

Mércores, Febreiro 21st, 2007

Moitísimas gracias a todos, de verdade. Non sei nin como me sinto despois de todos eses comentarios… Só podo dicirvos que non sei nin como darvo-las gracias. Animáronme moito.

Hoxe, despois de dous días en cama, sen levantarme nin sair á rúa, nin falar con ninguén, en pixama todo o tempo, por fin decidin erguerme. Foi un esforzo enorme, pero ó final conseguino. Ducheime, vestinme e sain. Fun ver unha exposición de fotografía, na que había cousas dun dos meus favoritos, Chema Madoz. A medio camiño pensei en volver a casa e deitarme outra vez, pero seguín camiñando, evitando as rúas do centro para non ter que cruzarme con ningún coñecido. Vin a exposición, que tampouco me pareceu gran cosa, e logo fun comprar algunhas chucherías, esquivando ós nenos disfrazados que se cruzaban no meu camiño.

Ó chegar a casa falei cunha das miñas mellores amigas, unha das do piso, e conteille o que me pasaba. Meus pais están empezando a decatarse de que algo non vai ben, e meu pai xa me chamou a falar con el. O que pasa é que non teño tanta confianza como con miña nai, e a el non lle podo contar nada porque non hai nin seis meses que morreu meu avó. Ademáis ten tendencias depresivas. O que non quero é ser unha carga.

Así que creo que falarei con miña nai cando volva á noite de sair (cando volva ela, que eu xa nin saín porque non teño forza para facer nada). Non quero volver ó médico a que me empastille, así que xa verei como facemos.

Haberá dous anos tiven que ir ó médico porque estiven bastante mal de ánimo. Estivera anos sen que ninguén o notase, e cando xa non puiden máis miña nai estivo aí, animándome e guiándome. Axudoume un montón, e conseguiu que por fin fose ó médico. Deume unhas pastillas que tomei durante uns meses, pero logo empecei a notarme mellor e deixeinas. Non llo dixen a ninguén tampouco, e ninguén o sospeitou. Recupereime sola, pouco a pouco. Por esa época morreu un dos meus avós, era a primeira vez que me pasaba algo así tan de preto, e seguín sen pastillas, apoiando ós que estaban peor ca min. Polo verán conteille a miña nai e ó médico que deixara as pastillas, e xa nunca maís souben delas.

Iso é o que quero: sair adiante sen pastillas nin merdas desas, co apoio de miña nai e as miñas amigas de verdade, e volver sair reforzada. Prometo que non vou ser unha carga, e que vou corresponder ó esforzo que fagan por min para recuperarme pronto.

Moitas gracias de novo a todos…

Crise de personalidade

Luns, Febreiro 19th, 2007

Nestes días de descanso e de vacacións, a miña crise de personalidade foi a máis en vez de desaparecer, como pensaba que acontecería.

Non sei que é o que me pasa, pero xa non teño forza nin ganas de nada. Erguerme polas mañás é un suplicio, un castigo. E moito mellor me sería quedar na cama, porque ultimamente non me sae nada ben, meto a pata con todo o que fago.

Todo comezou porque empecei a notar que me faltaba algo, pero non sabía o que. Pensei que ó mellor podería ser porque me sentía sola, porque son das únicas “non-casadas” das miñas amigas, ou porque elas non se decataban de que eu andaba tristeira eses días. Cada unha estaba cos seus exames, e claro, non estaban para caer en que cando eu non falo é que necesito falar.

A raíz diso, pensei que podería ser bo deixar a un lado esa fobia que teño ás relacións e ós sentementos. E non sei por que, pensei que entón sería necesario deixar de ser tan “macholo”, e propúxenme ser máis feminina: deixar de dicir tacos, sentarme ben á mesa, interesarme por cousas de chicas… As nenas do piso animáronme moito para que me arreglase máis e coidase algo o que levaba posto, mentres que os nenos do traballo me dixeron que non crían nin palabra, e así pasaron un par de semanas.

Agora estou aquí, sen que ninguén saiba como me sinto, e cada vez con menos ganas. O único que quero é pasar a noite en vela para poder durmir todo o día e que o tempo se pase máis rápido.

San Valentín

Mércores, Febreiro 14th, 2007

Hoxe xa cumplín o meu obxectivo. Son as 13:53 e xa pasei máis de 12 horas do día durmindo.

Non quero ter que aturar os programas asquerosos eses de San Valentín na tele e na radio, nin ver os escaparates todos de color rosa e vermello.

Hoxe propúxenme non enterarme.

Luns, Febreiro 12th, 2007

Onte saín tomar algo co rapaz aquel do que xa escribira algunha vez. Xa levaba tres días seguidos dicíndome que se quedabamos á noite pa dar unha volta, cear ou ir ó cine, pero sempre lle dicía que non por medo, e xa me daba palo dicirllo outra vez.

Estivemos falando bastante, porque estaba preocupado por algunhas cousas do traballo. Eu ó final, contra os meus principios, acabei contándolle o que me preocupaba a min: tódolos amigos importantes que me deixaran tirada no pasado sen dar explicacións estaban volvendo á miña vida, pedíndome axuda agora que se sentían sos.

Eu creo que lle quedou algo por contar, non sei por que me dá que anda aí aí con algunha rapaza. E máis que preocupada ou triste, síntome coma se se me quitase un peso de enriba, coma se tivese un problema menos.

Agora o que vou facer é intentar esquecer todo por uns días, ir pasear á Lanzada e desconectar un pouquiño ata o Entroido.

Llora

Sábado, Febreiro 10th, 2007

No lo dudes,

llora si lo necesitas,

porque el calor de las lágrimas

que caigan por tus mejillas

será más sincero

que cualquier otra caricia.

 

Llora, no lo dudes,

pero que nadie te vea.

Nunca dejes que se enteren,

que nadie sepa que flaqueas.

Escóndete en la soledad,

que nadie se dé cuenta.

 

Y aprovecha el mal momento

Para volver a sentirte vivo,

y como el ave fénix

resurge de lo que has sido.

No esperes nada de nadie,

Sólo puedes contar contigo.