Ravachol, o loro máis famoso de Pontevedra
Xa está acabando o Entroido, pero aquí, en Pontevedra, aínda queda o mellor… ¡a noite do Ravachol!O Ravachol é un boneco que se fai para pechar o Entroido na cidade do Lérez. É coma o enterro da Sardiña, pero cunha historia preciosa por detrás, moi galega. ¡Ollo, que non é unha lenda! Aconteceu de verdade… E a cousa foi así:
“Corrían os primeiros anos do século XX. Pontevedra era unha vila de señoritos, con carruaxes que pasaban continuamente por diante da igrexa da Peregrina.Alí era precisamente onde Don Perfecto Feijoo tiña a súa botica, en pleno centro da Boa Vila, e onde vivía e trouleaba o pontevedrés máis famoso da época, un tal Ravachol.Ravachol era un loro verde e faltón, espelido coma poucos, sarcástico e irónico ata o punto de que os que non lle caían ben tiñan auténtico pavor a ter que verse as caras con el. Un auténtico ‘pico de oro’.Antes de que Don Perfecto o comprase, o Ravachol vivira durante unha temporada nun cuartel, e por iso logo o boticario lle chamou así, coma o anarquista francés. Pero axiña o loro veu para Pontevedra, e acomodouse alí, na farmacia da Peregrina.
O Ravachol fíxose famoso porque repetía tódalas frases que escoitaba na botica, e tiña a capacidade de repetilas xusto no momento máis inoportuno. Ás veces andaba pola rúa da Peregrina, dirixindo o tráfico cos seus ‘arres’ e ‘xos’. Outras veces, cando Don Perfecto estaba na rebotica e entraba xente, o loro avisaba ó seu dono berrándolle ‘¡Don Perfeuto, hai parroquia!’ (agás se era unha señora moi maquillada, que entón prefería urlar ‘¡Don Perfecto, puta!‘). E unha vez que viñeran predicar dous famosos relixiosos á Peregrina, aproveitando un momento de silencio nos rezos, o Ravachol soltou con voz aguda, coma quen eu-non-fun, ‘¡Bárbaro! Se collo a vara…’. Sabía as oracións, e rezaba ó mesmo tempo que os fregueses. Pero as súas palabras preferidas, as que máis repetía, eran esas que facían estoupar os oídos de Emilia Pardo Bazán, que unha vez, cando saía xa da botica, tivo que virarse e corrixilo: ‘¡Eres tan malhablado como tu dueño!’.
Esas mesmas frases eran as que repetía cando o levaban ó Teatro Principal a conversar co público… ¡Imaxinade a labia que tiña o paxaro!Pero volvendo á botica, por alí pasaban non só os enfermos, senón todos os que querían saber que se cocía na vila e tódalas personalidades locais do momento: Pardo Bazán, Montero Ríos, Sagasta, Pablo Iglesias, Albéniz, Zorrilla, Galdós, Unamuno… A moitos deles o Ravachol non lles tiña moito aprecio. De feito tiña especial teima cos políticos. Non lle importaba con quen estivese falando, el soltaba o que lle viña en gana. Entre as súas frases preferidas (eliminando as palabrotas, claro), estaban ‘Un patacón de manesia’, ‘Aquí non se fía’ ou a súa ameaza favorita: ‘¡Se collo a vara…!’. Así era como Don Perfecto o ameazaba a el cando se pasaba dándolle á lingua.Un bo día Barreiro, o barbeiro do outro lado da rúa, comprou un loro. Ravachol non estaba disposto a compartir protagonismo con ninguén… ¡Bo era el! Entón foi cando aprendeu a berrar ‘¡Barreiro, mata a ese loro! ¡Barreiro, mata a ese loro!’. Así vos falaba o Ravachol…
Pero un día, a finais de xaneiro do 1913, o pontevedrés máis fedello e malfalado da vila caeu enfermo. O 27 de xaneiro o Diario de Pontevedra recollía a tráxica noticia: ‘El loro de D. Perfecto Feijoo ha muerto’. A vila lerezana estaba conmocionada.“
E ata aquí por hoxe. Mañá prometo contar como morreu o loro e naceu a lenda, o icono dos Entroidos coma os que xa non quedan en Galicia. Como sobreviviron en Pontevedra a retranca, a ironía e as ganas de rirse de todo, un rescoldo dos vellos Entroidos.
Agora, o loro volve rexurdir das súas cinsas cada ano, cun novo disfraz, criticando algún aspecto ou feito da vida en Pontevedra. Este ano protesta polas longas listas de espera no CHOP (Complexo Hospitalario de Pontevedra, o SERGAS, vamos…), e vén de cirurxián.
Só unha cousiña máis… O venres darase o derradeiro adeus ó Ravachol cun paseo polas rúas máis céntricas da época e a posterior incineración do seu corpo na praza da Ferreiría, tan vinculada ó Entroido pontevedrés. Estades todos invitados, garanto a diversión.
febreiro 22nd, 2007 at 1:22 pm
Ravachol é un enigma perenne. Está rodeado para min de misterio. Recordame á cacatúa que saía en La saga fuga de JB (libro que nunca conseguin acabar) e a súa lenda non é allea aos que non somos da boa vila. Debeu ser bo peixe e millor paxaro. Para acrescentar a curiosidade fica a estatua que ten enfrente da peregrina, que asocien o entroido a el e que fose de Perfecto Feijoo: o millor gaiteiro da súa época.
Saudiña!