O enterro do loro
Como viña contando no post anterior, o Ravachol morreu o luns de Entroido. Pontevedra quedou paralizada, e Don Perfecto montou un velatorio nun rinconciño da botica. Tódolos pontevedreses quixeron achegarse a darlle o pésame ó boticario e ver ó Ravachol por derradeira vez. Os que se achegaban a Don Perfecto consolábano dicíndolle cousas como ‘Quede tranquilo, que loro mellor atendido ca este non o houbo nunca’, ou ‘Sempre se van os mellores’… Non sabería dicir ata que punto ían en serio estas palabras ou se só eran unha ironía máis do Entroido…
En fin, o caso foi que se organizou unha procesión co cadáver do loro que percorreu as rúas máis céntricas da vila. Creo que incluso acudiu acompañar o desfile o coro onde tocaba Don Perfecto, ‘Aires D’a Terra’, e alguén me contou que ían tocando a marcha fúnebre.
Ó ver pasar a procesión que seguía ó pequeno cadaleito de madeira, un visitante preguntoulle a un home que acontecera para que houbese semellante loito na cidade, e éste respondeulle que morrera un loro. Contan que o guiri se virou para a súa familia e dixo: ‘Eu quero vivir nunha cidade coma esta’.
E ata agora. Cada ano, o Entroido despídese da Boa Vila cun desfile de pontevedreses de riguroso loito, cregos, bespos, supostas ‘amiguitas’ do Ravachol e vellas plañideiras que acompañan ó boneco no seu último paseo polas rúas do centro, dando unha volta ata chegar á Ferreiría, onde posteriormente será incinerado para volver a rexurdir das súas cinsas ó ano seguinte.
Os que van no desfile levan todos un pano, e van chorando e contándolles ós que o están a mirar a profunda dor que lles causa a morte do loro. É imposible ir ver un desfile e que non che veñan falar polo menos dúas ou tres velliñas enloitadas, cada unha contando canto lle quería ó Ravachol. O humor negro é condición indispensable.
É que con todo, ó final o loro converteuse no símbolo do Entroido pontevedrés, na guinda do pastel. Meu pai sempre di que nin sequera Franco conseguiu acabar con estas festas na cidade, e que a xente ten moito costume de vivilo. Sen embargo eu creo que hoxe en día a cousa perdeu moito. Si, é certo, se o tempo acompaña o desfile é multitudinario, e saca a relocer esas pequenas perlas de humor negro galego que todos levamos dentro. É todo un espectáculo, a verdade… Pero a pena é que seguramente poucos deles coñecen a historia en profundidade.
A min paréceme preciosa, e por iso quixen compartila con todos vós. Creo que é unha das cousas máis bonitas e divertidas de Pontevedra.
Non sei se alguén o fixo, pero habería que recompilar todas as anécdotas que se lembran desta especie de doctor House con plumas, bico e ás. Habíaas moi boas, pero algunhas non as puxen porque tampouco as tiña completamente certas… Mirei en catro libros distintos, e a verdade é que aínda se contan máis das que están recollidas neles.
Espero que vos gustase moito a historia.
febreiro 23rd, 2007 at 9:49 am
Xa vexo que te recuperas perfectamente.
E ti xa ves que, a pesares de ser moito máis nova, tes cousas moi interesantes que contar, coma esta que repartiches en dúas racións.
Non tiña nin idea do tema; e tes razón, hai moitas historias de loros moi curiosas.
Eu só coñecín un, nun bar de Coristanco, aló en Bergantiños.
Veña, unha aperta.
febreiro 23rd, 2007 at 4:00 pm
Pois si que sodes un pouco particulares en Pontevedra. Mira que facerlle un enterro ao defunto paxaro de Don Perfecto.