Archive for marzo, 2007

Elixe a túa razón

sábado, marzo 31st, 2007

Unhas vacacións non son tal sen Operación Saída, e unha Operación Saída non se pode entender xa sen a súa correspondente campaña da DGT.

A desta Semana Santa segue na liña das anteriores, cunha mensaxe moi directa e impactante. ¿Por que levabades tempo esperando esta semana?

Eu porque en canto saia o sol vou coller ruta cara á praia, aínda que só sexa para pasear. E aproveitando, levo á miña nai comigo, que estes días anda algo triste. E porque vai ser o primeiro ano que lle faga un regaliño de Pascuas ó meu afillado.

Aute = aRte

sábado, marzo 24th, 2007

.aute-cuerpo.gif.

Hoxe toca Aute aquí, pero non vou poder ir velo por mor do curro: tócame pringar. É unha pena. Xa o escoitara unha vez hai dous anos, pero non puidera disfrutar do concerto como me tería gustado porque era gratis nunha praza, e a xente non paraba de incordiar. Quedei coas ganas dende aquela… En fin, outra vez será.

Lembro que cando era pequena miña nai ás veces puña unha cinta no coche con cancións súas. Eu non comprendía nin de que ían a metade delas, pero non me disgustaban. Dábanme así como ‘buen rollo’… Había unha que me gustaba especialmente, aínda que non entendía a metade das palabras que dicía: La guerra que vendrá (seeeráaaaa la más hortera de todas las guerras que ha habido y habráaaaa). Eu só pensaba que esa canción se podería escoitar en calquera momento, porque calquera guerra tiña que ser unha merda.

E eses son os meus primeiros recordos de Aute, aí cando eu tiña uns oito anos. Moito tempo máis tarde, ós vinte, lembrei esa canción un día calquera e a baixei de Internet. Así chegaron Una de dos, Al alba, Las cuatro y diez, Ufff!, De alguna manera ou Slowly. E despois delas viñeron os seus cuadros, as poesías…

Atrapoume a personalidade de Luis Eduardo Aute: esa capacidade de expresar tan ben os sentementos, o seu humor ácido e irónico, esa sensualidade, esa finxida deixadez… Creo que é dese tipo de xente que converte en arte todo o que toca, que sabe sacar a relocer a parte máis bonita da vida, baseándose nas pequenas cousas do día a día.

Creo que é o prototipo do verdadeiro artista contemporáneo. E dalgunha forma, síntome como moi ’vinculada’ a el, ou mellor dito, á súa forma de ve-lo mundo. Non sei, será que se cadra eu tamén vou pola vida buscando a beleza no que me arrodea.

Do que si estou segura é de que ás nove da noite porei o mp3 e imaxinarei a Aute sobre o escenario, repasando as miñas cancións favoritas. Xa me poden botar as broncas que queiran…

(Por certo, a imaxe é unha pintura súa: Caer en el cuerpo, 1986)

El diario de Noa

mércores, marzo 21st, 2007

 diario.jpg

Estes días estiven un pouco resfriada, e unha amiga veu á miña casa para facerme compañía. Trouxo unha peli desas que a min non me soen gustar moito, das que eu chamo “pelis de chicas”, desas coas que moita xente chora… El diario de Noa, chamábase.

 A verdade é que a collín cun pouco de recelo, pero axiña me convenceu. O personaxe do Noa xove é boísimo, e foi o que me enganchou para non deixar de vela, porque a tía, Allie, era un pouquiño cargante.

A peli vai dun velliño que lle le tódolos días a unha vella internada nun asilo, sempre a mesma historia: o conto dun mozo que se chama Noa e que vive nun pobo con seu pai. Un verán coñece a unha rapaza rica que vai de vacacións alí. Ó principio ela pasa del, pero Noa consegue que se namore. E así pasan o típico verán dos 17, xuntos as 24 horas do día. Pero os pais de Allie pensaban que era pouco para a nena, e un día, xusto despois dunha pelea entre os nenos, vanse do pobo, sen deixar que se despidan.

Noa escríbelle 365 cartas durante un ano, pero a nai nunca llas dá a Allie. Pasa o tempo e, tras moitos cambios nas súas vidas, volven atoparse cando Allie xa estaba comprometida. E a partir de aquí, mellor calo…

O caso é que a peli dá moito en que pensar. A verdade é que me emocionou, teño que recoñecelo. Creo que foi a tercera ou cuarta peli na miña vida que me obligou a conter as bágoas (teño unha reputación que manter!). É preciosa.

Fala sobre todo dos amores imposibles pero que non se rinden. Eu non creo moito nesas cousas, pero bueno, sempre é bonito que che fagan pensar que aínda quedan historias así, ¿non?

PD —> Como dixo Aznar a única vez que non mentiu, “Vaya coñazo acabo de soltar…!”

Soft Drink

mércores, marzo 14th, 2007

posavasos.jpg

Andaba por Internet cando vin en genniocalle unha noticia que me chamou a atención: Microsoft vai sacar á venda un novo producto… ¡¡un REFRESCO!!

¿A lata estará estratexicamente deseñada para encaixar perfectamente no oco do lector de CD’s, como contaba aquela lenda urbana do señor que o usaba como posavasos?

Eu non sei ata que punto crer esta noticia… ¿Vós que pensades?

Xa chega a primavera

martes, marzo 13th, 2007

¡Beeeen! ¡A primavera xa está chegando! Por fin empeza a sai-lo sol aínda que non vaia moito calor.

Espertar cando xa é de día e con ese calorciño que entra pola ventá xa parece que dá máis ánimos para levantarse, ¿verdade? A min prodúceme unha sensación xenial, de tranquilidade, de “ai, que ben estou”. Dáme preguiza erguerme, pero por outra banda toleo por saír á rúa.

E unha vez que saio, cando vou pola facultade, parece coma se o parque do Auditorio tivese outro ton distinto: é o mesmo verde de sempre, pero máis bonito… máis de primavera. Os días xa duran algo máis, e apetece máis ir tomas unhas cañas cos amigos, falar de todo e de nada.

E os capullos empezan a aparecer todos á vez polas cidades, coma se algunha forza divina os animase a mostrarse tal e como son. Coas súas cores vermello e amarelo inundan as nosas rúas, enchen de ledicia o noso día, facéndonos rir ata coller maniotas na barriga. Incluso parece que os oímos berrar na súa incomprensible linguaxe…

manifa1.jpg

¡¡Que bonita é a primavera!!

O meu paraugas

mércores, marzo 7th, 2007

Hoxe non parou de chover en Santiago en toda a mañán. Máis que chover, case diluviaba. Espertoume a chuvia batendo contra os cristais da ventá.

Despois dunha ducha quente e un té con galletas, collín o meu paraugas e saín. Foi un regalo dos Reis, un encargo directo de miña nai, que tiña medo a que me mollase cando chove de abaixo para arriba. Foi ela mesma a que lles explicou como tiña que ser o paraugas.

A primeira condición era que fose destes que se levan agora, que son transparentes, para que puidese ver as pingas caendo sobre min pero sen mollarme. Ademais, así nunca deixaría de ver o que teño diante cando vou camiñando.

A segunda condición era que, ademais de transparente, fose azul. Así sempre vería o ceo máis claro do que en realidade é.

Teño unha nai que é un sol, está en todo, ¿verdade? ¡Que riquiña é!