Archive for Abril, 2007

O cuestionario de Proust

Luns, Abril 30th, 2007

Pois nada, xa que Ninsesabe me invita a seguir co test este de Proust, haberá que animarse! Así aproveito tamén para darlle as gracias por lembrarse de min e por estar sempre aí, dándome a razón en cada post, como un apoio incondicional, jejeje.

Dicía el que son curiosas as relacións que se establecen entre os blogueiros, que sabemos tanto e tan pouco á vez un dos outros… Por exemplo, os que pasades por aquí máis ou menos a miúdo sabedes cousas de min que non sabe nin a miña nai. Pero, sen embargo, non poderiamos saudarnos pola rúa se nos cruzásemos. É gracioso…

Bueno, pois imos ó chollo. Vou desvelar algunha cousiña máis de min co cuestionario este, e de paso animo ós meus cinco escollidos a seguir coa cadeíña. Supoño que a moitos de vós xa vos chegou/chegará por outra xente, así que perdoade se me repito.

E os meus cinco escollidos son:
- bandini
- paideleo
- turonio
- natyara
- sarampelo

¡Imos aló, valientes!

O CUESTIONARIO DE PROUST

  • ¿O principal rasgo do meu carácter?
    Creo que é a inestabilidade, aínda que me estou facendo máis forte e estou aprendendo a controlala bastante ben…
      Podo pasar de 0 a 100 en menos de dez segundos. A forza tamén podería ser outro rasgo importante.
  • ¿A calidade que prefiro nun home?
    Bondade e sinceridade, non me vale unha sen a outra. ¡Ah! ¡E se é guapo e rico, mellor!
  • ¿A calidade que desexo nunha muller?
    Desexar, desexar… o mesmo que nos homes: bondade e sinceridade unidas.
     
  • ¿O que máis aprecio nos meus amigos?
    O mesmo que en calquera home ou muller. Ós meus amigos aprécioos simplemente por como son.
  • ¿O meu principal defecto?
    Non podería escoller só un… Son incapaz de expresar os meus sentimentos en persoa, teño un pronto moi forte, ás veces actúo sen pensar… Non sei, hai moitos!
     
  • ¿A miña ocupación preferida?
    Escribir. E facer cousas que me animen a escribir. E pasar tempo coa xente que quero.
     
  • ¿O meu soño de dicha?
    Ui, as utopías… Gustaríame que todo o mundo fose, polo menos, o doble de feliz ca min.
     
  • ¿Cal sería a miña maior desgraza?
    Perder ós meus amigos, á familia… E o da dependencia que comentaba Ninsesabe é algo que tamén me preocupa bastante.
     
  • ¿Que quixera ser?
    Buf, se o soubese… De profesión, o meu soño sería ser escritora, e poder vivir diso :)
     
  • ¿Onde desexaría vivir?
    ¡Na miña Pontevedra! Tamén me encantaría poder vivir por tempadas noutros lugares, como Barcelona, África, Italia…
  • ¿A cor que prefiro?
    Depende para que, pero vou dicir o azul celeste.
  • ¿A flor que prefiro?
    As margaridas estas grandes.
  • ¿O paxaro que prefiro?
    Pois… está chungo! Supoño que un loro tropical, destes con mil cores e que aprenden a falar.
  • ¿Os meus autores preferidos en prosa?
    Hai tanto que non teño tempo de ler… Pérez-Reverte é dos meus preferidos, aínda que normalmente non sigo moito a ningún escritor en concreto.
  • ¿Os meus poetas preferidos?
    Son clásica: quédome con Becquer. Tamén me gustou unha época Gil de Biedma, e César Vallejo aínda me impresiona por momentos.
  • ¿Os meus heroes de ficción?
    Non sei, nunca se me deu por plantexarme esas cousas…  Pero me gustaría ter a capacidade que ten Lecter de coñecer os sentementos das persoas case dunha ollada.
  • ¿As miñas heroínas de ficción?
    Esta é difícil. De feito, non teño nin idea…
  • ¿Os meus compositores preferidos?
    Espero que aquí se poidan incluir compositores modernos… Pois quédome con Quique González, Calamaro e Aute. 
  • ¿Os meus pintores predilectos?
    Eu non vos sei moito de pintura… Empezou a gustarme Picasso cando vin o Guernika por primeira vez. Tamén hai cousas que me parecen interesantes de Dalí. E unha vez vin un cuadro que me impactou dun holandés, pero non lembro como se chamaba, unha mágoa, porque levo tempo intentando acordarme. E se vale incluilo aquí, encántame a estética do pop art, e a idea de convertir en arte o repetido, o seriado.
  • ¿Os meus heroes da vida real?
    Miña nai, pola forza que ten, e por esa paciencia para aturarme. E moita xente coma calquera de nós, pero que non sae nos xornais, con historias que merecerían ser contadas.
  • ¿As miñas heroínas históricas?
    Non me gusta nada a Historia. Teño que recoñecer que neste aspecto son completamente inculta… Pero de pequena, no cole, quedara flipada coa historia de Concepción Arenal.
     
  • ¿Os meus nomes favoritos?
    Alex e Lúa (pero non ten nada que ver co nome do blog, eh?).
  • ¿Que detesto máis que nada?
    A mentira, a maldade, que a xente se aproveite dos demáis, a falta de solidariedade, a necesidade de facer dano simplemente por molestar.
     
  • ¿Que caracteres históricos desprezo máis?
    O fascismo, o racismo, o machismo…
     
  • ¿Que feito militar admiro máis?
    Non teño nin idea, xa recoñecín a miña incultura histórica, non me fagades afundir máis na miña propia incompetencia, jajajaja.
    Non son moi amiga dos militarismos. De feito, escapo ata dos municipais!
  • ¿Que reforma admiro máis?
    Calquera que promova a igualdade en calquera ámbito.
     
  • ¿Que dons naturais quixeras ter?
    Saber escribir,
     saber expresarme e saber entender ben á xente.
  • ¿Como me gustaría morrer?
    Satisfeita coa miña vida, cando tivese cumplido tódolos meus obxectivos. Preferiría quedar durmida un día e non volver espertar, non enterarme e non ter tempo a pensar nas cousas que me quedaron por dicirlle á xente.
  • ¿Estado presente do meu espírito?
    Coma sempre: inestable, jejeje. Estes dous días andiven algo triste, pero tampouco mal. Creo que, facendo a media, estou bastante serena dende hai moitos meses :)
  • ¿Feitos que me inspiran máis indulxencia?
    Todo o que se fai polos demáis. Entendo que unha nai roube, minta, se prostitúa ou faga o que sexa para poder darlle unha vida mínimamente mellor ós seus fillos, e todo este tipo de cousas… menos matar.
  • ¿O meu lema?
    Trata ós demáis como queras que te traten a ti. Vive e deixa vivir. E no que se refire a min, o meu lema é “Son de mar e lúa”, é unha forma de intentar aceptar esa dicotomía que está sempre presente en min. Non ten que ser algo malo ou triste :)

Puto tráfico

Venres, Abril 27th, 2007

.atasco.jpg.

Estou cabreada. Veño feita unha furia. Estou farta do puto tráfico de Pontevedra. ¿Hai algún tipo de ordeanza municipal que obligue a sacar o coche á rúa os días que cae unha gota de chuvia do ceo? ¿Multan se non o sacas?

Hoxe tiven que intentar atravesa-la cidade co coche (por necesidade), pero xa aprendín a lección: é mellor cargar cun peazo maletón e mollarse antes que ir motorizado. É desesperante, xa non só polo mal organizadas que están as direccións nesta cidade, senón porque a xente é imbécil. ¿Que pasa? ¿Vas pasar voando por riba do atasco se lle das ó claxon? ¿Non entenden que o único que fan pitando é levantar dor de cabeza ó resto de conductores e poñelos de mal humor? ¿Ou é que pensan que a xente provoca os atascos porque lle mola escoitar a radio no coche?

En Pontevedra, como vos dicía, temos un problema coas direccións. Non sei a quen se lle ocorreu algún día facer unidireccionais a metade das rúas, e as veces veste obligado a dar unhas voltas impresionantes para retroceder douscentos metros. O mellor exemplo é a rúa onde está o Hospital Provincial: só se pode ir en sentido descendente porque anchearon as beirarrúas. As ambulancias que veñen dende máis abaixo teñen que dar volta para poder acceder á entrada de Urxencias. ¿En que cabeza con algo de materia gris cabe iso?

Supoño que nas vosas cidades pasará o mesmo. Os políticos deberían pensar nisto agora que están aquí as municipais, podería ser un punto importante na campaña de alguén. Non sabedes como se pon Pontevedra a nada que chova, é algo imposible… A min acábame coa paciencia.

Pasa o tempo

Mércores, Abril 25th, 2007

Ás veces gustaríame que alguén inventase un mando a distancia para para-lo tempo, ou darlle para que vaia máis rápido, coma nas pelis.

Creo que desbancaría á roda e a Internet como mellores inventos da Historia, ¿non vos parece? Darlle ó ‘pause’ a véspera dun exame, ou a velocidade máxima cando estabamos de pequenos esperando para face-la dixestión e poder bañarnos, ou baixar o volume cando nos botan a bronca do século…

Eu xa lle tería dado ó ‘pause’, porque se empezo a botar contas, só me quedan dous meses como estudiante en Santiago de Compostela. Despois non sei que farei, nin onde irei, nin se seguirei estudiando, nin que… ¡nada!

Teño mil cousas na cabeza, pero é que non sei por cal decidirme. Non quero deixar de ser universitaria, foron os mellores anos da miña vida. ¿Que vai pasar? ¿Vou ter que madurar? Non quero que todo iso remate así, dunha tacada e sen dereito a protestar. Non quero ser maior.

O peor é que nin sequera teño tempo para disfrutar dos meus últimos meses de universitaria, porque na facultade non nos deixan nin respirar, e co traballo…

¿Non saberedes se na NASA lles falta moito para sacar un mando a distancia así ó mercado, non?

Que levanten o dedo as señoras!!

Sábado, Abril 7th, 2007

lepen.jpg.

Na imaxe vemos ó candidato ás presidenciais francesas Jean-Marie Le Pen amosando o mellor anticonceptivo: o dedo.

Conta Elpais.com  que o ultradereitista, nun acto no que os distintos candidatos explicaban as propostas do seu programa para as mulleres, aconsellou a masturbación como método para evitar embarazos non desexados. Moi listo o señor este, si… ¡Ai, se alguén tivese feito ese descubrimento nos tempos da súa nai…! Seguro que moita xente viviría agora máis tranquila.

E por certo, ¿que pensará Ségolène ‘Zapatera’ Royal sobre estas declaracións? Pola cara da foto tampouco parece que estea moi en desacordo… Jejeje

.royal.jpg.

Historias para non durmir

Venres, Abril 6th, 2007

.a_lanzada_uhia.jpg .

Xa volvín das miñas mini-vacacións, e a verdade é que aínda me cundiron. Veño moito máis relaxada, logo de deixar atrás aquel asuntillo que me preocupaba.

Foron dous diíñas sola, sen Internet, sen teléfono fixo, sen xornais nin telediarios, sen reloxo, Coca-Cola nin chocolate. Veño como purificada, jaiaja. Todas as miñas preocupacións eran ver como se fundía o fume do café recén feito co dun cigarriño “tuneado”, acender os radiadores se ía frío e lembrarme de apagalos logo. Puiden demostrarme a min mesma que aínda son quen de disfrutar deses pequenos momentos.

Pero tamén tiven moito tempo para pensar na movida aquela que me preocupaba dende o domingo. Resulta que medio ano atrás coñecín a uns rapaces dos que axiña me fixen moi colega (a algúns deles mesmo os considero amigos), e todo iba perfecto. Como adoita acontecerme, eu son a nena do grupo, a máis nova e a única rapaza. Pero era coma un máis, non se cortaban aínda que estivese eu diante… Un día, sen saber por que, un deles empezou a estar moi cortante comigo. Este neno, chamémoslle X, deixou case de falarme e xa non me facía bromas nin nada. Non me atrevín a falalo con el precisamente por iso, porque pensei que ó mellor necesitaba un pouco de tempo, e deixeino pasar. Non cambiei a miña forma de comportarme con el: é certo que non falaba tanto, pero non deixei de facer as bromas de sempre, nin de mandarlle mensaxe cando estaba enfermo, nin nada… 

Isto sería hai cousa dun mes, mes e pico. Pois o domingo, outro dos nenos (chamémoslle Y) colleume por banda e díxome que tiña que falar comigo. O primeiro que me dixo foi: “¿Tú que esperas de nuestra relación?”. Quedei tan flipada que non sabía case nin que contestar. Díxenlle que nada, que non son cousas que me plantexe, que as amizades xorden así e non se pode dicir “veña, a partir de mañá vou ser amiga de tal persoa”. Non sei a santo de que veu iso, pero logo, barallando, a conversa derivou en que el pensaba que X vira uns certos sinais que lle fixeran pensar que eu estaba interesada nel, pero que logo, cando xa estaba convencido e decidido, viu como eu me interesaba máis polo propio Y, e por iso me deixou de falar. 

Xuro que eu nunca mandei eses sinais conscientemente, e creo que son igual de aberta con todos, non entendo como puido pensar iso.  

O que Y me aconsellaba era que me moderase, que fose máis comedida cando estivese con eles, porque podía crear problemas. 

E esta é a versión resumida e comprimida ó máximo. O que me raia é que eu pensaba que me vían como unha colega máis do grupo, e resulta que no seu conto (polo menos no conto de dous deles) parece que son unha falsa e que vou buscando a todos. 

Seica estou condeada a non poder ter amigos masculinos, porque ó final sempre resulta que son a mala que remata dicindo que non, a que impide a historia de amor máis romántica do mundo (puaj!). 

Pois esta foi a historia que non me deixaba durmir dende o domingo. Síntome algo confusa e decepcionada comigo mesma, porque non me gusta putear á xente nin facer dano, e moito menos crear problemas entre terceiras persoas, pero se fixen algo non foi voluntariamente, dende logo, así que desa banda estou tranquila. 

Por certo, ¿queredes unha exclusiva? Na praia onde estives estes días foi onde naceu o blog, onde inventei o nome e decidín crear o meu propio universo paralelo. Pero esa é outra historia para non durmir, iso será outro post.

(Imaxe: A Lanzada, Manuel Uhia)