Archive for maio, 2007

Principio do fin

domingo, maio 27th, 2007

Xa facía unha semana que non escribía… ¡buf! Non é que me esqueza do blog, senón que non teño tempo a nada. Afrontamos xa a recta final do curso, e xa sabedes como son os profes, que sempre o deixan todo para o último momento (e que non se me ofenda ningún, hahaha). O caso é que eles, pobriños, para darnos máis tempo, poñen tódolos traballos e prácticas para entregar na derradeira semana, sen decatarse de que todos seguen o mesmo razoamento e ó final iso acaba por ser un inferno. En fin…

Pero además da derradeira semana de clases, afronto tamén os que posiblemente sexan os meus derradeiros catro días como universitaria. É o principio do fin… ¡Que medo! De novo vou ter que afrontar un cambio de 180º na miña vida, pero o peor é que non sei nin o que virá. Estiven falando con miña nai (que é máis boa que o pan), e díxenlle que quería empezar a buscar traballo fóra, pero que non tiña tempo de nada. A pobre ó principio púxome un montón de pegas, pero cando viu que lle rebatía todo e que estaba convencida díxome:
-Bueno, pois se queres eu podo meterche tódolos curriculums nos seus sobres e mandalos, se me das unha lista das direccións.

Cambiando de tema, hoxe toca votar: é o principio do fin de dúas semanas de campaña- Pero, igual que no curso, agora vén o peor: recontos, negociacións, protestas… Pero polo menos os coches que berraban xa non seguirán molestando máis.

Faremos…

sábado, maio 19th, 2007

.imagen025.jpg.

Unha das cousas que máis me gustan dos galegos é que rimos co que sexa… O outro día fíxome rir esta imaxe que atopei por Pontevedra adiante.

É o cartel de Teresa Casal, a candidata do PSOE, nunha cabina. Lores é o actual alcalde, do BNG, con quen forma goberno de coalición. ¿Non vos parece gracioso? Tamén me dixeron que alguén retocara uns carteis do PP, cambiando a palabra “confianza” por algo así como “chamuscado”… A ver se vos consigo a foto!!

¡Como me gusta que a xente faga estas cousas e se ría dos políticos! Pero rirse nun sentido crítico, que ó final, os que rin de verdade son os políticos. De nós e dos nosos votos.

Por certo, apostaría a cabeza a que esa foto está feita polo fotógrafo máis famoso do mundo, un tal Photoshop

Comeza a campaña!

venres, maio 11th, 2007

mafalda_elecciones.gif

Acabo de poñer a TeleGaita para ver o inicio da campaña electoral… Touriño en Ourense, Quintana en Santiago, Rajoy non sei onde (é que me desconcentraba e tiven que baixar o volume)…

Hai unha cousa que me gusta moito das campañas: os discursiños que largan os políticos en canto ven o piloto vermello das cámaras encendido e enfocándoos. Non sei para que se fan os mitins, se total o discurso vén a ser o mesmo para todos, con ese ton e medio berrando:
“Porque no noso partido estamos ó lado dos votantes e das votantas, gobernaremos os concellos e concellas para tódolos galegos e galegas. Porque estamos ó lado da xente, e compartimos as súas preocupacións. Nós gobernaremos para todos e para todas, coa máxima honestidade”.
¡¡Mira que me raia que teñan que facer o masculino e o feminino de cada adxecivo ou sustantivo susceptible de variación!! ¡Que pesadiños! ¡Vaia moda do carallo!

En Pontevedra este ano estará interesante. ¿Que fará Telmo Martín? ¿Volverán facer coalición BNG e PSOE? ¿Quen acabará no sillón que actualmente ostenta Lores? Todo isto e moito máis ¡¡despois da publicidade electoral!!

Pero, sen dúbida, o que máis odio das campañas electorais é que sempre coinciden en época de exámenes ou en datas previas. ¿Sabedes o que é estar intentando chapar un tocho de folios fotocopiados cunha letra que non entendes e que a través das ventás se empece a escoitar de fondo o himno do PP? ¡Pirí, pirí, piriririrí, pirí, pirí, piriririríííí…!

Menos mal que son só dúas semanas. Tempo abondo para pensar a quen vou votar.

O ano que vén, o Teucro en ASOBAL

domingo, maio 6th, 2007

teucro.gif

¡¡Moitas felicidades ó noso Teucriño!! O Teucro, o equipo de balonmán de Pontevedra, conseguiu onte o ascenso matemático a ASOBAL, a máxima categoría deste deporte en España, e a que din que é a mellor liga do mundo.

Aproveito para felicitar tamén ó Pilotes e a todos os seus aficionados, que xa están ascendidos tamén. ¡Que ben que os dous que ascenden este ano sexan galegos!

Agora, dentro de pouco, esperamos que ascenda tamén o Pontevedra de futbol, que está aí en posición de fase de ascenso. ¡Moita sorte!

Aznar e o viño

venres, maio 4th, 2007

aznar.jpg
“A mí no me gusta que me digan ‘no puede ir usted a más de tanta velocidad, no puede usted comer hamburguesas de tanto, debe usted evitar esto y además a usted le prohíbo beber vino”
José María Aznar

 

Lin esta mañá en 20minutos que Aznar defendeu en Valladolid o consumo moderado de viño. Vale, ¿e que? ¿Que ten iso de noticia? Menos mal que xa espertara ás 7 e media, xusto a tempo para escoitar as declaracións na SER.

Para ser un pouquiño máis fieis á realidade, poderiamos dicir que o que fixo míster Ánsar foi cuestionar as campañas da DGT e rirse delas como un borracho prepotente. Hai que ser rastreiro, indecente e egoísta para dicir o que dixo.

O moi cabrón riuse dos paneis que se ven polas estradas, nos que a DGT lembra o seu lema, ‘No podemos conducir por ti’. “”¿Y quién te ha dicho que quiero que conduzcas por mí?”. Porque a un tipo tan importante coma el, ninguén lle pode dicir o que ten que facer, “o cuánto tengo que beber” se non fai mal a ninguén. ¡E a xente aplaudindo! É que hai que ser gilipollas…

O problema, señor Aznar, é que conducindo borracho non só pode facer dano a alguén, senón que pode matalo… E perder o carné, que supoño que será o que máis lle importe, vendo como actuou durante a invasión de Iraq, por exemplo.

Oxalá non pase nunca, pero me gustaría saber como se sentiría Ánsar se un borracho que ‘vai ben’ (segundo a súa particular valoración) tivese un accidente e o seu fillo se vise implicado e palmase sen ter culpa de nada. Quizais se resignaría e o calificaría como ‘danos colaterais‘, ¿non?

Só me gustaría lembrar que os accidentes de tráfico matan cada ano a moita máis xente que os atentados de ETA. ¡Canta merda e canta hipocresía xunta! ¡Un pouco de respecto pola xente, por favor!

O soldadiño de plastilina

xoves, maio 3rd, 2007

.soldadito.jpg .

Estes días de medio-vacacións aproveitei para ver ó meu afillado, o pequecho. É o neno máis riquiño do mundo. Xa lle están a sair os dentiños, ten dous abaixo e non para de morder cousas. Tanto lle dá que sexa a esquina dunha mesa ou o meu brazo, el está aí, roe que roe…

O tío anda xa super-lanzado. Ten oito meses, e camiña agarrado só dun dedo. É moi gracioso, porque para dar un paso estira toda a perna cara adiante, coma os soldados cando van desfilando, pero parece coma se estivese feito de plasti. Ás veces aínda tropeza, ou cae de cu cando intenta sentar, ¡pero é que está máis lindo…!

Ó principio, cando súa nai marchou, botábaa de menos. Non parou de chorar nunha hora, pero logo axiña o calmamos… ¡ensinándolle as luces do teito! ¡Quedaba abraiado! Lembroume que, a medida que imos madurando, imos perdendo tamén a capacidade de sorprendernos. Unha pena, ¿non si?

Así que, gracias ó soldadiño de plastilina, acabo de atopar unha razón máis para non madurar :)