Archive for Xuño, 2007

Traballar ou non traballar…

Xoves, Xuño 28th, 2007

… Esa é a cuestión. Estes días andiven pensando moito no mundo laboral, porque miña irmá e máis eu estivemos preocupadas polo noso futuro. Cóntovos:

No meu traballo ofrecéronme renovar. Remataba este mes, e tiña pensado pasa-lo verán a raña-la barriga porque tiven un ano moi duro (traballar mentres se estudia cansa máis do que parece). Pero cando mo propuxeron non fun quen de rexeita-la oferta, aínda sen sabe-lo horario nin o salario… O caso é seguir facendo currículum. Bueno, pois o chungo do conto é que aínda non me atrevín a contárllelo a meus pais… Non me preguntedes por que, non o entendo nin eu. Quería contárllelo onte, cando pasou o de miña irmá.

Resulta que hai cousa dun mes miña irmá e máis eu empezáramos a buscar traballos na hostelería cerca de onde estamos en verán, pero ela o tomou moito máis en serio ca min, porque estaba esperando por se me dicían algo de renovar… Atopou un curro boísimo en Sanxenxo, e foi falar co dono. Era unha das cafeterías máis típicas, ó borde do paseo. O home díxolle que tiña moi boa presencia, que lle parecía unha boa candidata e que contase co traballo… disto haberá dez días, e quedou de chamala ó día seguinte.
Pero o señor non chamaba, e ela a esperar. E mentres, rexeitando outros traballos dos que a chamaban. Chamouno tres veces para concreta-lo horario desde que lle dixo aquilo, pero el sempre lle dicía que tiña que reunirse co seu socio. Onte foi a última vez que chamou. A derradeira, máis ben, porque o cabronazo díxolle que o seu socio xa tiña apalabrado o posto dende había días… ¡Moi ben polo señor!

Agora a pobre está sen traballo por culpa daquel fillo de puta, logo de ter rexeitado un ou dous noutros restaurantes. Non tivo nin a decencia de chamala para disculparse “porque houbera un erro na programación e o seu colega xa contratara a outra”, nin porque “o pensara mellor e había unha candidata cun nivel máis alto que o dela”… Púxose a chorar, a pobriña, e eu non sabía nin que dicirlle. A verdade é que é unha putada para ela… E o peor de todo é que non pode facer nada a pesares de que houbera un contrato verbal.

Con ese panorama, non era plan de que soltase onte na casa: “Ei, mirade, que non vou pasa-lo verán convosco porque eu SI teño un curro”. Na casa non o sabe ninguén aínda, pero a ver se llelo digo axiña… ¡Que tonta son ás veces!

Erradica-lo tuteo

Luns, Xuño 25th, 2007

 Lin hoxe en elpais.com que Enrique Múgica propuxo nun curso de verán da Complutense que se erradicase o tuteo das aulas para así acabar coa violencia nos institutos. A noticia dicía, máis ou menos:

“El Defensor del Pueblo, Enrique Múgica, ha explicado hoy que el primer paso para acabar con la violencia en la escuela es fomentar el respeto en las aulas, para lo cual propone eliminar el tuteo entre alumnos y profesores.
Para Múgica, utilizar “usted” no significa una “ruptura o diferencia” en la relación profesor-alumno, sino un “respeto mutuo”.”

¡Vaia gilipollez! Así de claro. ¿Vai haber menos violencia se un alumno lle di ó profesor “Vaia vostede tomar polo cu” que se, pola contra, lle espeta un “Vai tomar polo cu”?

Nin o respecto nin a violencia residen no “ti” ou no “vostede”. De feito, esta última forma vai camiño de converterse nun arcaísmo, nun mero postureo, e iso é algo que se ve con relativa claridade: miña nai trataba á súa avoa de vostede, mentres que eu á miña a trato de ti, e incluso lle temos apodos cariñosos moi modernos… Iso non implica que lle faltemos ó respecto, nin moito menos… 

Eu non utilizo nunca o vostede, a non ser que crea que á persoa coa que vou falar poda parecerlle mal que a tutee (persoas maiores, xente coa que non teño nada de confianza, os que se cren moi importantes, etc…)

É moi común nos políticos iso de propor solucións superficiais e inútiles para lerdos. O peor é que haberá xente que pique. ¡Vaia parvada!

El equipo del país

Luns, Xuño 18th, 2007

Onte saín tarde de traballar, tan tarde que aínda me deu tempo a atura-las palmas e o “Campeones, campeones, oe oe oe” dos merengóns do traballo. E por se non chegase con eles, ó saír á rúa había media ducia máis de madridistas co himno soando a todo trapo a través das ventás abertas dos seus coches, polas que asomaban bandeiras blancas xigantes co escudo do clube. ¡Que pena que non gañase a Liga o Barça!

Pero o peor veu cando xe levaba medio camiño percorrido. Estaba a punto de cruzar nunha rúa céntrica, cando se empezaron a escoitar uns berros achegándose: “Viva el Madrid, puta Catalunya!”.  E cada vez máis preto: “Viva el Madrid, puta Catalunya!”. E máis preto…

Entón, unha rapaza que ía polo outro lado da estrada encarouse cos tres mozos que viñan cantando iso.
-Ei, parad! Soy catalana, y me estáis insultando!

Xa podedes imaxinar como seguiu a ‘conversa’… Eu apurei o paso para deixalos atrás canto antes, escoitando como os berros iniciais eran substituidos por enérxicos “Viva España! Viva España, coño!”. Un home se achegaba á trifulca para poñer un pouco de paz, e non había ninguén máis polas rúas a esa hora. Supoño que todo quedaría nun incidente sen ningunha importancia…

O resto do camiño a casa fun pensando en esa manía de mesturar o deporte coa política. Recoñezo que eu tamén o fago, que son anti-merengue e que non creo niso do “equipo del país”, nin troulas polo estilo… en parte por xente coma os tres mozos de onte. Porque para celebrar un triunfo do meu equipo non precisaría atacar a Madrid nin a ningunha outra cidade. Quero pensar que o que movía a estas tres persoas onte eran o alcol e a emoción incontible do momento…

Deporte e política deberían ir separados. E se non, que tomen exemplo de Pontevedra: o Concello aínda debe os cartos prometidos ós equipos dende hai máis dun ano, e iso non foi obstáculo para que esta tempada ascendesen o Teucriño, o Leis de futbol sala e a Sociedad Gimnástica de atletismo. Foi pena do Pontevedra, que a pesar de contar co maior apoio, non foi quen de ascender a Segunda… Outro ano será.

Vacacións!!

Domingo, Xuño 17th, 2007

Non foi sen tempo, pero xa están aquí! Beeeeen! As vacacións!

Aínda me quedan unhas cantas cousas que facer, traballos por rematar, e tal… pero os exames xa están todos acabados. Agora toca esperar polas notas.

Despois de estas semanas nas que o blog estivo abandonado xa toca prestarlle un pouquiño de atención, aproveitando que teño tempo. Tamén aproveitarei para facervos algunhas visitiñas, así que xa sabedes: a escribir todos!!

Historias da avoa

Luns, Xuño 4th, 2007

 .durmiendo11.jpg.

Cando era pequena, miña avoa sempre me contaba historias. Encantábame sentar no seu colo, neses veráns ourensáns de calor abafante, e escoitar todos eses contos que ela inventaba para min.

Pola noitiña, xusto despois de cear, saiamos á terraza da vella casa de pedra que construira seu pai e xogabamos un pouco ás cartas, ou ó parchís. Cando estaba de leria, de bo humor, eu poñíalle cariña de pena e pedíalle que me contase un conto. A maioría das veces era a historia dalgún santo ou cousa semellante. Unha das súas preferidas era a dos tres pastores de Fátima, pero a min eses non me gustaban.

Eu quería que me falase da Santa Compaña, de como era a súa aldea cando ela era cativa, de cando aínda ía ó cole, de como roubaba mazás nas fincas dos seus veciños…

Unha noite de agosto contoume unha lenda que lle contaran a ela de nova. Dicía que se unha rapaza pensaba nun rapaz xusto antes de ir durmir e, ó mesmo tempo, ese neno pensaba nela tamén antes de adormecer, esas dúas persoas quedaban como ‘vencelladas’ para sempre por unha especie de fíos invisibles.

Nunca coñecín a ninguén que soubese desta lenda, e estou empezando a pensar que o inventou miña avoa para entreterme naquela noite. Pero o certo é que, aínda hoxe, penso moitas veces nesa historia. Sobre todo polas noites, xusto antes de quedar durmida…