Archive for Xullo, 2007

Manolo somos todos

Martes, Xullo 31st, 2007

.ofrezco.jpg
Ofrezco alojamiento gratuito (incluídos gastos de luz y agua) a señora o matrimonio con pocos recursos a cambio de algo de cuidados
Manolo: 600 00 00 00

Hoxe saín tarde do traballo (moi tarde). Xa non había ninguén pola rúa, e quizais por iso me fixei neste papeliño pegado a un semáforo. Xuraría que onte non estaba aí…

Removeume algo por dentro nada máis velo, pero non sei por que. Quedóuseme mal corpo, pero non podía deixar de pensar nel.

Creo que o que me chamou a atención foi ese “por algo de cuidados”. Sooume case a chamada desesperada, a falta de cariño, a soidade. “Non pido máis nada que un pouquiño de atención e cariño”. Todos somos humáns ¿non si?, non nos gusta estar sos…

Abaixo, xunto cun número de móbil, viña o nome do señor, e non podía parar de preguntarme como sería ese tal Manolo. ¿Un velliño engurrado e encollido de pelo branco? ¿Ou un home non tan vello con algún tipo de minusvalía física? ¿Ou alguén que non escoita palabras bonitas de cando en cando? ¿Acabaría de enviuvar? ¿Estaría enfermo?

Deume a sensación de que nese papeliño hai algo de cada un de nós… Manolo somos todos.

Día de Galiz(ci)a

Mércores, Xullo 25th, 2007

Eu, ó igual que o meu amigo turonio, quero aproveitar este 25 de xullo para desexarlle a tódolos galegos e a toda a xente de Galiza que pase un feliz día, e pedirlles que aproveiten para pensar un poco en nós mesmos.

Hoxe tócame librar, e como vos comentaba no post anterior, vou ir ó que quizais sexa o meu lugar favorito dos que coñecín ata agora en Galiza, a praia da Lanzada. Para min é como un espacio onde se concentra a esencia da miña terra, aínda que non sabería explicalo moi ben. A pesares de que está xa bastante masificada, segue a conservar esa esencia, coma se o tempo non pasase nunca por ela. Ten algo de máxico…

Alí seguramente me porei a pensar na nosa situación, e nun tema que me preocupa bastante: o galego. Creo que o uso natural do galego é o primeiro paso para que poidamos recuperar unha identidade que, na maior parte dos casos, xa quedou perdida tempo atrás. Somos galegos, si, pero antes diso cada quen é cada quen, e non somos capaces de consolidar un grupo forte que loite polos nosos intereses colectivos. Deixámonos levar mansamente polos políticos, incluso polos que non son nosos e non miran por nós.

Creo que o único momento no que se recuperou esa identidade colectiva da que vos falaba foi na época do Prestige. A min dábanme ganas de chorar de emoción, arrodeada de xente á que non coñecía de nada e berrando todos xuntos para que se nos tivese en conta. ¡Non somos imbéciles! ¡Non podedes facer connosco o que vos dea a gana! ¡Temos personalidade, e ímonos defender!

Desgraciadamente, todos eses momentos foron esmorecendo así que pasou o tempo, e volvimos quedar igual que estabamos. Perdimos unha oportunidade de volvernos máis fortes, de volvernos máis galegos independentemente das afinidades políticas de cada un.

Aínda nos queda moito camiño por percorrer, e a verdade é que o panorama non pinta moi ben nestes intres… Eu o único que sei é que son galega e que me encanta Galiza. E algún día a nosa situación cambiará. Cambiarémola.

Cambios

Martes, Xullo 24th, 2007

.lonely.jpg

Xa levaba tempo sen escribir, e creo que son horas de adicarlle un pouquiño de tempo a este blogue. Onte intentei subir algo, pero estaba completamente bloqueada, e todo o que escribía remataba por ser unha merda, así que o deixei. O amago de post de onte levaba o mesmo título que este que estades a ler: Cambios.

A verdade é que houbo algún que otro cambio nestas últimas semanas, pero case non sei nin por onde comezar. Veña, polo choio, imos aló.

Pois resulta que o Conta Atrás xa non é o meu encargado nin nada polo estilo. Volveu a coordinadora da sección e agora todo vai moito máis suave. Traballo máis que antes, pero tamén estou máis contenta. Ela polo menos preocúpase por se estamos cansas, danos consellos, vén ver como imos e é moi agradable con todas. Tamén volveu a miña mellor amiga no xornal, e puxérona na mesma sección que a min, polo que todo parece moito máis fácil. ¿Que nos estresamos? Cafeciño, cotilleo durante 20 minutos e outra vez ó curro. Sempre ten algunha parvada que dicir cando estou agobiada, a verdade é que me dá a vida alí dentro…

Por outra banda, sigo sola en casa. Meus pais marcharon de vacacións, e teño que facer eu todo o de limpar, cociñar, etc… Ás veces, algúns días, vén meu pai, pero el non sabe nin fritir un ovo e son eu quen ten que coidar del. Vamos, que ó cabo resulta unha ‘preocupación’ máis…

Pero iso non quita que ultimamente me sinta soa. Chego a casa e teño completa liberdade de horarios, pero non teño con quen falar, a quen contarlle como me foi o día, ou a quen pedirlle que me baixe polo pan se non me dá tempo. O que peor levo é o de non poder falar. Creo que por iso me refuxiei moito nun rapaz que coñecín por Internet. Non é de aquí, e non o coñezo en persoa nin nada, pero dende o primeiro día o pasamos moi ben falando de todo e de nada. Creo que incluso chegou a gustarme un pouquiño, pero seguramente fose por iso que vos contaba antes, de que precisaba algún apoio, alguén que me escoitase. Falabamos dúas veces ó día: mentres cociñaba e comía e logo pola noite, dende a cea ata que marchabamos a durmir, a iso das dúas. Pero agora parece coma se se nos acabasen as ideas, e xa non falamos nada.

O primeiro que fago nada máis sair do periódico é sempre chamar a miña nai coa excusa de preguntarlle calquera cousa: onde están as bandeixas para o forno, como se fai a bechamel… E así voulle sacando temas para falar, porque isto de verdade que é un agobio.

Pero en fin, hai que mirar sempre o lado positivo, ¿non si? Mañá é 25 de xullo e teño o día libre. Vou ir á Lanzada a poñerme vermella como unha nécora recén fervida, non vou facer nada en todo o día máis que sair coa bici e nadar un pouco, ler o xornal con calmiña mentres almorzo, facerme tódalas encrucilladas e escribir un pouquiño. Pero sobre todo, non penso pecha-la boca nin baixo da auga! Voume resarcir de todos estes días sen falar. Siiiiiiii!

O meu xefe: o Conta Atrás

Domingo, Xullo 8th, 2007

Levo seis días na nova sección e xa estou farta do meu xefe… É o modelo de xefe Conta Atrás: o típico vello queimado polo curro que ten un calendario coa data da súa xubilación marcada en amarillo fosforito, e cada día que pasa vai tachándoo nese calendario… Vamos, o típico que rematou por odiar o seu traballo e quere que ós demáis lles suceda o mesmo. En fin, paciencia e moito sorriso falso.

O outro día deixoume quedar mal diante de media redacción, dicíndome que eu traballaba sen ganas… Botade contas, porque iso foi o segundo día de traballo, cando aínda me estaba afacendo!! Algúns dos meus compañeiros, que me coñecen un pouco mellor, defendéronme quitándolle ferro ó asunto, pero a verdade é que me sentín moi mal… ¿Como pode dicir iso ó segundo día?

Ademáis, el non asume ningunha responsabilidade. Este ano entrou unha rapaza nova, duns 19 anos, que non tiña nin idea de como funcionaba unha redacción… Pois desentendeuse dela, e encargoume a min que lle ensinase todo á pobre nena: os programas, o funcionamento das redes internas, como facer entrevistas…

O peor é que me trata coma se fose parva: tódolos días, cando dá a súa hora de saída, mira o reloxo con cara de présa e dime:
- Bueno, tengo que ir a un sitio… Quédate tú corrigiendo estos textos.
¡Paspán! ¿Pensas que non sei que vas comer a casa, que a túa dona che ten a comidiña quente e recén preparada? Eu cando saio, unha hora máis tarde ca el, aínda teño que facer a comida para min e para quen estea comigo en casa, se hai alguén.

En fin, que estou bastante queimada con este tema, pero a verdade é que xa non me corto… Collo o curro con máis filosofía, vou máis á miña bóla e paso de preocuparme polo que pense o meu superior directo. Os compañeiros ós que de verdade admiro como profesionais xa saben canto me esforzo, e iso é o que conta.

¿Os vosos xefes tamén son así? Imaxino que os haberá moito peores, pero claro, como non coñecín moitos aínda…

Xa vos irei contando algunha anécdota do Conta Atrás…

O meu novo posto

Martes, Xullo 3rd, 2007

Seguro que moitos de vós xa estaredes de vacacións, ¿non? Pois eu hoxe comecei no meu novo posto. Xa estivera facendo prácticas nesta sección hai algún tempo, e pola mañán encargáronme que lle ensinase como funciona todo a unha rapaza que acaba de chegar. A nena parece riquiña, pero pouco faladora. É comprensible, aínda lembro o meu primeiro día… ¡Que caos!

E falando de caos, xa lles contei a meus pais que me ofreceran un traballo… e que o aceptara. Máis ou menos, a frase foi:
-Mamá, te tengo que contar una cosa… -e aquí á pobre muller púxoselle unha cara de pánico que poucas veces lle vira- Que mañana empiezo en otra sección del periódico…

En casa todos se alegraron moito, pero a verdade é que me deu moi mal roio contarllo á miña irmá… Pero bueno, ela xa ten plans para este verán: vai saca-lo carné de conducir. Mellor, que aproveite este verán, que xa se lle acabarán os tempos de querer traballar en vacacións…

Ah, por certo, unha curiosidade: hoxe fai exactamente un ano que non teño vacacións propiamente ditas… :/ Ou mellor, mirándoo polo lado bo: hoxe fai un ano que empecei a traballar no periódico ininterrumpidamente. Así soa mellor…

Veña, a pasalo ben os que esteades xa de vacacións! Tomade moito o sol por min!