Cambios
.
.
Xa levaba tempo sen escribir, e creo que son horas de adicarlle un pouquiño de tempo a este blogue. Onte intentei subir algo, pero estaba completamente bloqueada, e todo o que escribía remataba por ser unha merda, así que o deixei. O amago de post de onte levaba o mesmo título que este que estades a ler: Cambios.
A verdade é que houbo algún que otro cambio nestas últimas semanas, pero case non sei nin por onde comezar. Veña, polo choio, imos aló.
Pois resulta que o Conta Atrás xa non é o meu encargado nin nada polo estilo. Volveu a coordinadora da sección e agora todo vai moito máis suave. Traballo máis que antes, pero tamén estou máis contenta. Ela polo menos preocúpase por se estamos cansas, danos consellos, vén ver como imos e é moi agradable con todas. Tamén volveu a miña mellor amiga no xornal, e puxérona na mesma sección que a min, polo que todo parece moito máis fácil. ¿Que nos estresamos? Cafeciño, cotilleo durante 20 minutos e outra vez ó curro. Sempre ten algunha parvada que dicir cando estou agobiada, a verdade é que me dá a vida alí dentro…
Por outra banda, sigo sola en casa. Meus pais marcharon de vacacións, e teño que facer eu todo o de limpar, cociñar, etc… Ás veces, algúns días, vén meu pai, pero el non sabe nin fritir un ovo e son eu quen ten que coidar del. Vamos, que ó cabo resulta unha ‘preocupación’ máis…
Pero iso non quita que ultimamente me sinta soa. Chego a casa e teño completa liberdade de horarios, pero non teño con quen falar, a quen contarlle como me foi o día, ou a quen pedirlle que me baixe polo pan se non me dá tempo. O que peor levo é o de non poder falar. Creo que por iso me refuxiei moito nun rapaz que coñecín por Internet. Non é de aquí, e non o coñezo en persoa nin nada, pero dende o primeiro día o pasamos moi ben falando de todo e de nada. Creo que incluso chegou a gustarme un pouquiño, pero seguramente fose por iso que vos contaba antes, de que precisaba algún apoio, alguén que me escoitase. Falabamos dúas veces ó día: mentres cociñaba e comía e logo pola noite, dende a cea ata que marchabamos a durmir, a iso das dúas. Pero agora parece coma se se nos acabasen as ideas, e xa non falamos nada.
O primeiro que fago nada máis sair do periódico é sempre chamar a miña nai coa excusa de preguntarlle calquera cousa: onde están as bandeixas para o forno, como se fai a bechamel… E así voulle sacando temas para falar, porque isto de verdade que é un agobio.
Pero en fin, hai que mirar sempre o lado positivo, ¿non si? Mañá é 25 de xullo e teño o día libre. Vou ir á Lanzada a poñerme vermella como unha nécora recén fervida, non vou facer nada en todo o día máis que sair coa bici e nadar un pouco, ler o xornal con calmiña mentres almorzo, facerme tódalas encrucilladas e escribir un pouquiño. Pero sobre todo, non penso pecha-la boca nin baixo da auga! Voume resarcir de todos estes días sen falar. Siiiiiiii!
xullo 25th, 2007 at 7:51 am
Ben, xa sei que non é o típico comentario agardábel a este post. Pero vaia o meu sincero anceio de feliz día da pátria. Malia á pouca comunicación e o traballo ás veces desagradecido. Que saibas que cho degoira un lector asiduo do teu blog. O outro día saín cuns amigos na túa cidade e sentímonos como luras fóra do mar. Todo era novo e non sabiamos por onde tirar. Seguro que ti nos poderías ter levado aos sitios máis axeitados pero conformámonos con perdernos unha e outra volta na noite da túa cidade.
xullo 27th, 2007 at 1:10 am
Coido Mar e Lúa que o mellor que fixeches foi o da Lanzada, parece que che gusta moito esa praia, tamén de cando en vez vou a ela e cando chego desconeto por unha horas, iso reconforta.