Día de Galiz(ci)a
Eu, ó igual que o meu amigo turonio, quero aproveitar este 25 de xullo para desexarlle a tódolos galegos e a toda a xente de Galiza que pase un feliz día, e pedirlles que aproveiten para pensar un poco en nós mesmos.
Hoxe tócame librar, e como vos comentaba no post anterior, vou ir ó que quizais sexa o meu lugar favorito dos que coñecín ata agora en Galiza, a praia da Lanzada. Para min é como un espacio onde se concentra a esencia da miña terra, aínda que non sabería explicalo moi ben. A pesares de que está xa bastante masificada, segue a conservar esa esencia, coma se o tempo non pasase nunca por ela. Ten algo de máxico…
Alí seguramente me porei a pensar na nosa situación, e nun tema que me preocupa bastante: o galego. Creo que o uso natural do galego é o primeiro paso para que poidamos recuperar unha identidade que, na maior parte dos casos, xa quedou perdida tempo atrás. Somos galegos, si, pero antes diso cada quen é cada quen, e non somos capaces de consolidar un grupo forte que loite polos nosos intereses colectivos. Deixámonos levar mansamente polos políticos, incluso polos que non son nosos e non miran por nós.
Creo que o único momento no que se recuperou esa identidade colectiva da que vos falaba foi na época do Prestige. A min dábanme ganas de chorar de emoción, arrodeada de xente á que non coñecía de nada e berrando todos xuntos para que se nos tivese en conta. ¡Non somos imbéciles! ¡Non podedes facer connosco o que vos dea a gana! ¡Temos personalidade, e ímonos defender!
Desgraciadamente, todos eses momentos foron esmorecendo así que pasou o tempo, e volvimos quedar igual que estabamos. Perdimos unha oportunidade de volvernos máis fortes, de volvernos máis galegos independentemente das afinidades políticas de cada un.
Aínda nos queda moito camiño por percorrer, e a verdade é que o panorama non pinta moi ben nestes intres… Eu o único que sei é que son galega e que me encanta Galiza. E algún día a nosa situación cambiará. Cambiarémola.
xullo 27th, 2007 at 1:15 am
Coido que como galego que son a nosa situación cambiará, non o dúbido si temos xente nova coma ti que intentades facer o máis fermoso que nos pode pasar, ser galego coa dignidade como bandeira.
xullo 30th, 2007 at 12:16 am
O que temos no corazón non o cambiará ninguén.
Ogallá desfrutases na Lanzada.