Archive for Agosto, 2007

Funciona, cachola!

Mércores, Agosto 22nd, 2007

Cada vez me leva máis tempo escribir, pero non vou deixar que o verán acabe con este blog. A verdade é que tiven moitísimo traballo ultimamente, pero tamén estiven algo ‘vaga’ porque estiven un pouco de baíxón.  Un día, aí cando empezaron as festas en Pontevedra, a primeira fin de semana de agosto, fixen o aceno de escribir algo, pero por falta de tempo pensei “Xa o farei mañá”, e xa sabedes como son estas cousas. O caso é que un día por outro, ó final pasou case un mes. Así que agora toca a posta ó día.

Empezou agosto moi ben, con moita festa e aínda máis curro. Esa primeira finde de agosto saín sábado e domingo. Por esas datas tamén foi o primeiro aniversario do meu Pequeno Buda, e compreille un volante todo molón para facer coma que conduce cando vai na sillita, con luces e musiquiñas. ¡Encantoulle! ¡Que riquiño é o pequeno! Deillo uns días despois do cumple, no Carballiño, cando fomos á Festa do Pulpo.  Pero antes diso, aínda quedan cousas por contar.

Ese mesmo sábado, a véspera da Festa, saín en Pontevedra. Perdinme das miñas amigas e discutín coas miñas irmás por unha tontería que xa está máis que superada… O caso é que non sabía a quen chamar, nin onde ir, nin que facer. Así que empecei a dar voltas pola Zona Vella, buscando un bar no que me desen algo de licor café a iso das catro da mañá. Nese intre, volveu á miña cabeza un pensamento que nunca acabara de marchar dende había un mes: non sei onde está o meu sitio. Non sei que fago en Pontevedra. Non sei por que estou aquí. Sentei nunha praza a chorar por dentro, é dicir, sen que se visen as bágoas (ó longo dos anos fíxenme toda unha experta niso) e pensei que xa era hora de plantexarse as cousas en serio. Xa era hora de pensar se quero seguir nesta cidade.

Falei moito con miña nai e cos xefes, que neses días me dixeron que me querían para o ano que vén en dous postos distintos do periódico. Xa vedes, a xente pelexando por un posto de merda e a min, que teño dous nas miñas mans, fánseme un problema. Tendo aquí ofertas parecíame demasiado prepotente rexeitalas para marchar da cidade e facer a miña vida, e aínda mo parece, pero non sei que me interesa máis.

Á miña nai, pobriña, téñoa aburrida xa de tanto falar de se me vou, das vantaxes, dos inconvintes… Teño que decidilo xa, e agora mesmo estou decantándome por marchar, pero é ela o que me tira para atrás. O outro día fíxome a mítiquísima chantaxe emocional de “Fai o que sexa mellor para ti, pero eu egoistamente prefiro que quedes na casa comigo”. E claro, ¿que fillo é inmune a esas palabras?

Ela insiste en que quede aquí este ano, que aforre un pouco, busque traballo con calma e marche para o ano que vén. Pero eu teño medo a poñerme mal aquí, porque tendo apoios é máis doado deixarse levar e caer nesa espiral de auto-odio e auto-compasión de cando unha persoa non está animicamente ben. Fóra non me quedaría máis saída que ser forte e seguir tirando para adiante. E se quedo, ó mellor o ano que vén xa non preciso marchar e deixo escapar unha oportunidade única na miña vida, sexa boa ou mala…

Quero decidir antes de que remate esta semana, pero é moi complicado. ¿Que fariades vós? ¿Que é o que ten que ter máis peso nunha decisión así?  :S  Eu aínda non o descubrín…