Funciona, cachola!

Cada vez me leva máis tempo escribir, pero non vou deixar que o verán acabe con este blog. A verdade é que tiven moitísimo traballo ultimamente, pero tamén estiven algo ‘vaga’ porque estiven un pouco de baíxón.  Un día, aí cando empezaron as festas en Pontevedra, a primeira fin de semana de agosto, fixen o aceno de escribir algo, pero por falta de tempo pensei “Xa o farei mañá”, e xa sabedes como son estas cousas. O caso é que un día por outro, ó final pasou case un mes. Así que agora toca a posta ó día.

Empezou agosto moi ben, con moita festa e aínda máis curro. Esa primeira finde de agosto saín sábado e domingo. Por esas datas tamén foi o primeiro aniversario do meu Pequeno Buda, e compreille un volante todo molón para facer coma que conduce cando vai na sillita, con luces e musiquiñas. ¡Encantoulle! ¡Que riquiño é o pequeno! Deillo uns días despois do cumple, no Carballiño, cando fomos á Festa do Pulpo.  Pero antes diso, aínda quedan cousas por contar.

Ese mesmo sábado, a véspera da Festa, saín en Pontevedra. Perdinme das miñas amigas e discutín coas miñas irmás por unha tontería que xa está máis que superada… O caso é que non sabía a quen chamar, nin onde ir, nin que facer. Así que empecei a dar voltas pola Zona Vella, buscando un bar no que me desen algo de licor café a iso das catro da mañá. Nese intre, volveu á miña cabeza un pensamento que nunca acabara de marchar dende había un mes: non sei onde está o meu sitio. Non sei que fago en Pontevedra. Non sei por que estou aquí. Sentei nunha praza a chorar por dentro, é dicir, sen que se visen as bágoas (ó longo dos anos fíxenme toda unha experta niso) e pensei que xa era hora de plantexarse as cousas en serio. Xa era hora de pensar se quero seguir nesta cidade.

Falei moito con miña nai e cos xefes, que neses días me dixeron que me querían para o ano que vén en dous postos distintos do periódico. Xa vedes, a xente pelexando por un posto de merda e a min, que teño dous nas miñas mans, fánseme un problema. Tendo aquí ofertas parecíame demasiado prepotente rexeitalas para marchar da cidade e facer a miña vida, e aínda mo parece, pero non sei que me interesa máis.

Á miña nai, pobriña, téñoa aburrida xa de tanto falar de se me vou, das vantaxes, dos inconvintes… Teño que decidilo xa, e agora mesmo estou decantándome por marchar, pero é ela o que me tira para atrás. O outro día fíxome a mítiquísima chantaxe emocional de “Fai o que sexa mellor para ti, pero eu egoistamente prefiro que quedes na casa comigo”. E claro, ¿que fillo é inmune a esas palabras?

Ela insiste en que quede aquí este ano, que aforre un pouco, busque traballo con calma e marche para o ano que vén. Pero eu teño medo a poñerme mal aquí, porque tendo apoios é máis doado deixarse levar e caer nesa espiral de auto-odio e auto-compasión de cando unha persoa non está animicamente ben. Fóra non me quedaría máis saída que ser forte e seguir tirando para adiante. E se quedo, ó mellor o ano que vén xa non preciso marchar e deixo escapar unha oportunidade única na miña vida, sexa boa ou mala…

Quero decidir antes de que remate esta semana, pero é moi complicado. ¿Que fariades vós? ¿Que é o que ten que ter máis peso nunha decisión así?  :S  Eu aínda non o descubrín…

3 Responses to “Funciona, cachola!”

  1. turonio Says:

    O importante e non marchar quedando mal na casa e no choio. A familia sempre está aí e un lugar de traballo que garda bo recordo dun ademais dunha mui positiva referencia pode ser un lugar de retorno máis adiante. Tendo estas cousas garantidas eu valoraría seriamente ir polo mundo e valerme por min mesmo. Que conste que non predico co exemplo. Pero o mais que pode pasar é que vaias fóra, que vaia mal e que teñas que volver. Uh!!! pode ser duro asumir a volta pero o retorno sería sempre para mellor entanto que se quedas podes escarallar as referencias laborais e non coñecer o que che ofrece o mundo fóra.
    Só hai unha excepcion a esta regra: Nunca iría a vivir a Madrid.

  2. mamiago Says:

    unha cousa, ¿por qué queres marchar?, ¿cales son os teus problemas?, non vale a pena crear problemas, xa veñen solos…, así que disfruta da vida estés onde estés, ¡sempre positivo, nunca negativo! ¡vale!, e si estás ben no traballo, e Pontevedra está moi ben,… que estás buscando…?

  3. Mar e Lúa Says:

    turonio, tranqui, que en Madrid nin pensara, jajaja. Xa teño a experiencia de estar un ano fóra, pero foi cun Erasmus e cun proxecto, sabendo que ía estudiar e pasalo ben. A diferencia é que ahora se marcho, vou sen traballo, casa, coñecidos… Vou ás tolas.

    mamiago, é moi difícil explicar por que quero marchar, precisaría outro post! jajaja. Resumindo moito moito moito, o problema é que non atopo o meu sitio na que sempre foi a miña cidade. Quero marchar porque sinto que necesito un tempo para alonxarme de todo e facerme un pouco máis forte, ver que máis hai no mundo…´

    Mañá teño que dar unha resposta ó meu xefe, e creo que estou decidida a irme. Falei moito con miña nai, e ela acabou por animarme a que o fixese. Se quedo corro o risco de poñerme mal outra vez, porque me agobio moito.

    Graciñas por preocuparvos, e por todo o ánimo que me dades.

Leave a Reply