Archive for Novembro, 2007

Amic/Amat

Martes, Novembro 27th, 2007

keith_haring-amistad.jpg
Keith Haring - Amistad

Con só unha excusa cambias a cor do meu día.
Sinto que vés, que pasas, que antes de chegar xa marchas.
Que xogamos xuntos, pero ti xogas comigo.

Sei que non é xusto, ti tamén o sabes,
pero non che importa,
e a min só me importa ás veces.

Eu fago de tonta, e ti me deixas.
Constrúes novas paredes
para que poida seguir batendo coa testa nelas.

Escapas sen que saiba se volverás
porque xa sabes que eu si o farei
tan pronto oia os teus pasos preto de min.

Aínda que escape do meu destino
xa é tarde porque unha vez escapei del por ti
e agora estou pagando o castigo.

E vou ó mar a respirar novos poemas
pero alí non atopo a brisa marina,
senón o teu alento.

E me desalenta,
e volvo coller forzas para xurarme que non.
Desta vez non. Non te chamarei.

Quedarei aquí sentada. Esperando. Esperándote.
Coa noite escapando das miñas mans,
co soño roto e abrindo os ollos…

Non sexa que pases e non te vexa.

Mentres espero…
          Espero… Espero…
                    Espero… Espero…
                              Espero… Espero…

Espero a que volva o meu amigo de sempre

 

Na habitación

Domingo, Novembro 25th, 2007

.habitacion.jpg

Quería contalo, pero as palabras non saían da miña boca. Aínda me sentía débil a pesar de que aqueles momentos xa se converteran en simples recordos e se perderan no horizonte días atrás. Os calafríos que me produciran, pola contra, aínda camiñaban pegados a min.

A pesar de todo, e malia que a ventá estaba pechada, aqueles ventos furacanados aínda se desplazaban como sombras pola habitación cando me quedaba sola. Cada vez que chocaban contra algunha das paredes parecían susurrar o meu nome. A tempestade que desataran as súas mans negábase a abandonar o cuarto, e as últimas pingas de rock&roll aínda esvaraban costa abaixo polo meu corpo.

Entón quedábame bloqueada coma unha nena pequena á que nunca lle explicaron como afrontar unha situación semellante. Quería dar un paso cara adiante, sair desa habitación e berrar que xa non me acordaba del, pero iso só sería enganarme a min mesma.

Non podía quitarmo da cabeza, pero tampouco facer nada para recuperalo. ¡Que tonta era cando pensaba que a min non me pasaría nunca! Tantos anos bloqueando os meus sentimentos non me fixeran máis forte, senón máis sensible dende o momento que non puidese reprimir un. E ese momento acababa de chegar. ¿Xa se cansou…? Xa se acabou…

A pregunta

Domingo, Novembro 18th, 2007

A pregunta levaba xa varios días navegando á deriva entre os seus pensamentos, e unha e outra vez volvía aparecer nun primeiro plano cando ela menos o esperaba.

Non entendía aquel xesto, non sabía que significaba aquilo. As miradas deran paso ás risas, e as risas a uns tímidos agarimos no brazo disimulados entre o ruido do local. El mentres faláballe a modiño e moi de preto. Dá igual de que.

Despois de varios días sen poder durmir matinando naquela pregunta que reaparecía na súa mente decidiu que xa era tempo de quitala da súa cabeza. Quería dar un paso adiante, pero non sabía como formular esa interrogación con palabras, e así era imposible resolvela.

Así que a mañá do xoves colleu un caderno e o seu bolígrafo azul e dirixiu os seus pasos cara a praia. Alí sentou nas escaleiras que baixaban á area, e coa inspiración que collía do arrecendo do mar escribiu ducias e ducias de follas, unha tras outra. Un par de horas máis tarde, cando ó caderno non lle quedaba ningunha páxina sen pintar, colleu con todas e arrincounas nun xesto rápido e casi desesperado. Rachou con elas e tirounas ó vento. Quedou sentada nas escaleiras, mirando como moitas delas caían na area húmida antes de conseguir chegar ó mar.

Xa tiña a pregunta, pero agora aínda lle faltaba o máis importante: a resposta.

¿Que significa un bico de despedida na fronte? 

Niñatos de merda

Domingo, Novembro 11th, 2007

Onte pola noite pillei o NoiteBus cunhas amigas para saír de festa noutro sitio. Queriamos ir a unha discoteca un pouco grande, para cambiar un pouco a rutina. Collímolo no centro a iso da unha da mañá, e había bastante xente esperando tamén.

Xusto antes de subir nós montou no bus unha pandilla de oito ou nove raparigos imberbes con voz de chillona que foron directamente ós asentos do fondo, ó ‘galiñeiro’. Dous deles intentaron colarse e non pagar os 2€ da viaxe. O conductor era un home novo, duns trinta anos, con aspecto de ser cubano ou sudamericano. Non lles deixou pasar sen pagar, e todos os da pandilla (agás dous que axiña se separaron dos outros, indo cara a parte dianteira do bus) comezaron a berrarlle “Busero cabrón, busero hijo de puta”.

Aínda non arrancara o bus, e os niñatos comezaron a cantar flamencadas a berros, acompañando con palmas. Como non lles chegaba o ritmo tiveron que marcar o compás dándolle patadas ó asento de diante ata que este empezou a rachar. Despois as patadas eran simplemente polo pracer de destrozar, e finalmente acabaron por deixalo medio roto, inutilizable.

Non contentos con iso, entretíñanse cuspíndolle á moza do outro asento, mentres a chamaban ”gorda de mierda”. Ela aturou estoicamente un bo cacho, e cando estivo farta colleu unha botella de auga que levaba no bolso e botoulla toda por riba ós niñatos. Un deles, ó que lle caeu o líquido en toda a entreperna, foise cara ela e amezouna de morte, co seu queixo imberbe tremento da vergoña de levar os pantalóns ‘mexados’ diante de todos os pasaxeiros. A moza e a amiga que a acompañaba tiveron que levantarse dos seus asentos, e remataron de pé no medio do pasillo.

O resto dos pasaxeiros mirabamos cara atrás con cara de impotencia, de non saber que facer. Un arxentino que ía sentado preto de min, duns vintetantos anos, colleu e díxolle ó mexado: “Como vuelvas a amenazar a alguien delante de mí te reviento la cabeza”. O outro quedou calado coma un peto. Algúns pasaxeiros empezaron a insultalos, pero aí quedou a cousa.

Eu sentíame fatal, humillada como persoa aínda que non me fixeran nada. Se fose eu a conductora posiblemente xa me tería posto a chorar moito tempo atrás. Eu tamén quedei calada, coma todos os demáis. Non dixemos nada, a pesar de que éramos moitos máis que os seis niñatos que quedaran na parte de atrás do bus, e tamén me sentía fatal por iso. Os outros dous que se apartaran nada máis comezar a movida intentaron varias veces que os seus amigos se comportasen, e non sabían nin onde meterse da vergoña allea.

A metade de camiño o buseiro botouse cara ó arcén. Ábríronse as portas do medio e subiron tres policias. Había un control, e o buseiro parara para que se levasen ós niñatos de merda. Os polis collérono pola nuca e ‘acompañárono amablemente’ escaleiras abaixo. Aí quedou, no medio da estrada, rodeado de maderos e esperando a que o levasen a comisaría ou canda seus pais… Só un dos seus amigos baixou para acompañalo, mentres que o resto quedaron calados e quedos nos seus asentos do fondo.

Non volveron dicir nin mu no que quedaba de traxecto. Espero que o pasasen moi ben de festa.

Bo Nadal!

Sábado, Novembro 10th, 2007

.bola_roja.jpg

 

Non o podo evitar: odio as panxoliñas. Parécenme o máis ñoño e tonto que se pode facer con sete notas e unhas cantas palabras. Odio entrar nunha tenda e ter que escoitar nenos cantando en falsete con campaíñas de fondo. Non soporto os peixes no río, nin a burra que vai cara Belén, nin o neno na cuna, nin o fun-fun-fun…

Pero chegou novembro e teño que ir mentalizándome: non se pode escapar desas horribles melodías que volven cada ano. De feito, esta mañá xa escoite a primeira panxoliña da temporada: un home cun chelo no centro da cidade tocando ‘Noite de paz’. ¡Que repelús!

A partires de agora, cando vaia pola rúa non me penso quitar o mp3 das orellas. Por certo, ide empezando a practicar iso de dicir ‘Bo Nadal’ cun sorriso na cara…

Bo Nadal para todos!

Os homes tamén podedes

Venres, Novembro 9th, 2007

Ollo a esta nova campaña publicitaria, que promete moito! Xa non só polo anuncio, que é bastante mediocre, senón tamén pola súa canción (aposto a que acabará por convertirse no sonitono de moda)… Pero sobre todo por esa lista negra, que non sei por que me fai lembrarme do meu pai…

Xa sabedes, ¡vós, os homes, tamén podedes poñer a lavadora! ¡Vamos, compañeiras! ¡A encher esa lista!

8 cousas 8

Xoves, Novembro 8th, 2007

Con certo retraso (con moito retraso, para ser sinceiros…) chega a este blog un novo meme: as oito cousas que máis che gustan no mundo.

Antes de empezar coa lista teño que pedirvos perdón porque ultimamente estou na pola e actualizo bastante pouco… Axiña vos contarei as razóns :) Desculpas especiais para o meu amigo Ninsesabe, que foi quen me pasou o testigo e que lle teño moito cariño jejeje.

Ai, como se nota que me custa moito decidir, que non me dou centrado… Imos aló coa enumeración, que non vai por orde de preferencia:

1. A miña xente: a miña familia, os meus amigos, os meus compañeiros de traballo…
2. O mar e a praia, o mellor sitio para pasar un bo momento, sola ou acompañada :)
3. Escribir, aínda que sexa a lista da compra.
4. A música: guitarras, baterías e unha letra á que poder asociar lembranzas e momentos.
5. Os nenos pequenos, que me fan volver a ser nena por un rato.
6. O sexo… ¿para que negalo?
7. Escoitar, falar e rirme
8. Ter tempo para estar no meu mundo