Archive for Decembro, 2007

Arriba o telon

Sábado, Decembro 29th, 2007

stieglitz17.jpg
Stieglitz

Xa remataron os ensaios… O ano acaba coa conta atrás para o gran estreo da nosa función.  Póñome os tacóns ante a túa mirada indiferente e xa estou lista para o espectáculo.

¿Todo preparado? Abro un pouco o telón e fago un escáner rápido das primeiras filas do palco de butacas…

 ¡Alí está ela! ¡Míraa, no asento que está pegado ó pasillo do teatro! Con esa cara baleira, sen rasgos, sen ollos, con esa boca tan grande para comerte mellor… Con esas unllas longas e ese vestido de finxida inocencia… Ten que ser ela, ¡sen dúbida!

¿Que como sei que existe? Porque ti mo contas cada vez que representas o teu papel. ¿Que se sei o seu nome? Non, non sei quen é ela, e moito menos quen son eu… ¿Por que non mo explicas ti? Dime, ¿quen son?

¡Shhhhh! ¡Silencio! ¡Que empeza a conta atrás! Os cuartos… Xa vai, xa vai!!
12… 11… 10… 9… 8… 7… 6… 5… 4… 3… 2… 1…  ¡Arriba co telón!

Primeiro acto.
Ábroche a porta e ti me saúdas cun bico na meixela. Sorrío, sorrís e imos á sala. Esta vez fuches ti quen propuxo quedar, e eu estou coma unha nena co doce máis grande da tenda de lambonadas… Pero disimulo. Cada un nunha esquina do sofá, poñemos un dvd e nos metemos baixo a mesma manta. Non nos tocamos, non nos miramos, e apenas cruzamos palabra… Pasa o tempo, e de pronto, a túa man no meu xeonllo. Cáeme un bico na fronte… E outro na meixela… Ata que acabamos abrazados no sofá, quedos, mirando a película.

Segundo acto.
Remata a peli e imos durmir. Os dous estamos moi cansos… Dámonos as boas noites e cada quen ó seu lado da cama. Ó cabo dunhas horas esperto e te atopo pegado ás miñas costas, abrazándome, e coas túas pernas enredadas nas miñas. Sinto a túa respiración, pecho os ollos e me deixo levar outra vez polo sono. Volvo espertar abrazada fronte a fronte. Xogas coas miñas mans e espallas bicos por toda a miña cara. ¡Que sorte! Un despistado chega ós meus beizos e xa non pido máis nada. De todos xeitos, podías esmerarte un pouco máis… Eses bicos non se ven nada realistas, poderíase notar que estás a actuar. Volvo quedar durmida con esa extraña contradicción: abrazos e agarimos sen bicos… ¿Que estamos a finxir? ¿Alguén pode crer a nosa función?

Terceiro acto.
Soñei con ela. ¿Non me pensas explicar quen é e que ten de especial? ¿Vas seguir vindo durmir a casa e comportándote coma se nos quixésemos? Non importa, sigo actuando. O meu guión, aquel que eu mesma escribín cando nos coñecimos, di que non teño sentimentos. Non sei o que son os celos, e non quero unha relación nin medianamente estable. Fago coma que non me decato de nada, pero non son parva. Sorrío e evito as preguntas. Non as preciso porque xa o imaxino todo. ¿Que mañá pasarás todo o día fóra? ¿Outra vez? Non me importa, eu teño que traballar, pero ¿por que te pos colorado cando mo contas? ¿Por que non me miras ós ollos?

De pronto un ruido interrompe a función. Desconcentrámonos. A muller sen rostro érguese da butaca. Isto non viña no guión… ¿Ela tamén é parte da obra? Desfila co seu vestido de finxida inocencia cara o medio do pasillo e alí queda parada un intre. Mírame ós ollos… Mírate… Ti a miras… E cae o telón. ¿Cando poderei saber como acaba a función?

[Falando de Fin de Ano, aproveito para desexarvos a todos un 2008 inmellorable e inesquecible cheo de sorrisos, bos momentos e desexos cumpridos :) ]

Casiña

Mércores, Decembro 26th, 2007

Onte cheguei a casa despois de moitas semanas… e xa me vou. Deume tempo só para disfrutar dunha comida familiar e unha cea, pero levo ducias de fotos e momentos para o recordo…

Hai uns meses dicía que non atopaba nada que me atase á vida que levaba… Pois ben, xa o atopei estes días. Agora toca marchar e non quero. Para min xa rematou o Nadal. O que queda de festas pasareino sola, lonxe e permanentemente conectada ó teléfono e á webcam.

 O meu primeiro Nadal fóra de casa… :(

Cando che pregunten…

Luns, Decembro 17th, 2007

Cando che pregunten o mellor sitio para pasar estas festas, respóndelle: en casiña!!!!

 Xa temos aquí a segunda parte do “Vivamos como galegos”, esta vez en versión navideña! Pasoume o video un amigo meu e case me poño a chorar da emoción… Entroume un pouco de morriña, xa vos contarei con calma que agora é tardísimo e teño que ir durmir. O video non precisa comentarios, xa o di todo el soliño. ¡Que o disfrutedes!

Por certo, ó final a botella de licor café quedou igual que estaba… Un amigo é moito mellor que o alcol, e non deixa resaca ó día seguinte

De 50 a 0 en menos dun minuto

Domingo, Decembro 16th, 2007

Levaba semanas intentando convencerme a min mesma das mentiras que me gustaría que fosen verdade. Pero o ser humano é débil, e ás veces o xesto máis pequeno pode devolver á vida ou afundir a unha persoa no seu propio mundo… E a min os teus xestos me afunden, encérranme no meu propio mundo do que nunca foi. De 50 a 0% de nós en menos dun minuto.

Aquel novo bico de boas noites dérame unha esperanza baleira que eu me empeñaba en encher con soños e imaxinacións. Pero todo era en balde, porque todos eses desexos ás estrelas só se poden convertir en realidade cando a ti che peta. E iso é case nunca.

Así que mentres ti fas a túa vida, eu espero paciente, sentada. Impaciente. ¿Cando volves? ¿E se te chamo? ¿Por que non me mandas unha mensaxe? ¿Dende aquela noite xa non somos amigos? ¿Xa non son a túa amiga?

Fixéchesme quitar as corazas para poder moldear o meu corazón ó teu estilo, tinguilo e afogalo. Para poñerlle unhas cadeas unidireccionais que o aten ós teus pés. Non importa. Podo construir un novo muro ó meu arredor. O esforzo de tantos anos por convertirme nun auténtico toxo volveuse contra min. Agora, co corpo nu, non sei como defenderme. Xa o conseguín outras veces, ¿por que non desta? ¿Por que non podo deixar de pensar en ti? ¿Arreglaría algo que cho dixese nun dos meus ataques de sinceiridade-sen-sutileza? Aí o tes, colle o meu corazón e fai o que queiras con el.

Hoxe bastáronme eses sete minutos contigo para volver a engancharme. Tívente cerca de novo, coas túas mans na miña espalda… Dicíndome a min mesma: “Non o fagas. Agora es ti a que ten que pasar del”. Conseguino. E díxenche: “Non, síntoo, hoxe non podo sair convosco”. ¡Ben feito! Xa nos veremos… A túa man máis forte, un bico preto dos beizos… Pecho os ollos e capturo ese momento. Xiro un pouco a cara… ¡Non! ¡Prometinme que non o faría! Non te bicarei… E non o fixen. Primeira capa da coraza… E en aumento.

Sorrío e dou media volta. Camiño sen mirar atrás. ¿Estarás mirando ti? E polo camiño sigo sorrindo con incredulidade. ¡Que guapo estabas hoxe! Como me gusta cando me miras así, e cando me tocas o pelo… E os teus bicos preto da boca… A ti tamén che gusta xogar. Pero quizáis desta vez (por primeira vez na miña vida) eu non estaba a xogar…

Xa perdín o instinto de chorar. Xa non me poño triste. Xa non durmo… porque só penso en ti.

(Si, Silvana, tes razón… Estou medio desaparecida en combate. Estas dúas últimas semanas ando no meu mundo… Creo que vou abrir aquela botella de licor café que tiña reservada para unha ocasión especial… Estou morriñenta)

Lambonadas

Martes, Decembro 4th, 2007

a3_1_b.jpg

A media tarde, cando o reloxo da oficina marcaba as seis, ela esperaba impaciente a que aquel compañeiro seu tan calado se erguese da súa cadeira. Paseniño, arrastrando os pés, percorría o pasillo que separaba o seu escritorio da recepción. Alí, no mostrador da entrada, regaláballe un sorriso e unhas cantas palabras de cortesía á recepcionista para logo afundi-la súa man no prato dos caramelos.

Os doces eran pequeniños coma botóns, e viñan envoltos nun papel plástico branco co logo da empresa estampado en grande. Habíaos verdes, marelos, laranxas, vermellos, marróns… Alí mesmo, ó lado do mostrador, rachaba o envoltorio cos dentes e empuxaba o caramelo ó interior da súa boca. Dándolle voltas desandaba o camiño e sentaba de novo no seu sitio.

A ela gustáballe seguilo disimuladamente coa mirada, observar cada xesto e intentar adiviñar a que sabería ese caramelo. ¡Que envexa sentía dese caramelo! Ela tamén devecía por desfacerse entre os seus beizos e encherlle a boca de dozura. Aquela tarde decidiu dar un paso e falarlle. Así que un minuto antes das seis botou a cadeira para atrás, ergueuse con decisión e camiñou cara a recepción. Precisaba unha excusa para pasar uns cantos minutos alí por se el se retrasaba, así que comezou unha conversa absurda coa moza que recibía ós clientes.
-¿Teño algunha chamada?
-Non, esta tarde non te chamou ninguén.
-¡Ah, moi ben! É que como hoxe cheguei un pouquiño tarde non sabía se…

Nese momento, unha man morena se cruzou por diante dos seus ollos. “Perdona”, dixo aquela man xusto antes de afundirse no prato dos caramelos. Era el. Os seus ollos eran tan marróns coma os caramelos de cola.
-Non pasa nada… Pero mira, acabas de meterme as ganas de tomar algo doce…

Día tras día intentaba atopar algunha excusa para atoparse con el ás seis en punto no mostrador de recepción. Así conseguiu enterarse de que os seus caramelos preferidos eran os de laranxa e de que non tiña parella. Ó cabo dun par de meses os caramelos de laranxa remataron por ser tamén os favoritos dela.

Tanto lle gustaba ese sabor afroitado que o resto de cores remataron por perder o gusto. Todos os caramelos lle sabían a laranxa, igual que a boca daquel compañeiro tímido que cada vez falaba máis.

Co tempo, a carne rematou por perder tamén o seu sabor, e as verduras. E o mar, as rosas, as colonias… e el.

Pero era feliz así. ¿Para que se necesitan os olores e as cores do mundo tendo ó lado á persona que che descubriu que non os precisas para nada?