Lambonadas

a3_1_b.jpg

A media tarde, cando o reloxo da oficina marcaba as seis, ela esperaba impaciente a que aquel compañeiro seu tan calado se erguese da súa cadeira. Paseniño, arrastrando os pés, percorría o pasillo que separaba o seu escritorio da recepción. Alí, no mostrador da entrada, regaláballe un sorriso e unhas cantas palabras de cortesía á recepcionista para logo afundi-la súa man no prato dos caramelos.

Os doces eran pequeniños coma botóns, e viñan envoltos nun papel plástico branco co logo da empresa estampado en grande. Habíaos verdes, marelos, laranxas, vermellos, marróns… Alí mesmo, ó lado do mostrador, rachaba o envoltorio cos dentes e empuxaba o caramelo ó interior da súa boca. Dándolle voltas desandaba o camiño e sentaba de novo no seu sitio.

A ela gustáballe seguilo disimuladamente coa mirada, observar cada xesto e intentar adiviñar a que sabería ese caramelo. ¡Que envexa sentía dese caramelo! Ela tamén devecía por desfacerse entre os seus beizos e encherlle a boca de dozura. Aquela tarde decidiu dar un paso e falarlle. Así que un minuto antes das seis botou a cadeira para atrás, ergueuse con decisión e camiñou cara a recepción. Precisaba unha excusa para pasar uns cantos minutos alí por se el se retrasaba, así que comezou unha conversa absurda coa moza que recibía ós clientes.
-¿Teño algunha chamada?
-Non, esta tarde non te chamou ninguén.
-¡Ah, moi ben! É que como hoxe cheguei un pouquiño tarde non sabía se…

Nese momento, unha man morena se cruzou por diante dos seus ollos. “Perdona”, dixo aquela man xusto antes de afundirse no prato dos caramelos. Era el. Os seus ollos eran tan marróns coma os caramelos de cola.
-Non pasa nada… Pero mira, acabas de meterme as ganas de tomar algo doce…

Día tras día intentaba atopar algunha excusa para atoparse con el ás seis en punto no mostrador de recepción. Así conseguiu enterarse de que os seus caramelos preferidos eran os de laranxa e de que non tiña parella. Ó cabo dun par de meses os caramelos de laranxa remataron por ser tamén os favoritos dela.

Tanto lle gustaba ese sabor afroitado que o resto de cores remataron por perder o gusto. Todos os caramelos lle sabían a laranxa, igual que a boca daquel compañeiro tímido que cada vez falaba máis.

Co tempo, a carne rematou por perder tamén o seu sabor, e as verduras. E o mar, as rosas, as colonias… e el.

Pero era feliz así. ¿Para que se necesitan os olores e as cores do mundo tendo ó lado á persona que che descubriu que non os precisas para nada?

7 Responses to “Lambonadas”

  1. Silvana Says:

    Amore, amore y caramelos dulces, ¡qué explosión!

    Muy bueno.

  2. turonio Says:

    Ata as garabatas laranxas do pp non lle parecían tan horrendas ;)

  3. Mar e Lúa Says:

    Silvana, ás veces tamén hai que endulzar a vida con lambonadas, con pequenos bocados de mil cores e sabor a froitas, e o amor non podía ser menos, ¿non cres? :)

    Turonio, non pensara nese detalle! Pero non importa, porque foron tan felices e comeron tantas perdices que deixaron de existir os pepeiros… Este final si que é bonito, ¿non si? Jajaja

  4. A Conxurada Says:

    O relato ben bonito, vou comer un caramelo de naranxa na túa honra.

  5. Doutora Seymour Says:

    Unha sempre colle un caramelo só, por aquilo da educación, pero eu teño que recoñecer que o que me gustaría é coller un puñado por un simple cálculo de probabilidades. A min o que máis me saben son os de limón, e deses sempre hai poucos.

  6. vermella Says:

    A escolla dun caramelo sempre é un motivo de expectación,será doce,será ácedo?
    Os meus favoritos os marróns,penso que son de chocolate e sempre pico.as veces decepciónome porque non sei de que son.
    gracias pola túa visita.

  7. Silvana Says:

    ¿Onde andas? ¡Estás desaparecida en combate!

Leave a Reply