De 50 a 0 en menos dun minuto

Levaba semanas intentando convencerme a min mesma das mentiras que me gustaría que fosen verdade. Pero o ser humano é débil, e ás veces o xesto máis pequeno pode devolver á vida ou afundir a unha persoa no seu propio mundo… E a min os teus xestos me afunden, encérranme no meu propio mundo do que nunca foi. De 50 a 0% de nós en menos dun minuto.

Aquel novo bico de boas noites dérame unha esperanza baleira que eu me empeñaba en encher con soños e imaxinacións. Pero todo era en balde, porque todos eses desexos ás estrelas só se poden convertir en realidade cando a ti che peta. E iso é case nunca.

Así que mentres ti fas a túa vida, eu espero paciente, sentada. Impaciente. ¿Cando volves? ¿E se te chamo? ¿Por que non me mandas unha mensaxe? ¿Dende aquela noite xa non somos amigos? ¿Xa non son a túa amiga?

Fixéchesme quitar as corazas para poder moldear o meu corazón ó teu estilo, tinguilo e afogalo. Para poñerlle unhas cadeas unidireccionais que o aten ós teus pés. Non importa. Podo construir un novo muro ó meu arredor. O esforzo de tantos anos por convertirme nun auténtico toxo volveuse contra min. Agora, co corpo nu, non sei como defenderme. Xa o conseguín outras veces, ¿por que non desta? ¿Por que non podo deixar de pensar en ti? ¿Arreglaría algo que cho dixese nun dos meus ataques de sinceiridade-sen-sutileza? Aí o tes, colle o meu corazón e fai o que queiras con el.

Hoxe bastáronme eses sete minutos contigo para volver a engancharme. Tívente cerca de novo, coas túas mans na miña espalda… Dicíndome a min mesma: “Non o fagas. Agora es ti a que ten que pasar del”. Conseguino. E díxenche: “Non, síntoo, hoxe non podo sair convosco”. ¡Ben feito! Xa nos veremos… A túa man máis forte, un bico preto dos beizos… Pecho os ollos e capturo ese momento. Xiro un pouco a cara… ¡Non! ¡Prometinme que non o faría! Non te bicarei… E non o fixen. Primeira capa da coraza… E en aumento.

Sorrío e dou media volta. Camiño sen mirar atrás. ¿Estarás mirando ti? E polo camiño sigo sorrindo con incredulidade. ¡Que guapo estabas hoxe! Como me gusta cando me miras así, e cando me tocas o pelo… E os teus bicos preto da boca… A ti tamén che gusta xogar. Pero quizáis desta vez (por primeira vez na miña vida) eu non estaba a xogar…

Xa perdín o instinto de chorar. Xa non me poño triste. Xa non durmo… porque só penso en ti.

(Si, Silvana, tes razón… Estou medio desaparecida en combate. Estas dúas últimas semanas ando no meu mundo… Creo que vou abrir aquela botella de licor café que tiña reservada para unha ocasión especial… Estou morriñenta)

7 Responses to “De 50 a 0 en menos dun minuto”

  1. Chousa da Alcandra Says:

    Cando unha bebida está moi quente, compre soprarlle e tomala a sorbiños.
    Hai moitas cousas fervidas na vida. Sopra e…vaina entendendo a sorbiños.

    (Xuraría que este post onte tiña outro texto…Prometo non darlle tanto ó mencía os sábados á noite!).

    Bicos

  2. vermella Says:

    O do licor café é unha boa solución para durmir e non pensar demasiado,o malo é o espertar.
    Así que a modiño….
    Saúdos e ánimo.

  3. Silvana Says:

    O licor café, sobre todo o caseiro, está boísimo, é un xenial compañeiro de amores e desamores. Eu aconséllote o licor café e a crema de oruxo (Abadía da Cova) a poder ser, tamén a crema de licor café está ben boa.

    E cando xa non soportes o alcohol, colle de novo as riendas da tua vida.

  4. Mar e Lúa Says:

    Si, recoñézoo… Cambiei o texto!!! Perdoa, Chousa da Alcandra! Ti continúa co Mencía, que unha vez á semana non fai mal, ¿verdade? Jajaja. Eu sen embargo sonche máis de licor café, como podes comprobar… E iso que ó final o cambiei por un bo amigo!

    Vermella, ó final conseguín resistir a tentación. Prefiro deixar esa botella embalada e abrila cando haxa algo alegre que celebrar. Sen resaca todo se ve mellor, jejeje.

    Silvana, deste licor me falaron marabillas. Feito en Ourense, que non o venden así como así, que é coma o que facía a miña bisavoa do Carballiño… O de coller as riendas xa o vexo algo máis complicado neste momento. Todo se andará´, moitas gracias.

    Quedades invitadas a un groliño virtual ;)

  5. A Conxurada Says:

    Por que sei que non é meu, senón podería xurar que é calquera dos textos que escribin hai cinco anos, con esto quéro dicir que me doeu por dentro recordar unha situación similar, no meu caso as cousas volveron ao rego e el agora dame un bico de boas noites nos labios todos os días, pero o camiño foi duro.
    Non me fagas moito caso, e vive a túa vida intentando ser ti, e non o suplemento de…jeje, e que en todo caso sexas a compañeira de.

    Un bicazo dos grandes.

  6. Zeltia Says:

    Ay, filla, que mal corpo me deixaches!, removeronseme as visceras todiñas porque pensei que alguén arrincara da miña libretiña xa destruída, unha das decenas de follas que tiñan comeduras de tarro coma esa!. Por nada do mundo querería voltar a esa montaña rusa de emocións agora alá no fondo despois flotando por alá arriba, presa dunha paixón que deixa a un sen respecto… porque costa entender que un dia sea bo ou malo se alguén en concreto te chama ou non, che da un bico ou non, te necesita ou non, te folla coma se acabase o mundo, ou te mira coma se foses transparente.
    Xa nunca penso darlle a ningúen o poder de ser dono de min.

  7. Mar e Lúa Says:

    Non sabedes como me gustou ler os vosos posts… Mil gracias por entenderme!!! Deixei de sentirme tan soliña e tola, jejeje.

    Conxurada, graciñas por ese consello tan bonito… Pero o que me vas ter que dicir é o truco destes cinco anos!! Jajajaja. Outro bicazo para ti tamén!

    Zeltia, sinto terche deixado ese mal corpo. Eu non o podería ter definido mellor: unha montaña rusa de emocións… Pero sen dúbida me quedo coa última frase. Eu non lle deixo que sexa o meu dono, pero si que xogue un pouquiño ó seu antollo ó mellor…

Leave a Reply