Ela, igual que todos os outros seres humáns que habitaban naquel estúpido planeta, era unha inconformista. Decatárase por casualidade un día de choiva calquera, oíndo como as pingas esvaraban polo cristal abaixo. Simplemente se deixou levar, permitindo que o seu pensamento esvarase tamén polo vidro escollendo caprichosamente o seu camiño.
“Cando tiña 16 anos quería ter 18. Ós 18 só pensaba nos 20. Logo non me daban chegado os 25… E agora pagaría por volver ós 16. ¿Pódese ser feliz así, sempre desexando algo que non temos?”
Dende aquel mesmo instante, o inconformismo convertérase en parte esencial dela mesma, da súa particular revolución interior. Día tras día se manifestaba nos pensamentos máis cotiáns, e así aprendera a aceptalo…
Ou iso parecía ata que el se cruzou na súa vida. Pouco a pouco, como as pingas no cristal, fora esvarando cada vez máis abaixo polo seu corpo. Estrelárase nos seus ollos, e logo deslizárase cara ós seus beizos, as súas mans, o peito, entre as súas pernas… Cando se quixo decatar, a súa pel xa absorbera aquela boliña de auga morna, que se evaporara ata converterse nun pensamento e aniñar no seu cerebro, alí pretiño do ollo dereito.
Fora un proceso lento, unha dura negociación. “Hoxe cedes ti e me chamas, que a semana que vén xa che mandarei unha mensaxe”. “Pero o venres saio cos meus amigos e prefiro ir só. Total, ti xa quedaras coas túas amigas para baixar ós pubs”. “Quizáis me apeteza algo máis, pero imos deixar a cousa pendurada cun bico casto e puro na fronte”. E así pasaran os meses.
Ó principio xa tiña abondo cunha noite ó seu lado. Pero despois sentía que esas horas lle sabían a pouco, e quixo tamén a mañá seguinte. E un café despois de comer un día entre semana, e unha caña cos seus colegas o xoves…
Ata que chegaron as ceas en casa e as pelis de videoclub os venres pola noite. E as conversas ata o amencer. Ás oito da tarde, cando el a chamaba, axiña collía o móbil para chamar ás súas mellores amigas:
-¡Nena! ¿Oiches? ¡Que me dixo de vir a casa sen que llo propuxese eu! ¡Si! ¡É que a finde pasada xa me chamou el tamén os dous días! ¿E que preparo para cear? ¡É que estivemos xenial xuntos!
Logo dunha desas pelis, durante unha daquelas conversas ata o día seguinte, decatouse de que o seu inconformismo seguía alí coma sempre, agochado nalgunha parte. Quedou á vista de todos cando el, acariñándolle o pelo, lle pasou aquel mechón casi louro por detrás da orella.
-Seguro que es unha celosa.
-¡Que dirás! Non son nada celosa. ¿E ti?
-Só con quen quero… A verdade é que non me gustaría verte con outro, non.
Ó quedar descuberto, ó inconformismo non lle custou apoderarse dela. “¿Querer? Pero… ¿de querer ou de quererme? ¿Que me bota de menos? ¿Non se está a converter nalgo demasiado serio? ¿Terá xa a data para a voda? ¡Ai, mimadriña, que agobio! ¿E que fago eu agora?”
Todo o que vivira durante meses nos seus mellores sonos, agora era case unha realidade que podía tocar con só estirar os dedos.
¡Pero non! Xa non era o momento. Ou ó mellor aínda non o era. “¿Que máis dá? ¡O caso é que non, non e non!”. Unha vez máis, parecía coma se dentro dela nacese o medo a ser feliz. Había quen lle chamaba así, pero ela prefería resumilo nunha sola palabra: inconformismo. Inconformismo vital. Unha das características de todo ser humano que se nos poña por diante.
¿Que seriamos sen el? ¿100% felices?