Calle La Unión
Xoves, Febreiro 21st, 2008.
.
O ceo volveuse gris en cuestión de poucos segundos e toda a luz daquela mañá fresca de febreiro desapareceu de entre os edificios da cidade. Ela mirou para arriba no momento exacto para que unha pinga fría se estampase no seu nariz. ¿Por que sempre esquecía o paraugas en casa? De súpeto, outra pinga foi parar xusto ó seu ollo esquerdo, e outra máis no peito do seu abrigo, e outra no hombreiro…
Antes de que puidese decatarse xa estaba chovendo a esgalla. Sen pensalo, meteuse na cafetería que tiña dez metros máis adiante, pero nada máis cruza-la porta quedou parada. Aquel sitio soáballe… Achegouse á barra e pediulle un café con leite e un cruasán a un camareiro completamente aburrido e anodino, e logo foi sentar unha mesa para tres no fondo do local. Cando aquel camareiro sen alma lle trouxo o seu café arrecendente e quentiño, ela pediulle se lle podía traer un bolígrafo. Cando o tivo nas súas mans, colleu unha servilleta desas que parecen papel de cebola e empezou a escribir.
“Por unha desas casualidades da vida acabo de caer naquel vello café da rúa La Unión. Aquí foi onde quedamos por primeira vez, o primeiro día que nos coñecimos.
Todo segue igual que aquela tarde, aínda que faltan aqueles nenos que non paraban de berrar na mesa do lado. O café segue a ser tan intenso e espumoso como o da última vez, e as escaleiras que soben ós servicios seguen exactamente no mesmo sitio. Lémbroas ben porque (aproveito para confesarcho) non puiden deixar pasar a oportunidade de botar unha ollada á túa figura de costas cando as subiches a modiño. Case me sentín mal ó espiar o teu corpo desa forma, porque eras o meu amigo…
Agora xa pasaron 4 meses dende aquela (é posible que se cumplan xusto hoxe) e xa non sei nin que somos. Vinte espido ducias de veces, e incluso unha vez espertei abrazada a ti no medio da noite, algo que moi poucas veces fixera antes.
E todo quizáis gracias a este café que hoxe bebo sola. Sabe moi ben, aínda que me amarga un pouco. Creo que debería vir por aquí máis a miúdo…
Por certo, curioso o nome da rúa… Calle La Unión.”
Cando rematou fixo unha bola coa servilleta e a botou na taza xa baleira de café. Levantouse e marchou sen deixar propina.
.