Aparece unha balea morta na praia
Ultimamente vai de animais a cousa… Vouvos contar o que me pasou.
Hoxe fun dar un paseo polas praias da zona da Lanzada e San Vicente. Coincidiu por casualidade que cando aparquei ó lado dun bar para tomarme algo fresquiño, unha señora e unha nena se achegaron a min e me preguntaron:
-Oes, nena! ¿Sabes se é certo que apareceu unha balea nunha das praias do paseo de madeira?
Eu non oira nada, pero como son un pouco cotilla pensei “Imos ver se é certo”. Así que comecei a camiñar polo paseo. Máis alá do porto, nunha pequena cala, víase algo semellante a unha roca que brilaba baixo o sol. Tiña forma de bágoa.
A medida que me achegaba á area puiden ver que era a balea. Fedía. O sangue xa se secara sobre a súa pel, e as moscas xa comezaban a atacar aquel festín recén chegado do mar. Faltáballe a aleta posterior, e tiña a boca aberta. Xacía medio soterrada na area.
Non sei exactamente que especie era. De longo medía aproximadamente como unha persoa, e creo que era de cor negra. Tiña os ollos na parte lateral da súa cara, e parecían dous botóns cosidos nun boneco de trapo. Algúns curiosos xa se achegaran antes ca min, e moito máis ca min. Estaba rodeada de pegadas afundidas na area.
A Garda Civil non tardou en chegar, pero antes tiven o impulso de facer unhas cantas fotos… Non sei por que, a verdade é que a imaxe non tiña nada de bonito… Supoño que todo o extraño, o pouco habitual, ten algo de atractivo que chega a superar as nosas reticencias iniciais. Por moi noxento ou triste que sexa queremos lembrar o que sabemos que seguramente non viviremos nunca máis.
Nembargantes, preferín non colgar a foto porque non era nada agradable de ver. Cando a pasei ó ordenador ó chegar a casa tiña a sensación de que aquel cheiro asqueroso me perseguira ata a habitación.
Miña nai dixo que había pouco que aparecera outra balea morta nunha praia da Coruña. Eu non sabía nada, pero é curioso que de súpeto se dean dous casos similares en tan pouco tempo. ¿Casualidade? Espero que sí.
febreiro 9th, 2008 at 12:34 am
vaia que penita!
febreiro 9th, 2008 at 11:25 am
Apareceu tamén unha morta en non sei donde (non sei si Valencia ou por ahí). Non sei si é tanta casualidade … É unha pena cando se ven os animais mortos.
Un saúdo.
febreiro 9th, 2008 at 9:32 pm
Non lembro onde lin que as baleas viñan morrer á costa en lembranza de que un día foron terrestres.
Eu tamén vin as imaxes na tv como retiraban nun tráiler a un enorme cetáceo. E daba pena, si.
febreiro 11th, 2008 at 7:56 pm
Olá:
Lamentablemente aparecen moitos cetáceos mortos nas nosas costas, podes ver algo máis en http://www.cemma.org.
Se me mandas unha foto das que fixeches podo dicirche que especie é, posiblemente xa pasou por alí a nosa Unidade Móbil ( cemma at arrakis.es)
Un saúdo
Alrfedo López
CEMMA
febreiro 11th, 2008 at 7:57 pm
http://www.cemma.org
febreiro 11th, 2008 at 8:02 pm
Un día de verán do ano pasado tamén atopei unha en Corrubedo
http://www.blogoteca.com/hemaco/index.php?cod=19231
febreiro 12th, 2008 at 12:02 am
Os de cemma, saben moito de eso. Decir que teñen o cerebro mais parecido en tamaño ao humano. Pola Costa da Morte, aparecen moitísimos mamíferos mariños. Eu vin unha vez, como uns delfíns salvaban a outro de morrer na plaia arrumbandoo cara fora, quedei abraiado.
febreiro 12th, 2008 at 1:03 am
Eu quería ver algunha viva e que ese recordo esvaecese ese cheiro, que como di vostede parece perseguir. O ler o seu artigo lembroume algúns paseos no que a sorpresa recendía coma esta.
febreiro 12th, 2008 at 4:22 pm
É moi triste ver ese espectáculo, pero si que tes razón en que sempre sentimos un impulso por inmortalizalo todo aínda o que non é tan agradable, ou o que creemos que nunca mais imos a vivir, pero nesta vida nunca se sabe…
febreiro 13th, 2008 at 10:38 am
Historia para Suso Lista:
A mañá do 10 de xuño de 1993, en Corme a maré trouxo un pequeno golfiño morto e deitouno entre as pedras.
Un mariñeiro que andaba polo paseo de Corme viuno, mais non lle pareceu raro, cando se dirixía a chamar á guardia Civil para que avisaran aos científicos decatouse que algo raro pasaba alí, polo que achegouse a mirar.
Ao chegar ao pe do golfiño observou como outro meirande batía con forza varándose contra as pedras, tratando de recoller ao pequeniño que alí estaba. O mar estaba xa tinguido de vermello. O mariñeiro trataba de espantalo coa súa man, pero era inutil. Tal e ra a paixón que o golfiño puña en tratar de voltar ao mar a aquel pequeno inerte que xacía sobre as rochas.
Pola tarde recollín os dous cadáveres na Praia de Arnela, mentres o mariñeiro me contaba o que observara. O pequeno corpo do cativo e o da nai coa boca partida. Entón confirmei que os golfiños tamén sinten e axudan aos seus irmáns, fillos e seres queridos, mentres secaba a bágoa que caía pola miña meixela.
Suso cando atopes algo por aí chama ao 112.
Para Doc: xe lle dixen que as baleas están máis preto do que vostede pensa. Onte mesmo, unha balea de 15 metros estaba a tiro de pedra de Monte Louro e tiveron que convidala a marcharse que lle amolaba aos mariñeiros que pesscaban alí.
Xa o di Lúa, nunca se sabe, por se acaso tira unha fotiña.
febreiro 14th, 2008 at 10:15 am
Para que se te pase la pena te contaré un cuento que muchos aseguran que es verdad. En un pueblo del centro de la península, cuya agua más cercana y abundante es un arroyo de dos metros de ancho, tras una tormenta se corrió la voz de que arroyo abajo bajaba una ballena. Una de las familas del pueblo al completo bajó al arroyo, armados de horcas, hoces y otros útiles y portando serones para transportar la carne del animal. Lógicamente por el Arroyo de la Fuente de la Hoz no bajaba ningún cetáceo pero, sin embargo, hay una familia de “Balleneros” en un pueblo donde la mayoría de la gente no conocía el mar. Hoy perdura el mote. Ojalá que este cuentito de deje buen sabor.
Saludos.