Calle La Unión

cafe.jpg

O ceo volveuse gris en cuestión de poucos segundos e toda a luz daquela mañá fresca de febreiro desapareceu de entre os edificios da cidade. Ela mirou para arriba no momento exacto para que unha pinga fría se estampase no seu nariz. ¿Por que sempre esquecía o paraugas en casa? De súpeto, outra pinga foi parar xusto ó seu ollo esquerdo, e outra máis no peito do seu abrigo, e outra no hombreiro…  

Antes de que puidese decatarse xa estaba chovendo a esgalla. Sen pensalo, meteuse na cafetería que tiña dez metros máis adiante, pero nada máis cruza-la porta quedou parada. Aquel sitio soáballe… Achegouse á barra e pediulle un café con leite e un cruasán a un camareiro completamente aburrido e anodino, e logo foi sentar unha mesa para tres no fondo do local. Cando aquel camareiro sen alma lle trouxo o seu café arrecendente e quentiño, ela pediulle se lle podía traer un bolígrafo. Cando o tivo nas súas mans, colleu unha servilleta desas que parecen papel de cebola e empezou a escribir.

“Por unha desas casualidades da vida acabo de caer naquel vello café da rúa La Unión. Aquí foi onde quedamos por primeira vez, o primeiro día que nos coñecimos.

Todo segue igual que aquela tarde, aínda que faltan aqueles nenos que non paraban de berrar na mesa do lado. O café segue a ser tan intenso e espumoso como o da última vez, e as escaleiras que soben ós servicios seguen exactamente no mesmo sitio. Lémbroas ben porque (aproveito para confesarcho) non puiden deixar pasar a oportunidade de botar unha ollada á túa figura de costas cando as subiches a modiño. Case me sentín mal ó espiar o teu corpo desa forma, porque eras o meu amigo…

Agora xa pasaron 4 meses dende aquela (é posible que se cumplan xusto hoxe) e xa non sei nin que somos. Vinte espido ducias de veces, e incluso unha vez espertei abrazada a ti no medio da noite, algo que moi poucas veces fixera antes.

E todo quizáis gracias a este café que hoxe bebo sola. Sabe moi ben, aínda que me amarga un pouco. Creo que debería vir por aquí máis a miúdo…

Por certo, curioso o nome da rúa… Calle La Unión.”

Cando rematou fixo unha bola coa servilleta e a botou na taza xa baleira de café. Levantouse e marchou sen deixar propina.

11 Responses to “Calle La Unión”

  1. O Raposo Says:

    Moralexa: A vida pasa de presa e dá moitas voltas pero o sabor dun bo café perdura. Podería valer para un anuncio.
    Apertas.

  2. Silvana Says:

    Creo que a moralexa de Raposo é ben acertada. E o nome da rúa tamén.

    Gustoume moito o relato. Un saúdo.

  3. A Conxurada Says:

    Encantoume este texto, parabéns, e bicos.

  4. Hermaco Says:

    Moi bo relato.
    Cantas cosuas me lembra.
    Decataranse, co tempo, que nos mesmo lugares van pasar cousa sobre cousa, e co tempo dilúense unhas sobre outras.
    Onte houbo eclipse pero a súa lúa, e outras máis, seguen resplandecentes.

  5. Mar e Lúa Says:

    Raposo, rexistra esa frase, que tes razón: valería perfectamente para un bo anuncio.

    Silvana, o nome da rúa non era máis que outra desas casualidades da vida…

    Conxurada, moitas gracias. A min tamén me gustou o teu relato. Curioso que os dous comezasen cun café e acabasen igual cunha unión, ¿non si? :)

    Hermaco, moitas gracias a ti tamén. Hoxe tiña un día un pouco tonto, e a verdade é que me animou bastante o teu comentario. Un bico!

  6. Suso Lista Says:

    Si señor. O raposo sempre a borda

  7. Doutora Seymour Says:

    Nas cafeterías que eu frecuento teñen as servilletas tan pequenas, que só podería escribir a última liña que escribiu vostede, volva outra otra vez por alí e fágase cun servilleterio e reparta algúnhas.
    E deixou o papel engruñado así, sen máis, dentro da taza, a total disposición do camareiro ao que aínda por riba non deixou propina? É vostede unha arroutada!!!

  8. Zeltia Says:

    eu tamén penso que o mellor para que se esvaian os recordos nun sitio é frecuentalo. Porque cando volvemos a un lugar despois de tempo, un lugar onde se viviron momentos importantes, os recordos volven con tanta forza que nos parece vivilo de novo… con nostalxia, ou con dor, ou con añoranza…

  9. asbeirasdoarnego Says:

    ta moi interesante o teu blog, ti tamén tas invitada ao meu se xe interesa a dirección é: www.asbeirasdoarnego.blogspot.com trata sobre un pequeno pobo do centro de Galiza chamado Agolada

  10. vermella Says:

    Concordo co raposo que é un slogan estupendo para anunciar café,voltar as veces fai que vexamos mías alá do que vimos a primeira vez,o momento de poñerse a escribir para facer real un pensamento é unha terapia que voulle copiar………….
    bicos e precioso post.

  11. Chousa da Alcandra Says:

    O de chamarse Unión resultou ser unha bonita casualidades, si. Ata a min me gustou tamén o sabor dese café…
    (A palabra que tiven que poñer como anti-spam , curiosamente foi “illa”. Casualidades da vida!)

Leave a Reply

*
To prove you're a person (not a spam script), type the security word shown in the picture.
Anti-Spam Image