Archive for Marzo, 2008

Días de merda

Luns, Marzo 31st, 2008

 . murphy.jpg .

Hai días nos que, irremediablemente, todo ten que sair mal. Hoxe é para min un deses días, téñoo claro a pesar de que apenas é a unha do mediodía.

A véspera normalmente empezan a aparecer avisos para que te prepares psicolóxicamente durante a noite para o día de merda que está a piques de chegar. Por exemplo, onte intentei solucionar un pequeno problema con miña irmá que veño arrastrando dende fai dous meses. Pero, lonxe de solucionalo, aínda se empeorou. Non importa que poñas da túa parte todo o posible e parte do imposible: ten que sair mal para avisar do día de merda.

A noite antes destes días merdentos nunca dormes ben. Chámalle pesadelos, chámalle insomnio, chámalle preocupación ou festa dos veciños… E non haberá ningunha forma de poder evitalo.

E así vai chegando o día de merda propiamente dito. A máxima que rexe esas 24 terribles horas é a supercoñecida Lei de Murphy. Poñamos un caso práctico: as miñas 13 primeiras horas de hoxe:
-Puxera o espertador ás 9 e media, pero acordei antes ás tres, ás seis e pico e ás 9 menos cinco.
-Cando soou o espertador, quedei durmida ata ás dez e media.
-Ó meterme na ducha non daba atopado a temperatura axeitada da auga, e por non ducharme en auga fría case me escaldo a pel.
-Fun comprar catro cousas ó súper e ó final, o tiquet da caixa  marcaba exactamente 27′22 euros.
-O cupón de desconto de 2 euros do súper só era canxeable por unha compra superior a 40 euros (podía ter sido peor: superior a 30, que fode máis).
-Non hai espacio no frigo para meter esas catro cousas.
-Como non hai espacio no frigo, decido meter algo na miña balda do armario, e ó abrir a porta caen 5 tupperwares que estaban mal colocados na balda de arriba.
-Os tupperwares non se limitan a caer, senón que fan o esforzo de caer sobre un montón de migallas de pan e pepitas de tomate que algunha das miñas compañeiras de piso non limpou esta mañá.
-Ábrome unha das cervexas que acabo de comprar, facéndome dano no dedo co chisme de quitar a chapa.
-Unha vez aberta e co meu dedo enroxecido, descubro que esquecera metela no frigo e vén do tempo. ¡Que noxo!
-Cando volvo á habitación, fúndeseme a bombilla.
-Logo de fundirse a bombilla, esgótaseme a pila do MP3
-Póñome a escribir no blog e esquezo que deixara unha coliflor a ferver na cociña…

Pero xa tanto me ten. Por moito que faga, a coliflor leva escrito no seu destino que ten que botar toda a auga por fóra e acabar medio queimada e pegada á pota.

Por todo iso, fago unha chamada desesperada ós deuses da fortuna. Porque 24 horas son demasiadas nun día de merda…

Aprendendo a ler

Xoves, Marzo 13th, 2008

libroo.jpg
(Foto: Chema Madoz)

Era unha desas tardes morriñentas e preguizosas, de rúas baleiras e nada que facer na casa. Fóra non ía nin frío nin calor; non era tarde nin cedo, nin luns nin domingo, non había ningún plan especial, nada que invitase a saír dar un paseo.

Lembro que el acendeu a radio para escoitar o partido da xornada dende a cama, folgazán e sen demasiadas esperanzas no que podía facer o seu equipo. Eu collín un libro e me deixei caer ó seu carón. Mirou para mi cun medio sonriso debuxado nos seus beizos.
-A ver, leme algo. Quero ver como les.
-É que me dá vergoña…
-Non te preocupes, aínda estás aprendendo. ¡Veña, eu che corrixo o que estea mal! ¿Por onde ías?

Así que puxen cara de resignación e resoplei. A primeira palabra, a segunda, e logo a terceira… Intentei parecer segura, deixando que as verbas se encadeasen unhas a outras coma se levasen imáns incorporados. Pero ¿como o ía estar co raro que escriben e falan nese idioma tan novo para min?

Seguín lendo, en voz baixa para que non puidese percibir todos os matices e os meus erros. Estaba máis ocupada en converter aquelas letras nos sons que lle correspondían que en entender o propio texto. Unha frase, outra, e outra máis… Non te trabes…

-Antes de saír de casa deisha que…
-Deixa. Tes que pronunciar dei-xxxxxxxxxa. É coma se mandases calar, tes que pronunciala máis sonora.
-Dei-xxxxxxa… Dei-xa. Dei-xa. ¿Deixa? -repetín eu.
-Si, ¡moi ben! Non o fas nada mal, estou bastante sorprendido. Falas moi ben.

Sorrín entre avergoñada e agradecida polos ánimo, mentres el se achegaba máis. Cunha man rodeou a miña cintura e coa outra colleu o libro, sosténdoo de xeito que o puidesemos ver os dous. E seguiu lendo onde eu me parara, contándome un conto que me encantou, aínda que non sei de que falaba.

“Dei-xxxa”, pensaba eu, “deixa que se pare o tempo…”

Os coches que berran

Venres, Marzo 7th, 2008

Hoxe non fun traballar porque levo dous días con febre. Ó mellor é por mor de tanta campaña electoral, tanto anuncio, e tanto coche que berra…

É que teño un trauma eu cos coches eses que levan altofalantes e que van berrando pola rúa: VOTA PEPÉ!! VOTA PESOE!! SÍ, SÍ, IZQUIERDA UNIDA SÍ!! VOTA… BENEGÁ!!! ¿De verdade pensan que van conseguir máis votantes molestando mentres intentas botar unha soneca ou escoitar a radio?  Eu a verdade é que este ano seguín pouco a campaña, e como xa votei (ó estar lonxe da terra tiven que decidirme antes, non sen esforzo), pois tampouco me molestaron tanto. Xa sei que sempre falo dos coches que berran cando hai campaña, pero é que (ademáis do devandito trauma) teño unha teoría sobre eles…

Os coches que berran non teñen o obxectivo de captar votantes, senón simplemente de molestar, crear ese ambiente de debate e de “¿Ti a quen vas votar? Non cho digo, que o voto é segredo de Estado!”. Se vos fixades, ás veces anuncian mítins, pero en moitas ocasións só piden o voto para os seus candidatos.

En fin, que agora xa é tarde, pero creo que nas próximas eleccións collerei unha libretiña na que irei apuntando cantas veces escoito o coche que berra de cada partido, e ó final, se teño dúbidas á hora de votar, votarei ó que menos molestase durante a campaña.