Aprendendo a ler

libroo.jpg
(Foto: Chema Madoz)

Era unha desas tardes morriñentas e preguizosas, de rúas baleiras e nada que facer na casa. Fóra non ía nin frío nin calor; non era tarde nin cedo, nin luns nin domingo, non había ningún plan especial, nada que invitase a saír dar un paseo.

Lembro que el acendeu a radio para escoitar o partido da xornada dende a cama, folgazán e sen demasiadas esperanzas no que podía facer o seu equipo. Eu collín un libro e me deixei caer ó seu carón. Mirou para mi cun medio sonriso debuxado nos seus beizos.
-A ver, leme algo. Quero ver como les.
-É que me dá vergoña…
-Non te preocupes, aínda estás aprendendo. ¡Veña, eu che corrixo o que estea mal! ¿Por onde ías?

Así que puxen cara de resignación e resoplei. A primeira palabra, a segunda, e logo a terceira… Intentei parecer segura, deixando que as verbas se encadeasen unhas a outras coma se levasen imáns incorporados. Pero ¿como o ía estar co raro que escriben e falan nese idioma tan novo para min?

Seguín lendo, en voz baixa para que non puidese percibir todos os matices e os meus erros. Estaba máis ocupada en converter aquelas letras nos sons que lle correspondían que en entender o propio texto. Unha frase, outra, e outra máis… Non te trabes…

-Antes de saír de casa deisha que…
-Deixa. Tes que pronunciar dei-xxxxxxxxxa. É coma se mandases calar, tes que pronunciala máis sonora.
-Dei-xxxxxxa… Dei-xa. Dei-xa. ¿Deixa? -repetín eu.
-Si, ¡moi ben! Non o fas nada mal, estou bastante sorprendido. Falas moi ben.

Sorrín entre avergoñada e agradecida polos ánimo, mentres el se achegaba máis. Cunha man rodeou a miña cintura e coa outra colleu o libro, sosténdoo de xeito que o puidesemos ver os dous. E seguiu lendo onde eu me parara, contándome un conto que me encantou, aínda que non sei de que falaba.

“Dei-xxxa”, pensaba eu, “deixa que se pare o tempo…”

7 Responses to “Aprendendo a ler”

  1. Suso Lista Says:

    Gustame como o contas, deixate levar, polo brazo e polo pensamento.

  2. Pablo Says:

    Hai momentos nos que desexas que o tempo se pare para sempre, e ese, sen dúbida, sóame moito. Aínda recordo á miña avoa facendo o mesmo… Graciñas por espertar a miña memoria!

  3. paideleo Says:

    Eu estou triste que non teño lembranza parecida.

  4. Silvana Says:

    A min pásame como a Paideleo, tampouco teño esas lembranzas. Pero sí hai moitos momentos nos que desexaría que se parase o tempo. Nunca se para, claro!!!

    Un saúdo.

  5. O Raposo Says:

    Cando un está lendo un bo libro hai veces que si, que nos gustaría que o tempo ficara quedo para rematar o libro de vagar, saboreando cada letra, cada páxina, ata o seu mais profundo cerne.
    Apertas.

  6. Doutora Seymour Says:

    Eu lembro que esas palabras lidas sabíanme a doce, e sempre deixaba de mirar o libro para mirar a boca de quen as lía.
    É moi fermoso ese recordo, e como o conta.

  7. ninsesabepuntocom Says:

    Non para non…O tempo, quero dicir.
    Fermoso relato.

Leave a Reply

*
To prove you're a person (not a spam script), type the security word shown in the picture.
Anti-Spam Image