Archive for Abril, 2008

Esa raza superior…

Mércores, Abril 30th, 2008

medico.jpg

A semana pasada tocoume facer a revisión de empresa, a excusa perfecta para ir tomar un café logo e escribir un pouco, unha das miñas aficións preferidas. Normalmente dáseme por pensar en cousas raras, pero aquel día o tema era obvio: a superioridade desa raza inalcanzable chamada “médicos”. Cheguei á conclusión de que a devandita superioridade se manifesta principalmente en tres pasos:
- 1: as preguntas
- 2: o tubiño
- 3: as palabras

Xa chegas alí á revisión en condicións de inferioridade: fanche dar os teus datos e encher un cuestionario. ¿Ten algún tipo de alerxia? ¿Lava os dentes tódolos días? ¿Bebe vostede moito ou consume drogas? ¿Hai máis dunha semana que mantivo relacións sexuais por última vez? Isto tes que enchelo diante de todo o mundo, nunha cadeira incómoda e coa tentación de mentir… ¡Pero non! Non se pode mentir, porque logo che fan os análises e vai ti saber que che miran… Pero o máis denigrante non é a falta de intimidade, senón o feito de saber por que todo o mundo leva unhas mochilas tan grandes: para meter o tubiño de orina. Non é máis grande que o dedo índice dunha man, pero todo o mundo o leva envolto nunha bolsa de plástico coma se fose unha bomba de napalm, con coidado de non lle dar golpes á mochila. E miras ós de arredor e sabes que eles tamén mexaron no tubiño…

E aí entras, con toda a dignidade que consegues reunir, a pasar polas distintas salas de diagnóstico coma se fosen as cadeas de montaxe da Citroën. O peor é que non me chamaron á de análise ata case a última proba, e aí fun eu paseando o meu tubiño de pis por toda a clínica.

Por se non chegasen todas estas cousas para afundir ó teu ego na inferioridade, cada profesional pon todo o seu empeño en utilizar palabras que só entenden eles e que amosan a túa incultura. “¡Non intentes poñerte ó noso nivel, ti non es médico!”.

E como as cousas de palacio van despacio, os análises non chegarán ata dentro de Deus sabe canto. E sempre terás a dúbida de se o xefe botou unha ollada antes ca ti… E ó cabo de dous meses, ¡despido colectivo!

Sant Jordi dá demasiados quebradeiros de cabeza

Xoves, Abril 24th, 2008

 . sant-jordi.jpg .

Hoxe é o Día do Libro, aínda que aquí, onde estou agora, celebran Sant Jordi. Ata onte pensaba que ía ser un día incrible, sen máis preocupacións que percorrer todos os postos facendo unha lista de tódolos títulos habidos e por haber que quería ter nas miñas mans… Pero coma sempre, a pantasma dos sentimentos sobrevoa ameazante a miña cabeza. Danme moito medo os sentimentos.

Aínda así, teño que confesar que me encanta o ambiente que hai fóra: as rúas ateigadas, as parelliñas collidas da man, postos de libros por todas partes, mozos vendendo rosas por toda a cidade, a xente sorrindo e con esa típica cara de tontiño que se lles pon cando están namorados, as mulleres levando as flores na man en vez de levalas no bolso (¡hai que lucilas, que carallo!)… Rosas vermellas, abertas, pechadas, con espinas, sen espinas, con banderiñas, cunha espig de trigo, en papel prateado, marelo, transparente…

O que xa non se ve tanto son os libros que elas regalan. Eu tamén regalei un libro a alguén que me regalou a primeira rosa da súa vida.

En fin, que xa andaba algo preocupada polo que podería interpretar esa persoa se lle regalaba o libro cando vin na parte alta da rúa  principal un cartel que dicía: “Un abrazo, unha rosa”. Baixo el, oito velliños e velliñas sentados en cadeiras plegables cun sombreiro de palla cada un. Era unha iniciativa dun centro de día que facía rosas de papel e regalaba unha a cada un dos que abrazasen a un dos anciáns. Eles mesmos sostiñan unha ou dúas flores de distintas cores, e esperaban sentados e pacientes como as rapazas feas das pelis americanas no baile de graduación. Fixeime de seguida nunha velliña engurrada que non levantaba a mirada. Quixen ir alí, darlle dous bicos e preguntarlle “¿Como se chama vostede? ¿E como lle vai o día de Sant Jordi? ¿Como eran antes, que facían? ¿Quen lle regalou a súa primeira rosa?”. En silencio, pedia a berros ser escoitada. Partiuseme o corazón. Quixen darlle o abrazo, pero necesitaba chorar e marchei rúa abaixo, coas gafas de sol postas.

Reñinme a min mesma por non me ter atrevido, por ser tan egoísta de non poder sobrepoñerme. E volvín rúa arriba. Moitos miraban facendo un corro, coma min, quizáis intentando reunir as forzas para facelo. Non puiden. Só conseguín preguntarlle a unha rapaza se eran voluntarios. Volvín mirar ós vellos. Quixen ir un por un, escoitándoos. Eles sentaban nese escaparate de decadencia sen cristal, esperando que alguén se achegase e lles dese un bico. E de novo quixen chorar… e de novo marchei. Unha vez máis o intentei e volvín rúa arriba, pero non cheguei nin á metade… Estaba sensible hoxe, ¿que lle ía facer? Non podía afrontalo.

Volvín a casa e chorei pola merda de mundo que intentamos esconder. Ninguén quere abrazar ós vellos. Hai que expoñe-las súas dores na rúa ese día no que a xente parece lembrar o que é o cariño. Hai que comprar un abrazo cunha rosa de papel mal feita. Hai que intentar dar un abrazo tres veces para rematar por non dalo… Hai moito que cambiar, eu a primeira. Estou cabreada comigo mesma.

Menos mal que teño unha rosa que me daba medo recibir, pero que penso secar e conservar durante todo o tempo que poida. Menos mal que escribín unha dedicatoria sinceira nun gran libro, adicada a unha gran persoa. Menos mal que chorei por non ser capaz de abrazar á vella. Menos mal que aínda me queda algo dentro.

Así que con todo isto teño ben claro que prefiro o Día do Libro ó de Sant Jordi: se hai sorte mami cómprache un libro bonito, dáslle as gracias, léelo e logo déixasllo a ela. Sinxelo, ¿non si?

¿Como sei tanto del?

Martes, Abril 22nd, 2008

  libreta.jpg

 Ninguén pensara nunca que puidese ir tanta calor en Galiza a mediados de febreiro. Os xerseis e abrigos convertíranse en prendas inusualmente inútiles por esas datas ata as 6 do serán, cando o sol se perdía alén da liña do horizonte.

Era domingo en Combarro, e os guiris paseaban polas rúas con pantalón curto e chancletas. Camiñei polo pobo, sempre en paralelo ó mar, ata chegar onde o Peirao de Rial. As mesas da terraza estaban case todas ocupadas polos de sempre ou por visitantes que facían turnos para ver as fotos das súas cámaras dixitais diante dunha cervexa fresquiña.

E entre todos eles, un home que non sabería dicir se era veciño de Combarro ou non. Fixen un esforzo para gardar o seu retrato robot na memoria, aínda que hoxe non estou moi segura da súa fidelidade: cara ovalada e cun certo color a sol, perilla e pelo canosos, camiseta verde caqui, entre 40 e 50 anos…

Vinlle os ollos marróns baixo as cellas grosas e grises cando mirou para min. Levantou a vista daquela pequena libreta e quedou observándome durante uns segundos. “El tamén leva sempre a súa libreta de escribir, coma min”, pensei. E de súpeto, aquela mirada casual cobrou un novo sentido.

Vino claro: el tamén era blogueiro. Tamén precisaba escribir para expresarse. Tamén tiña obsesión polo mar.

Pero… ¿decatárase el tamén de que era coma min? ¿Miroume por casualidade eses 5 segundos? ¿Que estaría pensando? ¿Que escribía? ¿Visitaría algunha vez o seu blog? ¿Como sei tanto del?

Fufulaia

Domingo, Abril 20th, 2008

Entrou sorrindo e cunha foto na man. Camiñaba con ese andar típico dos nenos que están a piques de cumplir dous anos, gracioso e sen medo. Era loira e de cabelo fino, tan fino que parecía calviña cando a luz caía perpendicular sobre a cabeza.  Levaba unha saia texana con volantes e unha camiseta cun gatiño debuxado.

Así como entrou revolucionou a oficina. Todos os traballadores se achegaban a ela, axeónllábanselle diante e falábanlle con voz aguda e a modiño.

-¿Como te chamas?
-Átima.
-¿E cantos anos tes?
-Ashí -respondía ela facendo un V cos dediños.
-Dille, Fátima, dille cantos anos tes.
-Doush -contestou sen baixar os dedos
-¿E que queres ser de maior?
-Fufulaia.
-¿Como? -preguntaron todos estrañados
-Fu… fu… ¡laia! ¡Fufulaia! ¡FUFULAIAAA!

Todos desviaron as miradas cara ós seus pais, buscando unha traducción. “Funcionaria”, dixeron eles con cara de orgullo.

¡Hai que ver! ¡Lévanos ben aprendidos xa dende cativos!

Liada…

Mércores, Abril 16th, 2008

Escribo este post porque si, Silvana, tes toda a razón… Ultimamente ando algo liada, un pouco no meu mundo, e a verdade é que vos teño (a vós e ó blog) un pouquiño abandonados.

 Pero isto vaise rematar xa. A partir de agora prometo poñerme máis en serio co blog e escribir máis a miúdo. E por suposto, visitar máis os vosos blogs.

 O motivo de que estea tan ausente dende hai uns meses é que non teño moito tempo. Quítanmo o traballo, outros proxectos que tiña entre mans e un proxecto con nome de home (xa me entendedes). Ademáis estou nun momento en que non acabo de saber moi ben o que quero, en pleno cambio de mentalidade, e a verdade é que necesito aclarme antes de poder comunicarme co mundo exterior jajaja.

Outra das razóns polas que andaba perdida é que tiven un pequeno problema personal con alguén moi próximo a min. Aproveito tamén para mandarlle a aperta máis forte do mundo a unha persoa que nunca vai saber que lla mandei porque non sabe que existe este blog. É unha amiga miña, uns anos menor ca min, á que sempre protexo moito e que está atravesando un momento moi duro. Xa que non me atrevo a dicirllo á cara, envíolle un agarimo dixital con sabor a “Non pasa nada, agora o importante é que ti te poñas ben. Pola miña parte está todo esquecido. Quérote, aínda que nunca cho diga”.