¿Como sei tanto del?

  libreta.jpg

 Ninguén pensara nunca que puidese ir tanta calor en Galiza a mediados de febreiro. Os xerseis e abrigos convertíranse en prendas inusualmente inútiles por esas datas ata as 6 do serán, cando o sol se perdía alén da liña do horizonte.

Era domingo en Combarro, e os guiris paseaban polas rúas con pantalón curto e chancletas. Camiñei polo pobo, sempre en paralelo ó mar, ata chegar onde o Peirao de Rial. As mesas da terraza estaban case todas ocupadas polos de sempre ou por visitantes que facían turnos para ver as fotos das súas cámaras dixitais diante dunha cervexa fresquiña.

E entre todos eles, un home que non sabería dicir se era veciño de Combarro ou non. Fixen un esforzo para gardar o seu retrato robot na memoria, aínda que hoxe non estou moi segura da súa fidelidade: cara ovalada e cun certo color a sol, perilla e pelo canosos, camiseta verde caqui, entre 40 e 50 anos…

Vinlle os ollos marróns baixo as cellas grosas e grises cando mirou para min. Levantou a vista daquela pequena libreta e quedou observándome durante uns segundos. “El tamén leva sempre a súa libreta de escribir, coma min”, pensei. E de súpeto, aquela mirada casual cobrou un novo sentido.

Vino claro: el tamén era blogueiro. Tamén precisaba escribir para expresarse. Tamén tiña obsesión polo mar.

Pero… ¿decatárase el tamén de que era coma min? ¿Miroume por casualidade eses 5 segundos? ¿Que estaría pensando? ¿Que escribía? ¿Visitaría algunha vez o seu blog? ¿Como sei tanto del?

One Response to “¿Como sei tanto del?”

  1. Silvana di:

    Porque te fixaches, te fixaches.