Sant Jordi dá demasiados quebradeiros de cabeza
.
.
Hoxe é o Día do Libro, aínda que aquí, onde estou agora, celebran Sant Jordi. Ata onte pensaba que ía ser un día incrible, sen máis preocupacións que percorrer todos os postos facendo unha lista de tódolos títulos habidos e por haber que quería ter nas miñas mans… Pero coma sempre, a pantasma dos sentimentos sobrevoa ameazante a miña cabeza. Danme moito medo os sentimentos.
Aínda así, teño que confesar que me encanta o ambiente que hai fóra: as rúas ateigadas, as parelliñas collidas da man, postos de libros por todas partes, mozos vendendo rosas por toda a cidade, a xente sorrindo e con esa típica cara de tontiño que se lles pon cando están namorados, as mulleres levando as flores na man en vez de levalas no bolso (¡hai que lucilas, que carallo!)… Rosas vermellas, abertas, pechadas, con espinas, sen espinas, con banderiñas, cunha espig de trigo, en papel prateado, marelo, transparente…
O que xa non se ve tanto son os libros que elas regalan. Eu tamén regalei un libro a alguén que me regalou a primeira rosa da súa vida.
En fin, que xa andaba algo preocupada polo que podería interpretar esa persoa se lle regalaba o libro cando vin na parte alta da rúa principal un cartel que dicía: “Un abrazo, unha rosa”. Baixo el, oito velliños e velliñas sentados en cadeiras plegables cun sombreiro de palla cada un. Era unha iniciativa dun centro de día que facía rosas de papel e regalaba unha a cada un dos que abrazasen a un dos anciáns. Eles mesmos sostiñan unha ou dúas flores de distintas cores, e esperaban sentados e pacientes como as rapazas feas das pelis americanas no baile de graduación. Fixeime de seguida nunha velliña engurrada que non levantaba a mirada. Quixen ir alí, darlle dous bicos e preguntarlle “¿Como se chama vostede? ¿E como lle vai o día de Sant Jordi? ¿Como eran antes, que facían? ¿Quen lle regalou a súa primeira rosa?”. En silencio, pedia a berros ser escoitada. Partiuseme o corazón. Quixen darlle o abrazo, pero necesitaba chorar e marchei rúa abaixo, coas gafas de sol postas.
Reñinme a min mesma por non me ter atrevido, por ser tan egoísta de non poder sobrepoñerme. E volvín rúa arriba. Moitos miraban facendo un corro, coma min, quizáis intentando reunir as forzas para facelo. Non puiden. Só conseguín preguntarlle a unha rapaza se eran voluntarios. Volvín mirar ós vellos. Quixen ir un por un, escoitándoos. Eles sentaban nese escaparate de decadencia sen cristal, esperando que alguén se achegase e lles dese un bico. E de novo quixen chorar… e de novo marchei. Unha vez máis o intentei e volvín rúa arriba, pero non cheguei nin á metade… Estaba sensible hoxe, ¿que lle ía facer? Non podía afrontalo.
Volvín a casa e chorei pola merda de mundo que intentamos esconder. Ninguén quere abrazar ós vellos. Hai que expoñe-las súas dores na rúa ese día no que a xente parece lembrar o que é o cariño. Hai que comprar un abrazo cunha rosa de papel mal feita. Hai que intentar dar un abrazo tres veces para rematar por non dalo… Hai moito que cambiar, eu a primeira. Estou cabreada comigo mesma.
Menos mal que teño unha rosa que me daba medo recibir, pero que penso secar e conservar durante todo o tempo que poida. Menos mal que escribín unha dedicatoria sinceira nun gran libro, adicada a unha gran persoa. Menos mal que chorei por non ser capaz de abrazar á vella. Menos mal que aínda me queda algo dentro.
Así que con todo isto teño ben claro que prefiro o Día do Libro ó de Sant Jordi: se hai sorte mami cómprache un libro bonito, dáslle as gracias, léelo e logo déixasllo a ela. Sinxelo, ¿non si?
Abril 24th, 2008 at 12:59 pm
Os putos contrastes da vida C.ruíz Zafón cunha cola de quilómetros agardando unha firma e as veces un bico para vender e os nosos maiores sen ter que os bique……….
entendo a túa sensación,
bico e rosa virtual.
Abril 24th, 2008 at 1:41 pm
Amig@ blogueir@: Queremos informarte da Xuntanza de blogueiros que terá lugar en Agolada (Pontevedra) o día 31 de maio de 2008. Gustaríanos contar coa túa presenza.
Agradecémosche que lle deas publicidade ao evento desde a túa páxina. Se o tes a ben coloca o logo da xuntanza nun recanto do teu blog.
Para máis información:
http://blog-xuntanza.blogspot.com
Abril 24th, 2008 at 6:37 pm
No mes de Novembro, estando eu na plaza da catedral de Bruselas, andaban dando voltas dous rapaces cun cartel coljado do pescozo que poñía “abrazos gratis” en francés e inglés. Aló que fun eu, pareinos e dímonos un par de abrazos dos jratis, non coñecía ós rapaces de nada, pero as apertas e as caras de alegría sentáronme de maravilla.
Guerras e mal rollos hai demasiados no mundo… ás veces non nos percatamos do ben que sentan unhas mostras de cariño de mes en cando.
Abril 29th, 2008 at 11:47 pm
A vida é moi cruel cos vellos