Archive for Maio, 2008

Meme: Passion Quilt

Martes, Maio 27th, 2008

comunicacion.jpg .
A comunicación

Da man de Pablo chégame un novo meme que seguro que todos vós fixestes xa: o Passion Quilt. Basicamente, e se non me equivoco, a cousa consiste en explicar a través dunha imaxe o que nos gustaría que o mundo aprendese.

Levoume un par de días decidirme, pero agora xa o teño claro clarísimo: a xente debería aprender a comunicarse.

Cando estudiaba, os profes sempre dicían que vivimos na sociedade da comunicación. Eu penso que máis ben vivimos na sociedade da incomunicación. Paradoxicamente, estamos arrodeados de medios de comunicación que, lonxe de fomentar a conexión entre persoas, contribúen a que cada unha se aílle máis dentro do seu propio mundo. E así nos van as cousas.

Non sabemos expresarnos (eu a primeira), pero aínda menos escoitar. Cada quen vai á súa, sen preocuparse polos demáis. Isto é aplicable a persoas, cidades, empresas, países, pais e fillos, parellas, partidos políticos…

Os medio de comunicación están montados para apelar ó subconsciente, ás emocións, pero seguimos sen saber comunicarnos de forma racional e civilizada, interactuando e debatindo para chegar a un punto común. Así aparecen algunhas situacións como a violencia, a censura, o consumo de drogas entre adolescentes, os cornos e divorcios, as crises políticas e tantos outros erros do día a día.

Eu estou convencida de que o truco é tan sinxelo como aprender a escoitar.

En fin, ata aquí a miña reflexión. Agora, como seguro que case todos fixestes xa o meme, deixo aquí as normas para todos os que queiran continualo. Velaquí as reglas:

  •  Postear unha imaxe ou facer/tomar/crear unha propia que capture o que máis TE APASIONE que sexa aprendido.
  • Darlle á imaxe un breve título
  • Titular o post “Meme: Passion Quilt”
  • Enlazar esta entrada
  • Incluir enlaces a 5 ou máis maestros ou persoas que transmiten coñecemento.

O proceso de tolear

Xoves, Maio 22nd, 2008

0007locura.jpg

O peor de volverse tola é que non é un proceso rápido e instantáneo. Pasa un tempo ata que chegas ó punto de correr espida pola casa cun funil na cabeza e o volume da tele ó máximo, sen que nada che importe. E mentres iso non chega, nos momentos de lucidez, vaste decatando de como a realidade se alonxa dos teus ollos pouco a pouco, paseniño, coma se fose un caracol que vai deixando un regueiro pegañento mentres que ti, unha leituguiña que xa botou raíces nun rincón perdido da horta, queres ir detrás del pero non te podes mover de onde estás plantada.

Ó principio nin te decatas de que te estás a converter nunha regadeira andante, con patiñas e luvas brancas coma as de Mickey Mouse e un gran sorriso dibuxado ó lado da asa. Esquécenseche as palabras, escoitas como alguén parece chamarte dende o outro lado da habitación, confúndeste de rúa no camiño que fas todos os días… Vas á froitería e pídeslle á dependenta que che suba os baixos do pantalón, chamas ó teu xefe ó móbil e sóltaslle un “Cariño, hoxe deixaches os pratos sen limpiar”…

Parecen pequenos despistes, ata que o proceso de tolear dá un pasiño máis, achegándote á loucura pero mantendo unha certa perspectiva da realidade. Vaste alonxando da xente que queres, só estás de corpo presente, pero ausente de pensamento. Pasoume o outro día. Alguén me preguntou se quería unha mazá, e eu vía na miña cabeza a imaxe dunha mazá, redondiña e marela, pero non sabía que era, nin para que servía, nin cal era aquela cor. Eu quería dicirlle que non quería ningunha mazá, que só quería un napevigón, pero non podía falar. As palabras non saían da miña boca. Sabía cal era a realidade, pero a miña cabeza ía pola súa banda.
-¿Queres unha mazá?
-Non me gustan os soldados que rañan nos zapatos, porque logo cheira a chiurizo. E os indios comen moitos para poder ter as orellas coloradiñas. Unha vez eu comín un mantel que sabía a deja-vu, pero boteille un pouco de zapato de soldado e xa estaba moito mellor aquelo… Pásame un ollo deses, dos de boneco, fai o favor. ¡E dille a esa rosa que acabe de cantar xa, que bota máis gallos que un galiñeiro!

Cada vez estas idas de olla son máis frecuentes. Quero contestar ás agullas que me fan as persoas que me arrodean, pero a miña baldosa xa non é quen de distinguir moi ben entre a realidade e amiña propia loucura.

Os paxaros carpinteiros estoupan nos periódicos, e as pedras amontónanse baixo os sombreiros de copa. O carbón afeita o apetito e ponme o Carrefur máis limpo que un lapiceiro. E todo se vai volvendo cada vez máis oscuro, cada vez máis perruno, cada vez máis Irún…

Martes e 13

Martes, Maio 13th, 2008

Non sabedes o que me acaba de pasar hai 15 minutos… Aínda veño coas pernas tremando coma dúas varas de vimbio. Volvía de face-la compra no súper cargada cunha bolsa na man dereita e unha garrafa de 5 litros de auga na esquerda. Viña coa música posta no mp3, e estaba a piques de sacar as chaves do bolso, cando vin a porta do meu edificio aberta, así que me dispuxen a entrar.

Aínda non o fixera cando, de súpeto, noto coma se alguén me andivese a fozar na mochila. Había moita xente, e non sería raro que alguén me rozase sen querer ó pasar, pero en canto estiven dentro tirei as bolsas ó chan e mirei ás miñas costas… ¡A carteira non estaba na mochila! A persona que estaba abrindo a porta era xusto unha compañeira miña de piso, collina do brazo e díxenlle: “Acompáñame, que me acaban de roubar o moedeiro”.

Botei a correr, coa miña amiga detrás de min. As señoras que estaban pola rúa dicíanme “Foi ese, foi ese!” mentres eu ía alcanzando a dous mozos novos. Un era marroquí, e o outro non sabería dicir de onde. Case todas sinalaban ó primeiro, pero eu sabía que fora o outro. Seguramente ían xuntos, e os dous camiñaban a paso normal.  Berreilles mentres que a miña compañeira agarraba ó marroquí polo brazo. A miña carteira estaba no chan. Recollina e abrina, esperando que estivesen os cartos dentro… ¡Si!

Mireino á cara e soltei a frase-sentencia máis intelixente do momento:
-Oes, tío, por favor…

 Non sei por que mo devolveu todo: as tarxetas, os cartos, o moedeiro, os papeis, as fotos… Quizais non tivera tempo de saca-los cartos diante de todas aquelas persoas que o viran, ou quizais non pensou que o fose perseguir.

Hai que ter collóns para roubarlle a unha persona que non cobra nin mil euros e que ten que pagar o alquiler, a comida, a roupa e todo sen axuda ningunha.

Enerxía

Martes, Maio 13th, 2008

Un calafrío percorreulle a espalda desde a altura dos riles ata a nuca. ¿Que lle pasaba? ¿Por que falaba sen apenas pensar nas súas palabras? ¿Por que non lle importaba o que puidesen pensar os demáis? ¿Por que era capaz de ser feliz simplemente porque si?

Sentía que a enerxía explotaba en cada un dos poros do seu corpo. Correr, berrar, saltar, xogar, rir… Iso era o único que sabería facer ben naquel momento.

Pero había algo que non lle acababa de cadrar: ¿por que a alarma do seu reloxo soara media hora antes das cinco? ¿Que pasaba cada día ás cinco? ¿Non era…? ¡Si! Xustamente a hora á que tiña que estar na oficina.

Meteu a man no peto da cazadora e sacou o seu DNI. Non podía ser. ¡Tiña 25 anos xa! ¿Entón por que volvía a sentirse coma cando só tiña 15? ¿Que era esa enerxía?