O proceso de tolear

0007locura.jpg

O peor de volverse tola é que non é un proceso rápido e instantáneo. Pasa un tempo ata que chegas ó punto de correr espida pola casa cun funil na cabeza e o volume da tele ó máximo, sen que nada che importe. E mentres iso non chega, nos momentos de lucidez, vaste decatando de como a realidade se alonxa dos teus ollos pouco a pouco, paseniño, coma se fose un caracol que vai deixando un regueiro pegañento mentres que ti, unha leituguiña que xa botou raíces nun rincón perdido da horta, queres ir detrás del pero non te podes mover de onde estás plantada.

Ó principio nin te decatas de que te estás a converter nunha regadeira andante, con patiñas e luvas brancas coma as de Mickey Mouse e un gran sorriso dibuxado ó lado da asa. Esquécenseche as palabras, escoitas como alguén parece chamarte dende o outro lado da habitación, confúndeste de rúa no camiño que fas todos os días… Vas á froitería e pídeslle á dependenta que che suba os baixos do pantalón, chamas ó teu xefe ó móbil e sóltaslle un “Cariño, hoxe deixaches os pratos sen limpiar”…

Parecen pequenos despistes, ata que o proceso de tolear dá un pasiño máis, achegándote á loucura pero mantendo unha certa perspectiva da realidade. Vaste alonxando da xente que queres, só estás de corpo presente, pero ausente de pensamento. Pasoume o outro día. Alguén me preguntou se quería unha mazá, e eu vía na miña cabeza a imaxe dunha mazá, redondiña e marela, pero non sabía que era, nin para que servía, nin cal era aquela cor. Eu quería dicirlle que non quería ningunha mazá, que só quería un napevigón, pero non podía falar. As palabras non saían da miña boca. Sabía cal era a realidade, pero a miña cabeza ía pola súa banda.
-¿Queres unha mazá?
-Non me gustan os soldados que rañan nos zapatos, porque logo cheira a chiurizo. E os indios comen moitos para poder ter as orellas coloradiñas. Unha vez eu comín un mantel que sabía a deja-vu, pero boteille un pouco de zapato de soldado e xa estaba moito mellor aquelo… Pásame un ollo deses, dos de boneco, fai o favor. ¡E dille a esa rosa que acabe de cantar xa, que bota máis gallos que un galiñeiro!

Cada vez estas idas de olla son máis frecuentes. Quero contestar ás agullas que me fan as persoas que me arrodean, pero a miña baldosa xa non é quen de distinguir moi ben entre a realidade e amiña propia loucura.

Os paxaros carpinteiros estoupan nos periódicos, e as pedras amontónanse baixo os sombreiros de copa. O carbón afeita o apetito e ponme o Carrefur máis limpo que un lapiceiro. E todo se vai volvendo cada vez máis oscuro, cada vez máis perruno, cada vez máis Irún…

7 Responses to “O proceso de tolear”

  1. Silvana Says:

    Boa descripción. Un saúdo.

  2. Chousa da Alcandra Says:

    Que a lucidez nos permita sempre respetar a tolemia!
    Unha aperta

  3. Pablo Says:

    Napevigón???? uffff, perdona a miña incultura pero…. e iso que ven sendo???

  4. dagolada Says:

    Polo dos despistes, eu debo tamén de estar volvéndome medio tolo, aínda que os meus non son tan graves como os que ti dis na entrada. Iso de chamarlle ó xefe cariño, dáme arrepíos. Un saúdo

  5. Ninsesabe Says:

    Para min que a fronteira entre a loucura e a cordura, de exisitir, debe estar moi mal sinalizada. E sejuramente por iso, moitas veces andamos por un territorio pensando que estamos no outro.
    Dijo eu
    ¿Ou non?

  6. Pili Says:

    Me has dejado impresionada y asustada.
    Nada me da más miedo que volverme loca o que los míos pierdan la cabeza.
    Me parece que lo has escrito y descrito como si lo sintieras. Espero que solo sea tu imaginación.
    Saludos

  7. vermella Says:

    A loucura non está ben definida,é o que percibe o outro ,o que temos enfrente o que califica os nosos actos,no lado esquerdo do cerebro está a nosa capacidade verbal o malo que as veces as mentes pensantes estan noutra cousa distinta e as conexións entre un hemisferio e outro xogan ao despiste.
    bicos.

Leave a Reply