Coma pompas de xabón
.
.
(www.zubbles.com)
Non sabía canto tempo levaba así. ¿Uns minutos? ¿Oito horas? ¿Seis meses? ¿Media vida? O caso é que aquel calorciño suave e tranquilizador en contacto coa miña pel facía que me esquecese do mundo e do tempo.
Pouco a pouco aqueles brazos mornos comezaron a apretar máis, cinguíndome a un corpo inmóbil e unha cabeza que se apoiaba coidadosamente sobre a miña. Aquela caricia leve converteuse nun mimo agarimoso, e logo nunha aperta sinceira, e logo nun forte achuchón, e logo nunha presión tola que parecía querer romper todo o meu corpo. A forza ía en aumento e a dor era cada vez máis grande, máis grande, máis grande…
Un segundo antes de que acontecese xa o vía vir. Comprendín que era inevitable, e que de nada serviría loitar contra unha forza tan clara, así que exhalei o aire que tiña nos pulmóns, relaxei todos os músculos e…
¡Blop! ¡Blop! ¡Blop, blop! ¡Blop!
Aquela aperta esmoreceu transformándose en centos de pompas de xabón que ascendían perezosas cara o ceo. Sentinme relaxada e tranquila en cada un dos camiños que debuxaban no aire. Lenta, preguizosa, zigzagueante, coqueta… Así era eu en cada unha das burbullas nas que me convertera.
Cando xa estaba ben alto, xusto antes de desfacerme en moreas de gotiñas de xabón, miraba cara abaixo e vía o meu corpo satisfeito, espido e despreocupado, aferrado cun sorriso a aquela mata de cabelos brilantes.
En forma de milleiros de gotiñas fun caendo de novo sobre o meu propio corpo, esperando que o ciclo se repetise para volver converterme en centos de pompas de xabón de distintas cores.
xuño 16th, 2008 at 4:02 pm
Parece relaxante converterse en pompas de xabón, flotar no aire e voltar a caer. Gústame a idea.
xuño 16th, 2008 at 11:48 pm
nunca o imaxinara así
xuño 17th, 2008 at 8:03 am
Bonito texto para empeza-lo día.
Graciñas.
xuño 17th, 2008 at 10:31 am
Pero que sensación máis marabillosa ten que ser converterte en pompa….
xuño 18th, 2008 at 6:41 pm
Precioso ser pompa por un intre e voltar ao corpo con esa experiencia tan eterea,para repetir….
bico
xuño 19th, 2008 at 6:42 pm
Que justo da cando se comeza de novo… frescura e “virxinidade” fan sentir a un como novo, preparado para comerse o mundo outra vez, o malo é que a maioría das veces atrajántasenos o cabrón!
Apertas!
xuño 22nd, 2008 at 1:38 pm
que efimerade ó rompela burbulla coas faíscas do sol e os murmullos do vento.