A boneca chorona
mércores, xullo 30th, 2008.
.
Ridícula, absurda, perdida, incoherente… Así se sentía no medio dun universo que ás veces non entendía. A lencería fina non facía máis que realza-la súa insignificancia ante o mundo, e as agullas do reloxo marelo que colgaba da parede íanse cravando no seu orgullo segundo a segundo, minuto a minuto, hora a hora… Cada vez máis fondo.
A culpa era toda daquela maldita chamada. “É que me acaba de pegar un toque o Fran, o do curro, que ían todos tomar unha caña agora. ¿Non che importa que vaia, non?”. “¡Non, home! ¿Como me vai importar que quedes un rato cos colegas para tomar algo?”. “Ti tranquila, que xa lles dixen que quedara de cear contigo ás nove, así que ás nove e media como moi tarde estou alí”. “Nada, home, que non pasa nada. Anda, vai… ¡e pásao ben!”.
Aproveitando que ían cear un pouco máis tarde do previsto, ela sacou tempo para alisar o pelo coas planchas e repasarse as éngoas coa coitela. Eran xa as oito e media cando decidiu que, xa que lle sobraba tempo, ía pinta-los beizos. Logo foi ver a tele un rato. Ás nove estaba completamente lista, co bolso nunha das cadeiras do salón, preparada para baixar en canto soase o porteiro automático. E así lle deron as nove e media. E as dez menos cuarto. Cada pouco tempo levantábase, ía ó espello do baño e retocaba un pouco a maquillaxe ou pintaba os ollos. Ás dez decidiu que xa era o momento de chamalo ó móbil, porque el non adoitaba retrasarse nunca tanto. Un tono… Dous… Tres… Cinco… Oito… Dez… E colgou.
Ás dez e cinco volveu intentalo, porque ó mellor co ruído do local non escoitara o teléfono soar. E de novo… Un tono… Dous… Tres… Catro… Sete… Nove… Trece… Quince… Ata que a liña se cansou e lle deu sinal de ‘non responde’. Así pasara un pouco de tempo… ata as dez e sete minutos. Volveu probar ás dez e dez, e ás dez e cuarto. E tamén ás dez e vinte, e ás dez e vintecatro. E por fin, ás dez e media, propúxose intentalo por derradeira vez. Non responde.
O sostén oprimíalle o corazón, e as tetas comprimidas nunhas copas de encaixe negro afogábana de tan subidas como as levaba, impedindo que o aire lle chegase dentro. E aquel tanga fino e semitransparente fendíase na súa pel, enraizándose no seu corpo ata conseguir facer un nó de angoxa no seu estómago. Sentíase coma unha principiante de puta: humillada, desprezada, inútil, plástica, desleixada… Un corpo imperfecto e incapaz de despertar sentimentos noutra persoa. Baleira por dentro.
A fame empezaba a berrarlle dende dentro. Colleu o pan de molde disposta a facerse un sandwich, pero nin para iso tenía forzas; así que sacou do envoltorio de plástico a primeira rebanada, aquela tan tostadiña que ninguén quere nunca, e comezou a esmigallala e a meter os trociños pouco a pouco na boca. Mastigaba sen ganas, deixando que se fixese unha masa blandengue e con sabor a fariña. Outra rebanada máis, e outro minuto… E outra… E outro… E outra… E un paseo cara a habitación do final do corredor para cambiar o vestido por aquela camiseta marela, longa e desgastada, que utilizaba como camisón. Marela, como o reloxo que emitía aquel sonido infernal e periódico a cada segundo que pasaba. Deixou posta a lencería fina, por aquilo de evitarse o esforzo de quitala e tamén en parte para amortizala un pouco, visto que a noite non ía dar para moito.
Medio ano quedando asiduamente con aquel ser desprezable e miserable, odioso e asqueroso, para que agora non lle contestase ás súas mensaxes preocupadas. ¿Que se estou ben? ¿Que se me pasou algo? ¿Que che importará a ti?
Ás once menos cuarto, coa bolsa de pan de molde xa pola metade, o seu móbil vibrou sobre a mesa da sala. Era el. Respondeu sen oculta-la súa indignación.
-¿Onde estás?
-É que tiña o móbil en vibracion e non o notei, acabamos de saír agora, non vira as túas perdis porque estabamos todos a rir cos contos do de Contabilidade, o…
-¿Perdidas? ¿Chamadas perdidas de quince tonos? ¿E para que está o vibrador, se non é para saber que te chaman cando hai barullo? Mira, nin mo contestes mellor, ¡que a saber onde andabas!
-Bueno, muller, síntoo… Pero tranquila que xa estou no teu portal. ¿Ábresme?
Dous minutos despois xa estaba no cuarto piso, timbrando e buscando no seu repertorio de xestos a cara máis arrepentida e sinceira do inventario.
-Síntoo, pasóuseme a hora e…
-Xa está, non me fales máis diso. Tes pan de molde para cear, porque supoño que virás con fame.
Ela sentou no sofá a esperar que o outro rematase de cear. “Sempre o dicía a avoa: pan con pan, comida de tontos. ¡E este ben que o é! Non sei por que o aturo”, pensaba mentres el ía engulindo rebanada tras rebanada.
Aínda con cachiños de pan entre os dentes, aquel monstro sentou canda ela no sofá. O corpo femenino, inútil e baleiro, nin sequera se moveu para facerlle sitio. Quedou tal como estaba, medio recostada e coas pernas abertas nunha postura impropia dunha doncela. Unha man noxenta aproveitou a circunstancia para deslizarse por baixo da camiseta de durmir. Foi o suficientemente intelixente como para non pecha-las pernas ata que estivo segura de que aquel bicho se decatara da volatilidade do encaixe. O criminal de guerra decidiu atacar por outro fronte, e comezou a bicala suavemente percorrendo o brazo dende o seu pulso ata a aixela. Suaviño, a modo, ata chegar á nuca, o seu punto débil.
Estivo a piques de firma-la súa rendición (total, tampouco tiña moita máis autoestima que perder naquela noite, ¿por que non liberarse da que lle quedaba a través da suor provocada por un bo casquete?) cando, de súpeto, unha voz que lle soou infantiloide rompeu o momento:
-¿Sabes a que ules?
Silencio por uns segundos.
-Non.
-A plástico.
Contivo as báboas para poder dicir “Non me sorprende” coa voz tremolosa. E a boneca de plástico comezou a chorar cando o seu dono lle apertou o brazo.
PD : Perdoade por estar tanto tempo sen escribir, e sobre todo, sen poder visitar os vosos blogs. Ultimamente tiven uns cantos problemiñas, pero nada que non se poida solucionar cunhas máis que esperadas vacacións… Estarei outra semaniña máis ausente, pero á volta buscarei un oco para ver como vos van as vacacións. Ata entón, queda este post, que co longo que é xa cobre todo o tempo que estiven perdida. ¡Apertas e bo verano a todos!