As orixes

Na metade do camiño as pernas xa non lle respondían. A súa voz, entrecortada polo esforzo de toda unha vida, xa apenas recordaba o acento curvilíneo que o acompañara dende ben cativo e ata os vinte anos. As súas mans xa esqueceran as asperezas do pau do sacho, e os seus ollos xa non estaban afeitos á cor verde.

Frenou. Respirou e xuntou tódalas súas forzas para volve-la vista atrás. Quizais aínda podería lembra-lo camiño que percorrera ata aquel momento… Un pouquiño máis ó norte e moito máis ó oeste…

E alí estaba ela. Galiza.

Quixo recuperar folgos para volver atrás, quixo correr coma tantas veces correra por aquela fraga chea de carballos e pequenos seres máxicos de cando só era un pícaro. Quixo voltar, e correu.

Correu e correu, pero as súas pernas xa non eran as que antes correran entre os carballos, e os anos de traballo lonxe da familia fixeran estragos no seu ánimo. Ó mellor el mesmo nin sequera era el mesmo logo de tanto tempo. Non avanzou máis que sete anos.

Coa sede ardéndolle na gorxa achegouse a aquela riera que durante os meses de verán daba risa, de tan pouca auga que levaba. Pero el non puido rir. Buscou o río da súa infancia naquelas augas enlamadas, sen conseguir nin sequera evocalo na súa mente…

E alí, enchendo a riera con bágoas morriñentas, botou o seu último alento. Morreu na emigración, sí… pero con Galiza no pensamento.

2 Responses to “As orixes”

  1. sonungiri di:

    A morte e a emigración son duas cousas que doen bastante por separado pero que se ademais veñen da man fan que doan mais. A emigración é como morrer un pouco. A fin de contas, vivir onde non coñeces a ninguén é o mais parecido a estar morto e morrer onde non es coñecido é ainda mais doloroso que morrer onde es querido/a.

  2. BranKiñO di:

    Cando entro en internet e abro os meus favoritos, esta paxina está das primeiras, quizais non postees dende fai máis de 6 meses, pero creeme que todos os dias entro coa esperanza de encontrar unha nova entrada. Quizais non sexa dos lectores que máis comenta, nin tampouco dos primeiros ( encontrei este blog de pura casualidade),pero creeme que sempre que o leo fagoo coas mesmas ganas (sobre todo as miñas Galizas). Quizais non volva a ler unha entrada nova no tablon, pero creeme que seguirei entrando todos os dias para buscala. Moita sorte. unha aperta.