Champán

Onte descorchei unha botella de champán que tiña na nevera dende había uns días. Estábaa gardando para abrila no mellor momento, e isto foi onte.

Xa pasaba da unha cando me enterei de que Fraga acababa de morrer, e estaba a piques de apaga-la luz e deixalo para a mañá seguinte, pero fixérame unha promesa. A min e ós milleiros de familias que perderon a un dos seus durante a Guerra Civil ou, o que é aínda peor, durante o franquismo.

Non me alegro de que morra ninguén (e menos se é un criminal coma el que aínda non foi xulgado nin pagou polos seus delitos), así que non brindei pola morte do vello cacique fascista, non… Brindei polo recordo de todas esas víctimas, algunhas asasinadas por orde da firma de Fraga, algunhas nas cunetas esperando que alguén desenterre os seus ósos, e case todos culpables de defender a democracia e a República escollida polo pobo do Estado español. Tamén brindei por tódalas mulleres que nos sentimos insultadas por el, polos que non crimos as súas mentiras cando foi a catástrofe do Prestige, polos que opinamos que pode ter nacido en Galiza pero que non é galego, polos que criticaron que se lle chame “pai da Constitución” ou “figura da transición á democracia”, polos que nin esquecen nin perdoan.

En honor de todos eles, e á vosa saúde.

2 Responses to “Champán”

  1. Algún escribirá alguén a súa historia de maneira obxectiva e precisa, esa historia que hoxe se solapa tras os sons das gaitas.

    Un saúdo.

  2. Zeltia di:

    eu non brindei, como tí dis, cústame alegrarme que morra alguén.
    pero tanta hipocresía e tanta pompa case me fixo vomitar