Psicoloxía dende a barra

Camareiro:
Mira estes dous, xa é o segundo día seguido que veñen. Non pensei que repetirían, porque onte marcharon cada un pola súa conta. A ver se xa están a crear unha rutina xuntos.
-Boas tardes, ¿qué tomaredes?
Sí, igual que onte: ela bebe cervexa e él refresco de limón, non é o habitual cando veñen parellas que non se coñecen moito. El parece moi tranquilo, pero a ela véselle máis tensa. Vaille costar levala á cama… 

El:
Viñemos tarde, queda moi pouquiño tempo. De aquí a unha hora teño que estar nunha reunión, pero polo menos conseguimos quedar. Espero que non me faga as preguntas incómodas de onte… A verdade é que me colleron desprevido, notábaa tan tensa que non pensei que se atrevería a preguntarme ese tipo de cousas, quedei ben cortado. Que non se me esqueza que lle teño que explicar que conseguín para a empresa o proxecto do que lle falei onte. A verdade é que a conversa sempre flúe con ela, aínda rimos xuntos. É moi divertido cando falamos de política, sempre acabamos os dous botando pestes e arranxando o mundo.

 Ela:
¡Merda! Teño que saír de aquí, non sei se poderei aguantar ata o final… ¡É que é miralo ós ollos e me derrito! ¿Como vou facer para non insinuarme e non provocalo? Atópolle dobres sentidos a todo o que me di, pero creo que el non o fai con esa intención. Ó principio vou aguantando, pero cando va pasando o tempo teño que reprimir o impulso de lanzarme sobre a súa boca, alguén nos podería ver, e se llo explican á moza voulle crear un problema. Tocoume a perna, vou deixar a man sobre a mesa, pretiño del, a ver se ma toca tamén e podemos empezar un xogo de miradas… ¡Non, quítaa! ¡Non provoques situacións nas que os poidades tocar! Xa sabes que se empezamos así acabamos na cama sen poder separarnos. E bótate atrás na cadeira. 

Camareiro:
A estes non hai quen os entenda: hai dous minutos parecía que ela xa estaba máis disposta, estaba completamente botada para adiante na cadeira, case inclinada sobre el… ¡estábanse comendo cos ollos! E míraos agora: os dous sentados coa espalda apoiada atrás, sorrindo, ela tensa de novo. A saber qué lle dixo o pailán, se a tiña xa comendo da súa man. Hoxe tampouco marchan xuntos. Mañá seguro que volven, a ver que fan. ¡A ver se marchan xuntos dunha vez xa, home! Como ela vaia ó lavabo voulle dicir ó rapaz que bula, que se non a vai perder.  Pegan moito estes dous, vanse arrepentir se non se deciden.

Comments are closed.