Loitar contra a razón

Din que é difícil loitar contra os sentimentos, e ó final os dous remataron por seguir ós seus corazóns.

A el a razón dicíalle que xa non había motivos para intentar arranxar o que se rompera uns meses antes. Dicíalle que seguramente non pagaría a pena recompoñer aquela fotografía rota en trece anacos, ir pegando cachiño a cachiño ata que a imaxe que se vía nela parecese igual á que antes fora. Non era necesario escoita-los gritos que aínda quedaban por escapar, nin ver as caras xirándose ó se atopar, nin erguer un muro de cemento na metade da cama que compartían. Pero o corazón, quizáis afeito a esas rutinas, tiña o impulso de volver a elas con cada latexo.

A ela, en cambio, o corazón dicíalle que no se metese no medio da relación que tiña aquella antiga parella afeita ás loitas inxustificadas  e inútiles. Dicíalle que, se de verdade o quería, mellor sería non lle crear problemas mentres el estaba intentando recompoñer a vella fotografía. Que non lle fixese dano. A razón, en cambio, dicíalle que aquela foto era imposible de recompoñer, así que ¿por que tiñan que perde-lo tempo? ¿Por que non podía ela rescatalo daquela outra muller que non lle ofrecía máis que peleas e desacordos? ¿Por que non lle podía regalar todo o seu equilibrio, as voltas do seu reloxo, a olor do seu champú, os raios de sol entrando pola fiestra e a súa visión do mundo? Iso era, realmente, todo o que el precisaba.

Pero ó final os dous remataron por seguir ós seus corazóns: el volveu coa muller dos berros inútiles, e ela deixoulle facelo. Din que é difícil loitar contra o corazón, pero aínda se sacrifica máis loitando contra a razón.

2 Responses to “Loitar contra a razón”

  1. Pois xa ves, ti mesmo o dis…non se pode loitar contra o corazon, mais tampouco contra a razòn, se escaso alguns tentan desfigurarla, encadenarla, e privarnos da liberdade de usar dela…¿Quen é mais feliz, o que se deixa levar dos impulsos do corazon, o aquel que se move pola razòn….?
    ¿Se pode misturar e vivir no limite de ambos?
    Moi boa reflexiòn a tùa

  2. Complicado….moi complicado….fermoso dilema…¿Corazon ou razòn?. As veces e preciso, e imprescindible botar man das duas….De calquera xeito o teu relato e fermoso…e directo, e o desenlace triste pero real, como normlamente ocurre na vida….Os soños rotos.