O derradeiro bico

Un dos peores momentos que se poden pasar é o do derradeiro bico, sobre todo cando o único que queres é pedirlle aos outros beizos que nunca estean a máis de medio centímetro da túa pel. As sensacións multiplícanse e grávanse no cerebro coa tinta dos recordos indelebles, pero co sabor máis amargo que se pode imaxinar.
Cando os meus ollos loitan por reter as bágoas vexo os teus rizos perfectamente despeiteados proxectándose como sombras no teito, e penso no que sempre me gustou enredar os meus dedos neles, botarchos para atrás antes de acariñarche as meixelas con toda a dozura que pode saír das miñas mans. Estou tan preto da túa cara que a túa barba me fai cóxegas nos labios. Só che vexo un ollo, pero estás tan pegado a min que non o podo nin enfocar, e apenas noto esas primeiras engurras que se lle achegan polas que tanto me gusta navegar.
Pecho os ollos e aspiro o teu olor, que sempre me calma cando apoio a orella contra o teu peito para sentirche o corazón. Agora só escoito a túa respiración, acompasada co bico, e que me fai lembrar a túa voz e todo o que nos quedou por dicir.
Concéntrome no teu bico e saboreo a saliva que se coa ata a miña boca, sempre tan doce e fresca, sempre co teu sabor. Sinto as túas mans quentes na miña cintura e quero apertarte máis entre as miñas cando, de súpeto, separas os beizos dos meus. Xa acabou o noso derradeiro bico e só quero quedarme pegada a ti para sempre. Como pode ser que teña que dicirlle adeus ao meu home perfecto, ao que fai que a vida teña algo de bonita? Xa nada parece ter sentido.

Comments are closed.