Arrastrada polo chan

Arrástrome espida polo chan
Con tódalas unllas rotas
De tanto intentar aferrarme ao que sexa
E tirar do peso morto do meu corpo
Para seguir adiante.

As pedras afiladas aráñanme o peito,
O ventre, as mans e o sexo.
Nótoas frías e punzantes
Coma agullas que me tatúan
A dor do teu recordo.

Arrástrome sen forzas,
Sen ilusión e sen ganas sequera,
Deixando que a terra húmida
Á que axiña volverei
Console o sangue que brota.

Vexo a miña pel lixada,
Chea de area e de vergoña,
E ergo a cara pouco a pouco
Buscando nos teus ollos indiferentes
O brillo da lascivia.

Suplícoche coa mirada
Que non marches, que me coides,
Que mostres as cicatrices
Que che toquei na escura noite
Na que non perdín nada

Salvo a dignidade.

Non me queiras, úsame,
Non me importa.
Átame unha corda de doble nó
E arrastra tras de ti o meu peso morto.
Pero déixame ir contigo un anaco do camiño.

Prometo deixarme levar
Arañando as carnes contra o chan
Se é preciso

One Response to “Arrastrada polo chan”

  1. Xan di:

    O amor fainos doblegar, suplicar e humillar, pero cando paso o tempo sabemos que non merece a pena nin se consigue nada.
    Bicos