Cada vez que me tocas

Cada vez que te vexo
fáiseme un nó no estómago que ata
irremediablemente
o meu norte e o teu sur.
A miña mente e o teu sexo.
Quero gritar, facer que me vexas,
materializarme nos teus soños
e roubarche un bico nas comisuras
da tentación morna da túa boca.

Cada vez que me miras
o meu peito estoupa en mil pétalos en flor,
os meus ollos non se atreven a cruzar
polo paso da a túa mirada felina.
Devólvesme ós meus dezasete anos,
cando nunca me atrevía ós primeiros pasos.

E cada vez que me tocas…

Cada vez que me tocas
O nó do meu estómago aprétase
como querería eu me apretar contra ti
antes de quedar durmida no teu peito.
O meu corpo faise líquido,
non se contén na embalaxe débil da miña pel.
Os teus bicos chúchanme a enerxía
e caigo rendida e indefensa ós teus pés.
As túas caricias rómpenme os ósos
cun placenteiro crepitar
que recorda ó lume do inferno,
onde unha vez me levaches da man
e de onde aínda non sei se voltei.

2 Responses to “Cada vez que me tocas”

  1. Zeltia di:

    hai veces que un vai a gusto ata o mesmo inferno…!

  2. Zeltia di:

    eses dous últimos versos danlle a volta ao poema.