Archive for the ‘As miñas Galizas’ Category

Día de Galiz(ci)a

Mércores, Xullo 25th, 2007

Eu, ó igual que o meu amigo turonio, quero aproveitar este 25 de xullo para desexarlle a tódolos galegos e a toda a xente de Galiza que pase un feliz día, e pedirlles que aproveiten para pensar un poco en nós mesmos.

Hoxe tócame librar, e como vos comentaba no post anterior, vou ir ó que quizais sexa o meu lugar favorito dos que coñecín ata agora en Galiza, a praia da Lanzada. Para min é como un espacio onde se concentra a esencia da miña terra, aínda que non sabería explicalo moi ben. A pesares de que está xa bastante masificada, segue a conservar esa esencia, coma se o tempo non pasase nunca por ela. Ten algo de máxico…

Alí seguramente me porei a pensar na nosa situación, e nun tema que me preocupa bastante: o galego. Creo que o uso natural do galego é o primeiro paso para que poidamos recuperar unha identidade que, na maior parte dos casos, xa quedou perdida tempo atrás. Somos galegos, si, pero antes diso cada quen é cada quen, e non somos capaces de consolidar un grupo forte que loite polos nosos intereses colectivos. Deixámonos levar mansamente polos políticos, incluso polos que non son nosos e non miran por nós.

Creo que o único momento no que se recuperou esa identidade colectiva da que vos falaba foi na época do Prestige. A min dábanme ganas de chorar de emoción, arrodeada de xente á que non coñecía de nada e berrando todos xuntos para que se nos tivese en conta. ¡Non somos imbéciles! ¡Non podedes facer connosco o que vos dea a gana! ¡Temos personalidade, e ímonos defender!

Desgraciadamente, todos eses momentos foron esmorecendo así que pasou o tempo, e volvimos quedar igual que estabamos. Perdimos unha oportunidade de volvernos máis fortes, de volvernos máis galegos independentemente das afinidades políticas de cada un.

Aínda nos queda moito camiño por percorrer, e a verdade é que o panorama non pinta moi ben nestes intres… Eu o único que sei é que son galega e que me encanta Galiza. E algún día a nosa situación cambiará. Cambiarémola.

Puto tráfico

Venres, Abril 27th, 2007

.atasco.jpg.

Estou cabreada. Veño feita unha furia. Estou farta do puto tráfico de Pontevedra. ¿Hai algún tipo de ordeanza municipal que obligue a sacar o coche á rúa os días que cae unha gota de chuvia do ceo? ¿Multan se non o sacas?

Hoxe tiven que intentar atravesa-la cidade co coche (por necesidade), pero xa aprendín a lección: é mellor cargar cun peazo maletón e mollarse antes que ir motorizado. É desesperante, xa non só polo mal organizadas que están as direccións nesta cidade, senón porque a xente é imbécil. ¿Que pasa? ¿Vas pasar voando por riba do atasco se lle das ó claxon? ¿Non entenden que o único que fan pitando é levantar dor de cabeza ó resto de conductores e poñelos de mal humor? ¿Ou é que pensan que a xente provoca os atascos porque lle mola escoitar a radio no coche?

En Pontevedra, como vos dicía, temos un problema coas direccións. Non sei a quen se lle ocorreu algún día facer unidireccionais a metade das rúas, e as veces veste obligado a dar unhas voltas impresionantes para retroceder douscentos metros. O mellor exemplo é a rúa onde está o Hospital Provincial: só se pode ir en sentido descendente porque anchearon as beirarrúas. As ambulancias que veñen dende máis abaixo teñen que dar volta para poder acceder á entrada de Urxencias. ¿En que cabeza con algo de materia gris cabe iso?

Supoño que nas vosas cidades pasará o mesmo. Os políticos deberían pensar nisto agora que están aquí as municipais, podería ser un punto importante na campaña de alguén. Non sabedes como se pon Pontevedra a nada que chova, é algo imposible… A min acábame coa paciencia.

Compostela cría renos

Mércores, Decembro 13th, 2006

 alumbrado.jpg

Impresionante o alumeado que gasta este ano Santiago para o Nadal. Por unha vez non é ironía, da gusto pasear polas rúas de Compostela. ¡Con dicirvos que ata me está entrando o espíritu navideño…!

Fóra os míticos bonecos de neve con bombillas tamaño flexo, ó lixo cos típicos Papanueles que máis que Papanueles parecían representacións da constelación Orión! Este ano milleiros de micro-bombillas adornan cada rincón de Compostela, creando formas caprichosas e elegantes, moi alegres e dinámicas. Un teito de fíos azuis cobre a entrada ó Vilar. A Plaza Roxa está preciosa.

O único chungo é a iluminación que puxeron en Cervantes… Pero chunga, chunga! Toda a columna recuberta de mini-flashes brancos…

Pero o mellor de todo (aínda que ó principio case me daban medo) son uns renos que hai chantados por toda a cidade. Son todos branquiños, con luz extraña… non sei como explicalo, é mellor velo.

No Obradoiro puxeron unha especie de portal de Belén feito igual que os renos. É moi divertido ir paseando e topar cun reno brilante ó dobla-la esquina. Parece ser que a idea tivo moi boa aceptación… tanta que alguén xa “colleu prestado” un dos renos que se reparten por toda a cidade. A noticia, no Correo, aquí. E non vos perdades o post dun tal PAPA NOEL!!

Se queredes ver máis exemplos desta orixinal decoración, máis links ó mesmo xornal.

A foto que puxen tamén foi sacada da web de El Correo Gallego, é de Ramón Escuredo.