Archive for the '(In)-Experiencias' Category

Cabreada

Domingo, Xuño 22nd, 2008

Estou cabreada. Moito. Tanto que non lembro cando foi a última vez que cheguei a este extremo.

Se non fose porque me teñen que devolver dentro de nada a fianza deste piso, de seguro que habería unha porta medio escarallada e un puño ferido. Necesito descargar toda esta rabia. Necesito berrar. O mar agora, a miña vía de escape preferida, queda demasiado lonxe. Non sei que facer.

Noto a tensión alta, polas nubes. Acendo un cigarrillo e vou á terraza, que me dea o aire. E mentres penso. Soa o meu móbil e axiña lle quito o volume. Soa o teléfono fixo, pero a este non se lle pode quitar. Mándolle un sms: “Agora nn podo. Xa falarems”.

Quero chorar pero non podo. Quizais fun demasiado dura. Pero teño ese defecto: ás veces digo as cousas demasiado directas, e iso pode doer. Agora xa foi. O dito, dito está; o caso é que non mentín.

¿Como se lle pode dicir a uns pais que se equivocan?

Xuízo

Mércores, Xuño 11th, 2008

Dende hai unhas semanas noto algo dentro de min que loita por saír cara fóra, rompendo a miña pel. Quere facerse un oco neste mundo, e non importa a quen haxa que mover para consegui-lo seu obxectivo.

Toda a miña vida recei á deusa Fortuna para que este día non chegase, pero polo visto non lle debo caer moi ben. Xa podo palpalo, noto o sabor do sangue na miña boca… ¡A moa do xuizo deixa de ser un pesadelo para converterse nunha realidade, que aínda dá máis medo!

Polo momento non me doe, pero teño pánico-pavor-terror-fobia a que ma teñan que arrincar. Escoitei historias non aptas para menores sobre a dor que se pasa… ¿Por que me saen? ¡Se total a min xa me chegaba coas que tiña!

Pero o peor de todo é que miña nai sempre me dicía que con elas chegaba a madurez. ¡Noooooooooooon! ¡Socorro! ¡Que alguén me axude! ¿Algún remedio casero para que se desintegren ou desaparezan sen deixar rastro?

Pode que sexa mellor arrincalas de vez, antes de darlles tempo a saír. A finais de mes vou ó dentista. ¡Que a deusa Fortuna me ampare!

Martes e 13

Martes, Maio 13th, 2008

Non sabedes o que me acaba de pasar hai 15 minutos… Aínda veño coas pernas tremando coma dúas varas de vimbio. Volvía de face-la compra no súper cargada cunha bolsa na man dereita e unha garrafa de 5 litros de auga na esquerda. Viña coa música posta no mp3, e estaba a piques de sacar as chaves do bolso, cando vin a porta do meu edificio aberta, así que me dispuxen a entrar.

Aínda non o fixera cando, de súpeto, noto coma se alguén me andivese a fozar na mochila. Había moita xente, e non sería raro que alguén me rozase sen querer ó pasar, pero en canto estiven dentro tirei as bolsas ó chan e mirei ás miñas costas… ¡A carteira non estaba na mochila! A persona que estaba abrindo a porta era xusto unha compañeira miña de piso, collina do brazo e díxenlle: “Acompáñame, que me acaban de roubar o moedeiro”.

Botei a correr, coa miña amiga detrás de min. As señoras que estaban pola rúa dicíanme “Foi ese, foi ese!” mentres eu ía alcanzando a dous mozos novos. Un era marroquí, e o outro non sabería dicir de onde. Case todas sinalaban ó primeiro, pero eu sabía que fora o outro. Seguramente ían xuntos, e os dous camiñaban a paso normal.  Berreilles mentres que a miña compañeira agarraba ó marroquí polo brazo. A miña carteira estaba no chan. Recollina e abrina, esperando que estivesen os cartos dentro… ¡Si!

Mireino á cara e soltei a frase-sentencia máis intelixente do momento:
-Oes, tío, por favor…

 Non sei por que mo devolveu todo: as tarxetas, os cartos, o moedeiro, os papeis, as fotos… Quizais non tivera tempo de saca-los cartos diante de todas aquelas persoas que o viran, ou quizais non pensou que o fose perseguir.

Hai que ter collóns para roubarlle a unha persona que non cobra nin mil euros e que ten que pagar o alquiler, a comida, a roupa e todo sen axuda ningunha.

Fufulaia

Domingo, Abril 20th, 2008

Entrou sorrindo e cunha foto na man. Camiñaba con ese andar típico dos nenos que están a piques de cumplir dous anos, gracioso e sen medo. Era loira e de cabelo fino, tan fino que parecía calviña cando a luz caía perpendicular sobre a cabeza.  Levaba unha saia texana con volantes e unha camiseta cun gatiño debuxado.

Así como entrou revolucionou a oficina. Todos os traballadores se achegaban a ela, axeónllábanselle diante e falábanlle con voz aguda e a modiño.

-¿Como te chamas?
-Átima.
-¿E cantos anos tes?
-Ashí -respondía ela facendo un V cos dediños.
-Dille, Fátima, dille cantos anos tes.
-Doush -contestou sen baixar os dedos
-¿E que queres ser de maior?
-Fufulaia.
-¿Como? -preguntaron todos estrañados
-Fu… fu… ¡laia! ¡Fufulaia! ¡FUFULAIAAA!

Todos desviaron as miradas cara ós seus pais, buscando unha traducción. “Funcionaria”, dixeron eles con cara de orgullo.

¡Hai que ver! ¡Lévanos ben aprendidos xa dende cativos!

Espertar

Sábado, Febreiro 16th, 2008

O peor momento do día é, case sempre, o espertar.  A radio empeza a dar o coñazo con algunha canción de moda xusto antes de que che desexe bos días un locutor con voz de “Ola-acabo-de-meterme-un-tripi-para-poder-falar-con-esta-alegría-a-estas-horas-intempestivas”. Cun cabreo monumental, doulle un golpe ó botón do despertador que apaga o son durante dez minutiños e intento botar unha mini-soneca.

Pero axiña soa o despertador do móbil (é que se non, non me ergo nin ás sete da tarde!). Apágoo e doulle para que soe outra vez ós dez minutos… E así infinitamente ata que por fin, 40 minutos despois, consigo reunir forzas para erguerme.

Ata que non teño o meu café quentiño nas mans eu non son persoa. E iso é un feito obxectivo e demostrado.

Pero estes días que tiven de vacacións sorprendinme a min mesma. Volvín a casa de mamá e papá e descubrín que hai unha forma mellor de espertar: a Fórmula Mami!!

É unha das cousas que máis me gustan de estar en casa. Así non preciso nin o café para estar de bo humor. Sempre lle deixo unha notiña ó lado da súa taza do almorzo desexándolle bos días e dicíndolle a hora á que quero que me veña chamar. Ela nunca se esquece, e vén puntual e sen facer ruído á miña habitación. Eu acordo nada máis abre a porta, pero teño que facerme a durmida. Cando pensa que non me entero achega a súa man á miña cara e me toca moi suavemente as meixelas. Logo retírame o pelo da fronte e dos ollos, dicindo o meu nome en voz baixiña. Pronúnciao a modiño, case nun susurro, mentres que as súas mans xa me van acariñando o pelo pouco a pouco. Coma quen esperta a un neno pequeño.

Ás veces me costa moito traballo non deixar escapar un sorriso tonto, pero non podo ceder na miña estratexia. Ten que seguir pensando que durmo para prolongar o máximo posible ese momento que tan poucas veces podo disfrutar.

Nunca me ergo tan contenta. Mentres quento a leite para o café, ela senta na cociña a ler o xornal, e eu vou cantando polo baixo unha canción calquera cun sorriso debuxado desde ben cedo…

 

Miña nai, miña naiciña
Como a miña nai ningunha
Que me quentou a cariña
Co calorciño da súa

Aparece unha balea morta na praia

Venres, Febreiro 8th, 2008

Ultimamente vai de animais a cousa… Vouvos contar o que me pasou. 

Hoxe fun dar un paseo polas praias da zona da Lanzada e San Vicente. Coincidiu por casualidade que cando aparquei ó lado dun bar para tomarme algo fresquiño, unha señora e unha nena se achegaron a min e me preguntaron:
-Oes, nena! ¿Sabes se é certo que apareceu unha balea nunha das praias do paseo de madeira?

Eu non oira nada, pero como son un pouco cotilla pensei “Imos ver se é certo”. Así que comecei a camiñar polo paseo. Máis alá do porto, nunha pequena cala, víase algo semellante a unha roca que brilaba baixo o sol. Tiña forma de bágoa.

A medida que me achegaba á area puiden ver que era a balea. Fedía. O sangue xa se secara sobre a súa pel, e as moscas xa comezaban a atacar aquel festín recén chegado do mar. Faltáballe a aleta posterior, e tiña a boca aberta. Xacía medio soterrada na area.

Non sei exactamente que especie era. De longo medía aproximadamente como  unha persoa, e creo que era de cor negra. Tiña os ollos na parte lateral da súa cara, e parecían dous botóns cosidos nun boneco de trapo. Algúns curiosos xa se achegaran antes ca min, e moito máis ca min. Estaba rodeada de pegadas afundidas na area.

A Garda Civil non tardou en chegar, pero antes tiven o impulso de facer unhas cantas fotos… Non sei por que, a verdade é que a imaxe non tiña nada de bonito… Supoño que todo o extraño, o pouco habitual, ten algo de atractivo que chega a superar as nosas reticencias iniciais. Por moi noxento ou triste que sexa queremos lembrar o que sabemos que seguramente non viviremos nunca máis.

Nembargantes, preferín non colgar a foto porque non era nada agradable de ver. Cando a pasei ó ordenador ó chegar a casa tiña a sensación de que aquel cheiro asqueroso me perseguira ata a habitación.

Miña nai dixo que había pouco que aparecera outra balea morta nunha praia da Coruña. Eu non sabía nada, pero é curioso que de súpeto se dean dous casos similares en tan pouco tempo. ¿Casualidade? Espero que sí.

Niñatos de merda

Domingo, Novembro 11th, 2007

Onte pola noite pillei o NoiteBus cunhas amigas para saír de festa noutro sitio. Queriamos ir a unha discoteca un pouco grande, para cambiar un pouco a rutina. Collímolo no centro a iso da unha da mañá, e había bastante xente esperando tamén.

Xusto antes de subir nós montou no bus unha pandilla de oito ou nove raparigos imberbes con voz de chillona que foron directamente ós asentos do fondo, ó ‘galiñeiro’. Dous deles intentaron colarse e non pagar os 2€ da viaxe. O conductor era un home novo, duns trinta anos, con aspecto de ser cubano ou sudamericano. Non lles deixou pasar sen pagar, e todos os da pandilla (agás dous que axiña se separaron dos outros, indo cara a parte dianteira do bus) comezaron a berrarlle “Busero cabrón, busero hijo de puta”.

Aínda non arrancara o bus, e os niñatos comezaron a cantar flamencadas a berros, acompañando con palmas. Como non lles chegaba o ritmo tiveron que marcar o compás dándolle patadas ó asento de diante ata que este empezou a rachar. Despois as patadas eran simplemente polo pracer de destrozar, e finalmente acabaron por deixalo medio roto, inutilizable.

Non contentos con iso, entretíñanse cuspíndolle á moza do outro asento, mentres a chamaban ”gorda de mierda”. Ela aturou estoicamente un bo cacho, e cando estivo farta colleu unha botella de auga que levaba no bolso e botoulla toda por riba ós niñatos. Un deles, ó que lle caeu o líquido en toda a entreperna, foise cara ela e amezouna de morte, co seu queixo imberbe tremento da vergoña de levar os pantalóns ‘mexados’ diante de todos os pasaxeiros. A moza e a amiga que a acompañaba tiveron que levantarse dos seus asentos, e remataron de pé no medio do pasillo.

O resto dos pasaxeiros mirabamos cara atrás con cara de impotencia, de non saber que facer. Un arxentino que ía sentado preto de min, duns vintetantos anos, colleu e díxolle ó mexado: “Como vuelvas a amenazar a alguien delante de mí te reviento la cabeza”. O outro quedou calado coma un peto. Algúns pasaxeiros empezaron a insultalos, pero aí quedou a cousa.

Eu sentíame fatal, humillada como persoa aínda que non me fixeran nada. Se fose eu a conductora posiblemente xa me tería posto a chorar moito tempo atrás. Eu tamén quedei calada, coma todos os demáis. Non dixemos nada, a pesar de que éramos moitos máis que os seis niñatos que quedaran na parte de atrás do bus, e tamén me sentía fatal por iso. Os outros dous que se apartaran nada máis comezar a movida intentaron varias veces que os seus amigos se comportasen, e non sabían nin onde meterse da vergoña allea.

A metade de camiño o buseiro botouse cara ó arcén. Ábríronse as portas do medio e subiron tres policias. Había un control, e o buseiro parara para que se levasen ós niñatos de merda. Os polis collérono pola nuca e ‘acompañárono amablemente’ escaleiras abaixo. Aí quedou, no medio da estrada, rodeado de maderos e esperando a que o levasen a comisaría ou canda seus pais… Só un dos seus amigos baixou para acompañalo, mentres que o resto quedaron calados e quedos nos seus asentos do fondo.

Non volveron dicir nin mu no que quedaba de traxecto. Espero que o pasasen moi ben de festa.

Mellor imposible… ¿non?

Sábado, Setembro 22nd, 2007

.tarta.jpg

Levaba tempo xa sen actualizar, e iso que me propuxera escribir algo onte… ¿Por que? ¡Pois porque este blog cumpría un aniño! ¡Beeeeeen! ¡Felicidadesssss!

Este momento, que para min é moi especial, quero aproveitalo para darvos as gracias a todos, porque cos vosos posts e os vosos comentarios facedes que siga mantendo a ilusión por ser de Mar e Lúa. Sen vós, sabendo o inconstante que son, este blog nunca tería cumprido un ano…

Un ano de moitas emocións: problemas con amigos, moito traballo, pouca festa, novas persoas que apareceron na miña vida e que pagou a pena coñecer (se estás a ler isto, seguramente me refería a ti)…

Creo que nestes doce meses tiven que madurar moito, e cargar coa responsabilidade de estudiar e traballar o mesmo tempo… Niso se resume a miña vida este ano.

Ultimamente houbo moitas novidades no plano laboral. En agosto e setembro xa me ofreceron 3 novos postos de traballo, que rexeitei por esa idea que tiña de marchar de aquí… O peor é que aínda non estou segura do que farei, pero o que decida ten que ser xa. Non me pode ir mellor, pero estou moi queimada xa de tantos meses de esforzo.

Ah! E outra novidade da que non me podo esquecer… Vén ben fresquiña, porque hoxe mesmo me enterei de que xa son LICENCIADA!!! Aprobei o meu derradeiro exame da carreira e estou que aínda non mo creo.

A verdade é que non é para queixarse… ¿verdade?

O meu novo posto

Martes, Xullo 3rd, 2007

Seguro que moitos de vós xa estaredes de vacacións, ¿non? Pois eu hoxe comecei no meu novo posto. Xa estivera facendo prácticas nesta sección hai algún tempo, e pola mañán encargáronme que lle ensinase como funciona todo a unha rapaza que acaba de chegar. A nena parece riquiña, pero pouco faladora. É comprensible, aínda lembro o meu primeiro día… ¡Que caos!

E falando de caos, xa lles contei a meus pais que me ofreceran un traballo… e que o aceptara. Máis ou menos, a frase foi:
-Mamá, te tengo que contar una cosa… -e aquí á pobre muller púxoselle unha cara de pánico que poucas veces lle vira- Que mañana empiezo en otra sección del periódico…

En casa todos se alegraron moito, pero a verdade é que me deu moi mal roio contarllo á miña irmá… Pero bueno, ela xa ten plans para este verán: vai saca-lo carné de conducir. Mellor, que aproveite este verán, que xa se lle acabarán os tempos de querer traballar en vacacións…

Ah, por certo, unha curiosidade: hoxe fai exactamente un ano que non teño vacacións propiamente ditas… :/ Ou mellor, mirándoo polo lado bo: hoxe fai un ano que empecei a traballar no periódico ininterrumpidamente. Así soa mellor…

Veña, a pasalo ben os que esteades xa de vacacións! Tomade moito o sol por min!

O soldadiño de plastilina

Xoves, Maio 3rd, 2007

.soldadito.jpg .

Estes días de medio-vacacións aproveitei para ver ó meu afillado, o pequecho. É o neno máis riquiño do mundo. Xa lle están a sair os dentiños, ten dous abaixo e non para de morder cousas. Tanto lle dá que sexa a esquina dunha mesa ou o meu brazo, el está aí, roe que roe…

O tío anda xa super-lanzado. Ten oito meses, e camiña agarrado só dun dedo. É moi gracioso, porque para dar un paso estira toda a perna cara adiante, coma os soldados cando van desfilando, pero parece coma se estivese feito de plasti. Ás veces aínda tropeza, ou cae de cu cando intenta sentar, ¡pero é que está máis lindo…!

Ó principio, cando súa nai marchou, botábaa de menos. Non parou de chorar nunha hora, pero logo axiña o calmamos… ¡ensinándolle as luces do teito! ¡Quedaba abraiado! Lembroume que, a medida que imos madurando, imos perdendo tamén a capacidade de sorprendernos. Unha pena, ¿non si?

Así que, gracias ó soldadiño de plastilina, acabo de atopar unha razón máis para non madurar :)