Archive for the 'Outras cousas…' Category

Enerxía

Martes, Maio 13th, 2008

Un calafrío percorreulle a espalda desde a altura dos riles ata a nuca. ¿Que lle pasaba? ¿Por que falaba sen apenas pensar nas súas palabras? ¿Por que non lle importaba o que puidesen pensar os demáis? ¿Por que era capaz de ser feliz simplemente porque si?

Sentía que a enerxía explotaba en cada un dos poros do seu corpo. Correr, berrar, saltar, xogar, rir… Iso era o único que sabería facer ben naquel momento.

Pero había algo que non lle acababa de cadrar: ¿por que a alarma do seu reloxo soara media hora antes das cinco? ¿Que pasaba cada día ás cinco? ¿Non era…? ¡Si! Xustamente a hora á que tiña que estar na oficina.

Meteu a man no peto da cazadora e sacou o seu DNI. Non podía ser. ¡Tiña 25 anos xa! ¿Entón por que volvía a sentirse coma cando só tiña 15? ¿Que era esa enerxía?

Liada…

Mércores, Abril 16th, 2008

Escribo este post porque si, Silvana, tes toda a razón… Ultimamente ando algo liada, un pouco no meu mundo, e a verdade é que vos teño (a vós e ó blog) un pouquiño abandonados.

 Pero isto vaise rematar xa. A partir de agora prometo poñerme máis en serio co blog e escribir máis a miúdo. E por suposto, visitar máis os vosos blogs.

 O motivo de que estea tan ausente dende hai uns meses é que non teño moito tempo. Quítanmo o traballo, outros proxectos que tiña entre mans e un proxecto con nome de home (xa me entendedes). Ademáis estou nun momento en que non acabo de saber moi ben o que quero, en pleno cambio de mentalidade, e a verdade é que necesito aclarme antes de poder comunicarme co mundo exterior jajaja.

Outra das razóns polas que andaba perdida é que tiven un pequeno problema personal con alguén moi próximo a min. Aproveito tamén para mandarlle a aperta máis forte do mundo a unha persoa que nunca vai saber que lla mandei porque non sabe que existe este blog. É unha amiga miña, uns anos menor ca min, á que sempre protexo moito e que está atravesando un momento moi duro. Xa que non me atrevo a dicirllo á cara, envíolle un agarimo dixital con sabor a “Non pasa nada, agora o importante é que ti te poñas ben. Pola miña parte está todo esquecido. Quérote, aínda que nunca cho diga”.

Aprendendo a ler

Xoves, Marzo 13th, 2008

libroo.jpg
(Foto: Chema Madoz)

Era unha desas tardes morriñentas e preguizosas, de rúas baleiras e nada que facer na casa. Fóra non ía nin frío nin calor; non era tarde nin cedo, nin luns nin domingo, non había ningún plan especial, nada que invitase a saír dar un paseo.

Lembro que el acendeu a radio para escoitar o partido da xornada dende a cama, folgazán e sen demasiadas esperanzas no que podía facer o seu equipo. Eu collín un libro e me deixei caer ó seu carón. Mirou para mi cun medio sonriso debuxado nos seus beizos.
-A ver, leme algo. Quero ver como les.
-É que me dá vergoña…
-Non te preocupes, aínda estás aprendendo. ¡Veña, eu che corrixo o que estea mal! ¿Por onde ías?

Así que puxen cara de resignación e resoplei. A primeira palabra, a segunda, e logo a terceira… Intentei parecer segura, deixando que as verbas se encadeasen unhas a outras coma se levasen imáns incorporados. Pero ¿como o ía estar co raro que escriben e falan nese idioma tan novo para min?

Seguín lendo, en voz baixa para que non puidese percibir todos os matices e os meus erros. Estaba máis ocupada en converter aquelas letras nos sons que lle correspondían que en entender o propio texto. Unha frase, outra, e outra máis… Non te trabes…

-Antes de saír de casa deisha que…
-Deixa. Tes que pronunciar dei-xxxxxxxxxa. É coma se mandases calar, tes que pronunciala máis sonora.
-Dei-xxxxxxa… Dei-xa. Dei-xa. ¿Deixa? -repetín eu.
-Si, ¡moi ben! Non o fas nada mal, estou bastante sorprendido. Falas moi ben.

Sorrín entre avergoñada e agradecida polos ánimo, mentres el se achegaba máis. Cunha man rodeou a miña cintura e coa outra colleu o libro, sosténdoo de xeito que o puidesemos ver os dous. E seguiu lendo onde eu me parara, contándome un conto que me encantou, aínda que non sei de que falaba.

“Dei-xxxa”, pensaba eu, “deixa que se pare o tempo…”

O que se espera dos gatos

Luns, Febreiro 4th, 2008

gato.jpg

A gatiña espertou, preguizosa, envolta nas sabas da súa cama. Pouco a pouco foi abrindo os seus ollos amarelos, que parecían brilar na penumbra da habitación. Bocexou facendo unha onda coa súa lingua rosa e áspera, abrindo tanto a boca que deixou entrever os seus pequenos colmillos brancos.

Desperezouse sen présa, estirando as patas dianteiras e cravando lixeiramente as unllas naquel colchón duro e vello. A esquerda, a dereita, e agora outra vez a esquerda… ¡Que sono!

Este exercicio aínda lle levou uns segundos, ata que decidiu marchar orgullosa daquela habitación, deixando que o seu carácter e a súa independencia se plasmasen naqueles andares felinos e elegantes. Antes de saír aínda tivo tempo de xirar a cabeciña e mirar para atrás. Así viu aquel vulto que se escondía do frío da noite cubríndose cun nórdico, regocixándose en quen sabe que soños. Coma sempre, respiraba máis rápido que a maioría das outras persoas… A ela gustáballe durmir enriba do seu peito, deixando que aquela respiración a mecese coma se fose un bebé. Derretíase con aqueles aloumiños no lombo, as caricias detrás da orella… Non podía evitar ronronear cando sentía aquelas mans mornas sobre o seu corpo.

Pero xa estaba ben. Xa era abondo. Non tiña razóns para marchar, pero ía facelo porque a ela lle petaba. “Ó fin e ó cabo, é o que se espera de nós, os felinos: que sigamos as nosas arroutadas sen pensar en nada máis. Somos independentes”. Así que pechou os ollos por última vez, capturando aquel olor na súa memoria, e saíu pola rendixa que deixaba a porta entreaberta.

Camiñou cara outra habitación da casa, cara unha cama onde non durmía o seu dono. Alí, ós pés daquela figura semidescoñecida que tamén descansaba, acurrucouse facéndose case unha boliña peluda. Notou como aquela figura espertaba ó sentir o seu calor tan de preto, ollándoa na escuridade cun sorriso que a cautivou. Movida por eses instintos felinos, a gatiña levantouse para logo deixarse caer rozando a súa man, roubándolle un agarimo.

Xa volvería canda o seu dono cando lle petase de novo, se é que lle apetecía antes de que chegase o día seguinte.

“Ó fin e ó cabo todo o mundo sabe o independentes que somos os gatos. É o que se espera de nós, os felinos”. 

Os zoos son para as persoas

Domingo, Xaneiro 27th, 2008

zoo_ok.jpg

Hoxe fun ó zoo coas do piso, por iso de facer algo distinto… Pasamos toda a mañá, dende as 11 ata as 3, camiñando entre gaiolas e animais de todo tipo. Todo para chegar a unha conclusión: os zoos son para as persoas, non para os animais.

Os crocodilos non tiñan nin sitio para moverse, os monos tiñan moitos xoguetes e cordas para entreterse pero estaban todos amontonados nun espacio acristalado no que os nenos non paraban de petar, os tigres estaban nerviosos e estresados polas ducias de flashes dos visitantes, e os golfiños aburridos de facer sempre o mesmo número nas tres sesións de espectáculo que ofrecen cada día.

As súas vidas consisten en quedar quedos, sempre no mesmo escenario, expostos ás miradas e ás cámaras, botando unha soneca de cando en cando. Coñecen de memoria cada rincón das súas gaiolas, e o máximo ó que poden aspirar é a que os seus coidadores lles dean unha dose extra de comida. Como este animaliño da foto (non lembro se era un leopardo), que estaba pegadiño ós ferros que o encerraban. Notábaselle triste. Mirou para o meu obxectivo, aburrido, distraído… Un máis entre tantos. Non lle puxen flash á cámara, simplemente disparei e quedei mirando para el, intentando imaxinar como sería a miña vida dentro dunha gaiola de ferro e exposta ás miradas de panteras, pelicanos e elefantes.

Esta é a única das fotos que fixen na que se ven as rexas que os encerran. Mirádelle a cariña…

Habería que botar unha ollada ás condicións en que viven os animais nos zoos.

Lambonadas

Martes, Decembro 4th, 2007

a3_1_b.jpg

A media tarde, cando o reloxo da oficina marcaba as seis, ela esperaba impaciente a que aquel compañeiro seu tan calado se erguese da súa cadeira. Paseniño, arrastrando os pés, percorría o pasillo que separaba o seu escritorio da recepción. Alí, no mostrador da entrada, regaláballe un sorriso e unhas cantas palabras de cortesía á recepcionista para logo afundi-la súa man no prato dos caramelos.

Os doces eran pequeniños coma botóns, e viñan envoltos nun papel plástico branco co logo da empresa estampado en grande. Habíaos verdes, marelos, laranxas, vermellos, marróns… Alí mesmo, ó lado do mostrador, rachaba o envoltorio cos dentes e empuxaba o caramelo ó interior da súa boca. Dándolle voltas desandaba o camiño e sentaba de novo no seu sitio.

A ela gustáballe seguilo disimuladamente coa mirada, observar cada xesto e intentar adiviñar a que sabería ese caramelo. ¡Que envexa sentía dese caramelo! Ela tamén devecía por desfacerse entre os seus beizos e encherlle a boca de dozura. Aquela tarde decidiu dar un paso e falarlle. Así que un minuto antes das seis botou a cadeira para atrás, ergueuse con decisión e camiñou cara a recepción. Precisaba unha excusa para pasar uns cantos minutos alí por se el se retrasaba, así que comezou unha conversa absurda coa moza que recibía ós clientes.
-¿Teño algunha chamada?
-Non, esta tarde non te chamou ninguén.
-¡Ah, moi ben! É que como hoxe cheguei un pouquiño tarde non sabía se…

Nese momento, unha man morena se cruzou por diante dos seus ollos. “Perdona”, dixo aquela man xusto antes de afundirse no prato dos caramelos. Era el. Os seus ollos eran tan marróns coma os caramelos de cola.
-Non pasa nada… Pero mira, acabas de meterme as ganas de tomar algo doce…

Día tras día intentaba atopar algunha excusa para atoparse con el ás seis en punto no mostrador de recepción. Así conseguiu enterarse de que os seus caramelos preferidos eran os de laranxa e de que non tiña parella. Ó cabo dun par de meses os caramelos de laranxa remataron por ser tamén os favoritos dela.

Tanto lle gustaba ese sabor afroitado que o resto de cores remataron por perder o gusto. Todos os caramelos lle sabían a laranxa, igual que a boca daquel compañeiro tímido que cada vez falaba máis.

Co tempo, a carne rematou por perder tamén o seu sabor, e as verduras. E o mar, as rosas, as colonias… e el.

Pero era feliz así. ¿Para que se necesitan os olores e as cores do mundo tendo ó lado á persona que che descubriu que non os precisas para nada?

Bo Nadal!

Sábado, Novembro 10th, 2007

.bola_roja.jpg

 

Non o podo evitar: odio as panxoliñas. Parécenme o máis ñoño e tonto que se pode facer con sete notas e unhas cantas palabras. Odio entrar nunha tenda e ter que escoitar nenos cantando en falsete con campaíñas de fondo. Non soporto os peixes no río, nin a burra que vai cara Belén, nin o neno na cuna, nin o fun-fun-fun…

Pero chegou novembro e teño que ir mentalizándome: non se pode escapar desas horribles melodías que volven cada ano. De feito, esta mañá xa escoite a primeira panxoliña da temporada: un home cun chelo no centro da cidade tocando ‘Noite de paz’. ¡Que repelús!

A partires de agora, cando vaia pola rúa non me penso quitar o mp3 das orellas. Por certo, ide empezando a practicar iso de dicir ‘Bo Nadal’ cun sorriso na cara…

Bo Nadal para todos!

8 cousas 8

Xoves, Novembro 8th, 2007

Con certo retraso (con moito retraso, para ser sinceiros…) chega a este blog un novo meme: as oito cousas que máis che gustan no mundo.

Antes de empezar coa lista teño que pedirvos perdón porque ultimamente estou na pola e actualizo bastante pouco… Axiña vos contarei as razóns :) Desculpas especiais para o meu amigo Ninsesabe, que foi quen me pasou o testigo e que lle teño moito cariño jejeje.

Ai, como se nota que me custa moito decidir, que non me dou centrado… Imos aló coa enumeración, que non vai por orde de preferencia:

1. A miña xente: a miña familia, os meus amigos, os meus compañeiros de traballo…
2. O mar e a praia, o mellor sitio para pasar un bo momento, sola ou acompañada :)
3. Escribir, aínda que sexa a lista da compra.
4. A música: guitarras, baterías e unha letra á que poder asociar lembranzas e momentos.
5. Os nenos pequenos, que me fan volver a ser nena por un rato.
6. O sexo… ¿para que negalo?
7. Escoitar, falar e rirme
8. Ter tempo para estar no meu mundo

Se vuscan herrores

Domingo, Outubro 28th, 2007

Hoxe vin na edición dixital de El País que os correctores celebraban onte o seu día. Decidiron celebralo facendo unha ‘cacería fotográfica del error’ polas rúas de Barcelona e Madrid, aínda que tamén se aceptaban aportacións dende todas partes do mundo. Galiza estivo á altura das circunstancias gracias a un cartel no que se anunciaba que se vendía unha jaita jalleja.

Como sei o importante que é o seu traballo (e como se agradece nun xornal ter un bo corrector), pois eu tamén me quero sumar a esta forma tan divertida de celebralo, e por iso vos aviso de que hai unha casa que se vene preto de Baiona, pero se en troques buscades cachorros de pastor alemán béndense nos arredores de Pontevedra.

E se tanto erro vos produce fame, tedes que saber que no Louxo da Toxa fan as hanburguesas máis saborosas de toda Galiza… ¡Tedes que probalas!

Por certo, aproveito para recomendarvos que vos fixedes nos carteis en galego do BBVA se tedes ocasión, que tamén son de foto…

Vacacións!!

Martes, Setembro 11th, 2007

¡Agora si que si! Pedinme uns días libres no traballo e mañá mesmo empezo a miña viaxe con destino a Catalunya. ¡Anda que non me vai vir ben nin nada!

Agora mesmo vou facer a maleta, que mañá aínda traballo e non me vai dar tempo. ¡Que nervios!

Espero que vós tamén o pasedes moi ben. Eu vouno facer de seguro: imos en plan cultural, con tempo para ver algo de deporte e descansar un ratiño nas praias.

Portádevos ben mentres non estou!

Ah, e por  certo, un último apunte: Felicidades para Sergio e Diego Vallejo, os dous irmáns de Meira que compiten no Campionato de España de Rallyes de Asfalto e que o pasado fin de semana se puxeron líderes despois do Rally Príncipe de Asturias. ¡A por todas, Lobo!