Archive for the 'Outras cousas...' Category

Vacacións!!

domingo, xuño 17th, 2007

Non foi sen tempo, pero xa están aquí! Beeeeen! As vacacións!

Aínda me quedan unhas cantas cousas que facer, traballos por rematar, e tal… pero os exames xa están todos acabados. Agora toca esperar polas notas.

Despois de estas semanas nas que o blog estivo abandonado xa toca prestarlle un pouquiño de atención, aproveitando que teño tempo. Tamén aproveitarei para facervos algunhas visitiñas, así que xa sabedes: a escribir todos!!

Principio do fin

domingo, maio 27th, 2007

Xa facía unha semana que non escribía… ¡buf! Non é que me esqueza do blog, senón que non teño tempo a nada. Afrontamos xa a recta final do curso, e xa sabedes como son os profes, que sempre o deixan todo para o último momento (e que non se me ofenda ningún, hahaha). O caso é que eles, pobriños, para darnos máis tempo, poñen tódolos traballos e prácticas para entregar na derradeira semana, sen decatarse de que todos seguen o mesmo razoamento e ó final iso acaba por ser un inferno. En fin…

Pero además da derradeira semana de clases, afronto tamén os que posiblemente sexan os meus derradeiros catro días como universitaria. É o principio do fin… ¡Que medo! De novo vou ter que afrontar un cambio de 180º na miña vida, pero o peor é que non sei nin o que virá. Estiven falando con miña nai (que é máis boa que o pan), e díxenlle que quería empezar a buscar traballo fóra, pero que non tiña tempo de nada. A pobre ó principio púxome un montón de pegas, pero cando viu que lle rebatía todo e que estaba convencida díxome:
-Bueno, pois se queres eu podo meterche tódolos curriculums nos seus sobres e mandalos, se me das unha lista das direccións.

Cambiando de tema, hoxe toca votar: é o principio do fin de dúas semanas de campaña- Pero, igual que no curso, agora vén o peor: recontos, negociacións, protestas… Pero polo menos os coches que berraban xa non seguirán molestando máis.

O ano que vén, o Teucro en ASOBAL

domingo, maio 6th, 2007

teucro.gif

¡¡Moitas felicidades ó noso Teucriño!! O Teucro, o equipo de balonmán de Pontevedra, conseguiu onte o ascenso matemático a ASOBAL, a máxima categoría deste deporte en España, e a que din que é a mellor liga do mundo.

Aproveito para felicitar tamén ó Pilotes e a todos os seus aficionados, que xa están ascendidos tamén. ¡Que ben que os dous que ascenden este ano sexan galegos!

Agora, dentro de pouco, esperamos que ascenda tamén o Pontevedra de futbol, que está aí en posición de fase de ascenso. ¡Moita sorte!

O cuestionario de Proust

luns, abril 30th, 2007

Pois nada, xa que Ninsesabe me invita a seguir co test este de Proust, haberá que animarse! Así aproveito tamén para darlle as gracias por lembrarse de min e por estar sempre aí, dándome a razón en cada post, como un apoio incondicional, jejeje.

Dicía el que son curiosas as relacións que se establecen entre os blogueiros, que sabemos tanto e tan pouco á vez un dos outros… Por exemplo, os que pasades por aquí máis ou menos a miúdo sabedes cousas de min que non sabe nin a miña nai. Pero, sen embargo, non poderiamos saudarnos pola rúa se nos cruzásemos. É gracioso…

Bueno, pois imos ó chollo. Vou desvelar algunha cousiña máis de min co cuestionario este, e de paso animo ós meus cinco escollidos a seguir coa cadeíña. Supoño que a moitos de vós xa vos chegou/chegará por outra xente, así que perdoade se me repito.

E os meus cinco escollidos son:
- bandini
- paideleo
- turonio
- natyara
- sarampelo

¡Imos aló, valientes!

O CUESTIONARIO DE PROUST

  • ¿O principal rasgo do meu carácter?
    Creo que é a inestabilidade, aínda que me estou facendo máis forte e estou aprendendo a controlala bastante ben…
      Podo pasar de 0 a 100 en menos de dez segundos. A forza tamén podería ser outro rasgo importante.
  • ¿A calidade que prefiro nun home?
    Bondade e sinceridade, non me vale unha sen a outra. ¡Ah! ¡E se é guapo e rico, mellor!
  • ¿A calidade que desexo nunha muller?
    Desexar, desexar… o mesmo que nos homes: bondade e sinceridade unidas.
     
  • ¿O que máis aprecio nos meus amigos?
    O mesmo que en calquera home ou muller. Ós meus amigos aprécioos simplemente por como son.
  • ¿O meu principal defecto?
    Non podería escoller só un… Son incapaz de expresar os meus sentimentos en persoa, teño un pronto moi forte, ás veces actúo sen pensar… Non sei, hai moitos!
     
  • ¿A miña ocupación preferida?
    Escribir. E facer cousas que me animen a escribir. E pasar tempo coa xente que quero.
     
  • ¿O meu soño de dicha?
    Ui, as utopías… Gustaríame que todo o mundo fose, polo menos, o doble de feliz ca min.
     
  • ¿Cal sería a miña maior desgraza?
    Perder ós meus amigos, á familia… E o da dependencia que comentaba Ninsesabe é algo que tamén me preocupa bastante.
     
  • ¿Que quixera ser?
    Buf, se o soubese… De profesión, o meu soño sería ser escritora, e poder vivir diso :)
     
  • ¿Onde desexaría vivir?
    ¡Na miña Pontevedra! Tamén me encantaría poder vivir por tempadas noutros lugares, como Barcelona, África, Italia…
  • ¿A cor que prefiro?
    Depende para que, pero vou dicir o azul celeste.
  • ¿A flor que prefiro?
    As margaridas estas grandes.
  • ¿O paxaro que prefiro?
    Pois… está chungo! Supoño que un loro tropical, destes con mil cores e que aprenden a falar.
  • ¿Os meus autores preferidos en prosa?
    Hai tanto que non teño tempo de ler… Pérez-Reverte é dos meus preferidos, aínda que normalmente non sigo moito a ningún escritor en concreto.
  • ¿Os meus poetas preferidos?
    Son clásica: quédome con Becquer. Tamén me gustou unha época Gil de Biedma, e César Vallejo aínda me impresiona por momentos.
  • ¿Os meus heroes de ficción?
    Non sei, nunca se me deu por plantexarme esas cousas…  Pero me gustaría ter a capacidade que ten Lecter de coñecer os sentementos das persoas case dunha ollada.
  • ¿As miñas heroínas de ficción?
    Esta é difícil. De feito, non teño nin idea…
  • ¿Os meus compositores preferidos?
    Espero que aquí se poidan incluir compositores modernos… Pois quédome con Quique González, Calamaro e Aute. 
  • ¿Os meus pintores predilectos?
    Eu non vos sei moito de pintura… Empezou a gustarme Picasso cando vin o Guernika por primeira vez. Tamén hai cousas que me parecen interesantes de Dalí. E unha vez vin un cuadro que me impactou dun holandés, pero non lembro como se chamaba, unha mágoa, porque levo tempo intentando acordarme. E se vale incluilo aquí, encántame a estética do pop art, e a idea de convertir en arte o repetido, o seriado.
  • ¿Os meus heroes da vida real?
    Miña nai, pola forza que ten, e por esa paciencia para aturarme. E moita xente coma calquera de nós, pero que non sae nos xornais, con historias que merecerían ser contadas.
  • ¿As miñas heroínas históricas?
    Non me gusta nada a Historia. Teño que recoñecer que neste aspecto son completamente inculta… Pero de pequena, no cole, quedara flipada coa historia de Concepción Arenal.
     
  • ¿Os meus nomes favoritos?
    Alex e Lúa (pero non ten nada que ver co nome do blog, eh?).
  • ¿Que detesto máis que nada?
    A mentira, a maldade, que a xente se aproveite dos demáis, a falta de solidariedade, a necesidade de facer dano simplemente por molestar.
     
  • ¿Que caracteres históricos desprezo máis?
    O fascismo, o racismo, o machismo…
     
  • ¿Que feito militar admiro máis?
    Non teño nin idea, xa recoñecín a miña incultura histórica, non me fagades afundir máis na miña propia incompetencia, jajajaja.
    Non son moi amiga dos militarismos. De feito, escapo ata dos municipais!
  • ¿Que reforma admiro máis?
    Calquera que promova a igualdade en calquera ámbito.
     
  • ¿Que dons naturais quixeras ter?
    Saber escribir,
     saber expresarme e saber entender ben á xente.
  • ¿Como me gustaría morrer?
    Satisfeita coa miña vida, cando tivese cumplido tódolos meus obxectivos. Preferiría quedar durmida un día e non volver espertar, non enterarme e non ter tempo a pensar nas cousas que me quedaron por dicirlle á xente.
  • ¿Estado presente do meu espírito?
    Coma sempre: inestable, jejeje. Estes dous días andiven algo triste, pero tampouco mal. Creo que, facendo a media, estou bastante serena dende hai moitos meses :)
  • ¿Feitos que me inspiran máis indulxencia?
    Todo o que se fai polos demáis. Entendo que unha nai roube, minta, se prostitúa ou faga o que sexa para poder darlle unha vida mínimamente mellor ós seus fillos, e todo este tipo de cousas… menos matar.
  • ¿O meu lema?
    Trata ós demáis como queras que te traten a ti. Vive e deixa vivir. E no que se refire a min, o meu lema é “Son de mar e lúa”, é unha forma de intentar aceptar esa dicotomía que está sempre presente en min. Non ten que ser algo malo ou triste :)

Aute = aRte

sábado, marzo 24th, 2007

.aute-cuerpo.gif.

Hoxe toca Aute aquí, pero non vou poder ir velo por mor do curro: tócame pringar. É unha pena. Xa o escoitara unha vez hai dous anos, pero non puidera disfrutar do concerto como me tería gustado porque era gratis nunha praza, e a xente non paraba de incordiar. Quedei coas ganas dende aquela… En fin, outra vez será.

Lembro que cando era pequena miña nai ás veces puña unha cinta no coche con cancións súas. Eu non comprendía nin de que ían a metade delas, pero non me disgustaban. Dábanme así como ‘buen rollo’… Había unha que me gustaba especialmente, aínda que non entendía a metade das palabras que dicía: La guerra que vendrá (seeeráaaaa la más hortera de todas las guerras que ha habido y habráaaaa). Eu só pensaba que esa canción se podería escoitar en calquera momento, porque calquera guerra tiña que ser unha merda.

E eses son os meus primeiros recordos de Aute, aí cando eu tiña uns oito anos. Moito tempo máis tarde, ós vinte, lembrei esa canción un día calquera e a baixei de Internet. Así chegaron Una de dos, Al alba, Las cuatro y diez, Ufff!, De alguna manera ou Slowly. E despois delas viñeron os seus cuadros, as poesías…

Atrapoume a personalidade de Luis Eduardo Aute: esa capacidade de expresar tan ben os sentementos, o seu humor ácido e irónico, esa sensualidade, esa finxida deixadez… Creo que é dese tipo de xente que converte en arte todo o que toca, que sabe sacar a relocer a parte máis bonita da vida, baseándose nas pequenas cousas do día a día.

Creo que é o prototipo do verdadeiro artista contemporáneo. E dalgunha forma, síntome como moi ’vinculada’ a el, ou mellor dito, á súa forma de ve-lo mundo. Non sei, será que se cadra eu tamén vou pola vida buscando a beleza no que me arrodea.

Do que si estou segura é de que ás nove da noite porei o mp3 e imaxinarei a Aute sobre o escenario, repasando as miñas cancións favoritas. Xa me poden botar as broncas que queiran…

(Por certo, a imaxe é unha pintura súa: Caer en el cuerpo, 1986)