Archive for the ‘Parvadas’ Category

14 de febreiro

Xoves, Febreiro 12th, 2009

 

Este 14 de febreiro seguramente vou estar en casa e facer algo de comer, e logo conectarme un rato ó Facebook e falar por Messenger cun par de amigos, é o mellor escribir algo no meu blog e buscar alguna merda estúpida na Wikipedia, ou calquera cousa, e dubido que me decate de que pasa algo importante ese día porque non teño o cerebro lavado, non son un soso, unha ovella do montón.
¿Por que? ¿Ti que farás?

 

Creo que non precisa máis comentarios… Atopeino nunha web anti-San-Valentín, e como non é que me gusten moito as trapalladas estas, pois mira… ¿Qué mellor que contarvos os meus plans para o sábado en dous idiomas? ¡Isto é o que se chama multiculturalismo!

Agora, iso si, a traducción vai un pouco ó chou e un pouco ó meu estilo personal 😉 Xa me entendedes…

Esa raza superior…

Mércores, Abril 30th, 2008

medico.jpg

A semana pasada tocoume facer a revisión de empresa, a excusa perfecta para ir tomar un café logo e escribir un pouco, unha das miñas aficións preferidas. Normalmente dáseme por pensar en cousas raras, pero aquel día o tema era obvio: a superioridade desa raza inalcanzable chamada “médicos”. Cheguei á conclusión de que a devandita superioridade se manifesta principalmente en tres pasos:
– 1: as preguntas
– 2: o tubiño
– 3: as palabras

Xa chegas alí á revisión en condicións de inferioridade: fanche dar os teus datos e encher un cuestionario. ¿Ten algún tipo de alerxia? ¿Lava os dentes tódolos días? ¿Bebe vostede moito ou consume drogas? ¿Hai máis dunha semana que mantivo relacións sexuais por última vez? Isto tes que enchelo diante de todo o mundo, nunha cadeira incómoda e coa tentación de mentir… ¡Pero non! Non se pode mentir, porque logo che fan os análises e vai ti saber que che miran… Pero o máis denigrante non é a falta de intimidade, senón o feito de saber por que todo o mundo leva unhas mochilas tan grandes: para meter o tubiño de orina. Non é máis grande que o dedo índice dunha man, pero todo o mundo o leva envolto nunha bolsa de plástico coma se fose unha bomba de napalm, con coidado de non lle dar golpes á mochila. E miras ós de arredor e sabes que eles tamén mexaron no tubiño…

E aí entras, con toda a dignidade que consegues reunir, a pasar polas distintas salas de diagnóstico coma se fosen as cadeas de montaxe da Citroën. O peor é que non me chamaron á de análise ata case a última proba, e aí fun eu paseando o meu tubiño de pis por toda a clínica.

Por se non chegasen todas estas cousas para afundir ó teu ego na inferioridade, cada profesional pon todo o seu empeño en utilizar palabras que só entenden eles e que amosan a túa incultura. “¡Non intentes poñerte ó noso nivel, ti non es médico!”.

E como as cousas de palacio van despacio, os análises non chegarán ata dentro de Deus sabe canto. E sempre terás a dúbida de se o xefe botou unha ollada antes ca ti… E ó cabo de dous meses, ¡despido colectivo!

Días de merda

Luns, Marzo 31st, 2008

 . murphy.jpg .

Hai días nos que, irremediablemente, todo ten que sair mal. Hoxe é para min un deses días, téñoo claro a pesar de que apenas é a unha do mediodía.

A véspera normalmente empezan a aparecer avisos para que te prepares psicolóxicamente durante a noite para o día de merda que está a piques de chegar. Por exemplo, onte intentei solucionar un pequeno problema con miña irmá que veño arrastrando dende fai dous meses. Pero, lonxe de solucionalo, aínda se empeorou. Non importa que poñas da túa parte todo o posible e parte do imposible: ten que sair mal para avisar do día de merda.

A noite antes destes días merdentos nunca dormes ben. Chámalle pesadelos, chámalle insomnio, chámalle preocupación ou festa dos veciños… E non haberá ningunha forma de poder evitalo.

E así vai chegando o día de merda propiamente dito. A máxima que rexe esas 24 terribles horas é a supercoñecida Lei de Murphy. Poñamos un caso práctico: as miñas 13 primeiras horas de hoxe:
-Puxera o espertador ás 9 e media, pero acordei antes ás tres, ás seis e pico e ás 9 menos cinco.
-Cando soou o espertador, quedei durmida ata ás dez e media.
-Ó meterme na ducha non daba atopado a temperatura axeitada da auga, e por non ducharme en auga fría case me escaldo a pel.
-Fun comprar catro cousas ó súper e ó final, o tiquet da caixa  marcaba exactamente 27’22 euros.
-O cupón de desconto de 2 euros do súper só era canxeable por unha compra superior a 40 euros (podía ter sido peor: superior a 30, que fode máis).
-Non hai espacio no frigo para meter esas catro cousas.
-Como non hai espacio no frigo, decido meter algo na miña balda do armario, e ó abrir a porta caen 5 tupperwares que estaban mal colocados na balda de arriba.
-Os tupperwares non se limitan a caer, senón que fan o esforzo de caer sobre un montón de migallas de pan e pepitas de tomate que algunha das miñas compañeiras de piso non limpou esta mañá.
-Ábrome unha das cervexas que acabo de comprar, facéndome dano no dedo co chisme de quitar a chapa.
-Unha vez aberta e co meu dedo enroxecido, descubro que esquecera metela no frigo e vén do tempo. ¡Que noxo!
-Cando volvo á habitación, fúndeseme a bombilla.
-Logo de fundirse a bombilla, esgótaseme a pila do MP3
-Póñome a escribir no blog e esquezo que deixara unha coliflor a ferver na cociña…

Pero xa tanto me ten. Por moito que faga, a coliflor leva escrito no seu destino que ten que botar toda a auga por fóra e acabar medio queimada e pegada á pota.

Por todo iso, fago unha chamada desesperada ós deuses da fortuna. Porque 24 horas son demasiadas nun día de merda…

Os homes tamén podedes

Venres, Novembro 9th, 2007

Ollo a esta nova campaña publicitaria, que promete moito! Xa non só polo anuncio, que é bastante mediocre, senón tamén pola súa canción (aposto a que acabará por convertirse no sonitono de moda)… Pero sobre todo por esa lista negra, que non sei por que me fai lembrarme do meu pai…

Xa sabedes, ¡vós, os homes, tamén podedes poñer a lavadora! ¡Vamos, compañeiras! ¡A encher esa lista!

Os obreiros

Mércores, Outubro 31st, 2007

Estes días están a facer obras no ascensor do meu edificio, e ainda que non o creades, estou contentísima. Contrataron uns obreiros que son a caña e que dan un montón de bo rollo. Son moi educados e moi riquiños.

Sempre están dous xuntos, o de cara de calamar e o de barbiña case roxa. Póñense a traballar moi cedo, a iso das 8 ou das 9, e non paran nin á hora da siesta. Como estes días non teño que madrugar esperto sobre as 11 co ruido dos taladros e as serras de fondo.

Si, ás veces si que me dan ganas de matalos… Pero despois sempre os escoito cantar coa radio a pilas que colgan na barandilla da escaleira. Dálles igual que canción sexa, ¡sábenas todas! Nena Daconte, Amaral, Antonio Orozco, El Canto del Loco, La Oreja de Van Gogh, Serrat, Mecano… ¡Todas! De cando en cando, se soa algunha flamencada, tamén se lles escoita cantar por riba da radio, “improvisando” un pouquiño (por non dicir “soltando gallos”)…

Outras veces poñen algunha canción en inglés, pero eles non se resisten a facerlle a competencia á radio, a ver quen berra máis, e asubían as melodías.

A ver se co que lles paguemos se poden apuntar a clases de canto 🙂

Erradica-lo tuteo

Luns, Xuño 25th, 2007

 Lin hoxe en elpais.com que Enrique Múgica propuxo nun curso de verán da Complutense que se erradicase o tuteo das aulas para así acabar coa violencia nos institutos. A noticia dicía, máis ou menos:

"El Defensor del Pueblo, Enrique Múgica, ha explicado hoy que el primer paso para acabar con la violencia en la escuela es fomentar el respeto en las aulas, para lo cual propone eliminar el tuteo entre alumnos y profesores.
Para Múgica, utilizar "usted" no significa una "ruptura o diferencia" en la relación profesor-alumno, sino un "respeto mutuo"."

¡Vaia gilipollez! Así de claro. ¿Vai haber menos violencia se un alumno lle di ó profesor "Vaia vostede tomar polo cu" que se, pola contra, lle espeta un "Vai tomar polo cu"?

Nin o respecto nin a violencia residen no "ti" ou no "vostede". De feito, esta última forma vai camiño de converterse nun arcaísmo, nun mero postureo, e iso é algo que se ve con relativa claridade: miña nai trataba á súa avoa de vostede, mentres que eu á miña a trato de ti, e incluso lle temos apodos cariñosos moi modernos... Iso non implica que lle faltemos ó respecto, nin moito menos... 

Eu non utilizo nunca o vostede, a non ser que crea que á persoa coa que vou falar poda parecerlle mal que a tutee (persoas maiores, xente coa que non teño nada de confianza, os que se cren moi importantes, etc...)

É moi común nos políticos iso de propor solucións superficiais e inútiles para lerdos. O peor é que haberá xente que pique. ¡Vaia parvada!

Que levanten o dedo as señoras!!

Sábado, Abril 7th, 2007

lepen.jpg.

Na imaxe vemos ó candidato ás presidenciais francesas Jean-Marie Le Pen amosando o mellor anticonceptivo: o dedo.

Conta Elpais.com  que o ultradereitista, nun acto no que os distintos candidatos explicaban as propostas do seu programa para as mulleres, aconsellou a masturbación como método para evitar embarazos non desexados. Moi listo o señor este, si… ¡Ai, se alguén tivese feito ese descubrimento nos tempos da súa nai…! Seguro que moita xente viviría agora máis tranquila.

E por certo, ¿que pensará Ségolène ‘Zapatera’ Royal sobre estas declaracións? Pola cara da foto tampouco parece que estea moi en desacordo… Jejeje

.royal.jpg.

Elixe a túa razón

Sábado, Marzo 31st, 2007

Unhas vacacións non son tal sen Operación Saída, e unha Operación Saída non se pode entender xa sen a súa correspondente campaña da DGT.

A desta Semana Santa segue na liña das anteriores, cunha mensaxe moi directa e impactante. ¿Por que levabades tempo esperando esta semana?

Eu porque en canto saia o sol vou coller ruta cara á praia, aínda que só sexa para pasear. E aproveitando, levo á miña nai comigo, que estes días anda algo triste. E porque vai ser o primeiro ano que lle faga un regaliño de Pascuas ó meu afillado.

Soft Drink

Mércores, Marzo 14th, 2007

posavasos.jpg

Andaba por Internet cando vin en genniocalle unha noticia que me chamou a atención: Microsoft vai sacar á venda un novo producto… ¡¡un REFRESCO!!

¿A lata estará estratexicamente deseñada para encaixar perfectamente no oco do lector de CD’s, como contaba aquela lenda urbana do señor que o usaba como posavasos?

Eu non sei ata que punto crer esta noticia… ¿Vós que pensades?

Xa chega a primavera

Martes, Marzo 13th, 2007

¡Beeeen! ¡A primavera xa está chegando! Por fin empeza a sai-lo sol aínda que non vaia moito calor.

Espertar cando xa é de día e con ese calorciño que entra pola ventá xa parece que dá máis ánimos para levantarse, ¿verdade? A min prodúceme unha sensación xenial, de tranquilidade, de “ai, que ben estou”. Dáme preguiza erguerme, pero por outra banda toleo por saír á rúa.

E unha vez que saio, cando vou pola facultade, parece coma se o parque do Auditorio tivese outro ton distinto: é o mesmo verde de sempre, pero máis bonito… máis de primavera. Os días xa duran algo máis, e apetece máis ir tomas unhas cañas cos amigos, falar de todo e de nada.

E os capullos empezan a aparecer todos á vez polas cidades, coma se algunha forza divina os animase a mostrarse tal e como son. Coas súas cores vermello e amarelo inundan as nosas rúas, enchen de ledicia o noso día, facéndonos rir ata coller maniotas na barriga. Incluso parece que os oímos berrar na súa incomprensible linguaxe…

manifa1.jpg

¡¡Que bonita é a primavera!!