Archive for the ‘Poesías’ Category

Cada vez que me tocas

Domingo, Marzo 24th, 2013

Cada vez que te vexo
fáiseme un nó no estómago que ata
irremediablemente
o meu norte e o teu sur.
A miña mente e o teu sexo.
Quero gritar, facer que me vexas,
materializarme nos teus soños
e roubarche un bico nas comisuras
da tentación morna da túa boca.

Cada vez que me miras
o meu peito estoupa en mil pétalos en flor,
os meus ollos non se atreven a cruzar
polo paso da a túa mirada felina.
Devólvesme ós meus dezasete anos,
cando nunca me atrevía ós primeiros pasos.

E cada vez que me tocas…

Cada vez que me tocas
O nó do meu estómago aprétase
como querería eu me apretar contra ti
antes de quedar durmida no teu peito.
O meu corpo faise líquido,
non se contén na embalaxe débil da miña pel.
Os teus bicos chúchanme a enerxía
e caigo rendida e indefensa ós teus pés.
As túas caricias rómpenme os ósos
cun placenteiro crepitar
que recorda ó lume do inferno,
onde unha vez me levaches da man
e de onde aínda non sei se voltei.

Arrastrada polo chan

Mércores, Febreiro 13th, 2013

Arrástrome espida polo chan
Con tódalas unllas rotas
De tanto intentar aferrarme ao que sexa
E tirar do peso morto do meu corpo
Para seguir adiante.

As pedras afiladas aráñanme o peito,
O ventre, as mans e o sexo.
Nótoas frías e punzantes
Coma agullas que me tatúan
A dor do teu recordo.

Arrástrome sen forzas,
Sen ilusión e sen ganas sequera,
Deixando que a terra húmida
Á que axiña volverei
Console o sangue que brota.

Vexo a miña pel lixada,
Chea de area e de vergoña,
E ergo a cara pouco a pouco
Buscando nos teus ollos indiferentes
O brillo da lascivia.

Suplícoche coa mirada
Que non marches, que me coides,
Que mostres as cicatrices
Que che toquei na escura noite
Na que non perdín nada

Salvo a dignidade.

Non me queiras, úsame,
Non me importa.
Átame unha corda de doble nó
E arrastra tras de ti o meu peso morto.
Pero déixame ir contigo un anaco do camiño.

Prometo deixarme levar
Arañando as carnes contra o chan
Se é preciso

A inmobilidade do destino

Martes, Xaneiro 1st, 2013

Agóchome nun burato escuro
Onde só se escoita a humidade
E o silencio do meu corazón.
Xa berran por el os ollos.

O último bico non foi tal,
Non foi como tiña que ser
Porque non eramos ti e máis eu.
Eramos só dous corpos baleiros
Loitando contra a forza que os quere separar.
Non me chegaron dez segundos.

Turraron de min para alonxarme,
Sentín a inxustiza agarrándome os brazos.
Notei a ilóxica do antinatural,
A inmobilidade do destino
E os nosos esforzos por nos sobrepoñer.

E tamén medo a un futuro nunca imaxinado
Nin nos peores pesadelos,
A unha vida sen sentido,
E a pesadume de non ter cumplido as promesas
E os desexos de nunca perdernos.

Non quero que ninguen me vexa asi,
E ríome de min mesma
(por non chorar)
Por ter caído dentro dos restos
Da muralla en ruínas que construín hai tempo.

Non quero que ninguén me vexa así,
Sen forza nin para respirar,
Sen ganas de compartir,
Sen sentido da miña vida,
sen esperanza e só con recordos.

Loito contra min mesma
Por non chamarte, por parecer viva.
Móvome automáticamente,
Sen alento, por que non saiban que xa non estou.
Que máis me ten, se non te teño?

A terra mollada cáeme na cara,
A humidade acala os meus saloucos.
Abrázome ao único recordo que me queda teu,
A camisola que che roubei antes de marchares
Intentando non chorar.
E xa non sei se respiro.

Substituto

Xoves, Novembro 29th, 2012

Atopei un substituto perfecto
para os teus ollos de gato.
Xa teño case todo o que quero.
Xa só me falta recuperarte a ti.
Ven miañar á miña fiestra
E eu rozarei a meixela contra a túa man.

Nalgures, no Universo

Luns, Xullo 30th, 2012

Atopei un lugar nalgures, no Universo, onde todo está en orde. Onde todo o caos se conxura para facer enmudecer ao medo, onde o mañá non desacouga, onde a incertidume non envelena os meus pensamentos.
Atopei un lugar sobre o teu peito onde a miña respiración se calma, onde podo durmir sen pesadelos e sen espertar cos berros da miña consciencia.
Atopei a túa boca, onde podo vivir e beber da túa auga, que me inunda por dentro con milleiros de letras valentes.
Atopei a túa pel, que cobre os nosos brazos, as nosas caricias, as nosas costas. E os nosos fríos, os nosos nós, o noso mundo, e que fai que todo o que hai fóra xa non nos preocupe nin importe.
Necesito ese lugar: o teu peito, a túa boca, a túa pel. Estou perdida nun tremendo Universo de futurabilidade que me arrepía e me rouba os meus desexos, que me sacode ata que os pensamentos me queiman por dentro. Nun universo que me fere, pero que contigo parece menos fero.

Catro dedos

Sábado, Xuño 9th, 2012

Na penumbra da habitación
miro as marcas que deixaron os teus dedos:
catro lunares amarelentos na miña pel
que non se borran cando os toco.
Non me molestan, gústame miralos,
é coma mirarte ós ollos,
coma levalos tatuados
na cara interna do meu brazo.
Son catro lunares mornos,
seductores, apaixoados,
catro recordos dos nosos corpos.
Levo tamén catro marcas
que non se me ven na pel:
a do que dixeches, a de como me miras,
a do que pasou e a de todo o que non.
Esta última é a que me doe,
a que me anuda o estómago
e me divide en dous.
Faime pequena porque aínda non sei
qué foi o que lle impediu ó destino pasar.
Sí, sei que estaba escrito,
pero non quen o borrou.
Temo ó día que nos arrepintamos
e non poidamos volver atrás,
pero dáme máis medo o día
que as marcas do brazo se empecen a borrar
porque ese é o día
que me prometín que te tería esquecido.
Mañá mesmo xa non quedará nada
e aínda non te podo olvidar.
Dáme o abrazo que me prometiches
e non o deixes acabar. Nunca.

Silencios

Xoves, Xuño 7th, 2012

Silencio…

 

Espero, e espero, e espero…

Espero escoita-la túa voz.

un son que nunca chega.

 

Porque non entendes a forza

das túas palabras, dos teus xestos,

dos teus silencios.

 

Silencios que matan o día,

que estrangulan o meu valor,

que me fan dubidar de min mesma.

 

Silencios que arrincan emocións

que non terían por qué existir,

que asfixian os meus pensamentos.

 

Silencios que me converten

naquilo que máis medo me dá,

do que sempre fuxira.

 

Silencios que afogan a miña respiración,

que che entregan a miña vida

sen que me poida resistir.

 

Silencios que me fan depender de ti,

que deciden o meu día,

que me rouban a forza que me quedaba.

 

A pouca forza que me quedaba.

 

Con ela loito, búscote

ata que o vexo imposible.

 

Pero sigo a loitar.

Amic/Amat

Martes, Novembro 27th, 2007

keith_haring-amistad.jpg
Keith Haring – Amistad

Con só unha excusa cambias a cor do meu día.
Sinto que vés, que pasas, que antes de chegar xa marchas.
Que xogamos xuntos, pero ti xogas comigo.

Sei que non é xusto, ti tamén o sabes,
pero non che importa,
e a min só me importa ás veces.

Eu fago de tonta, e ti me deixas.
Constrúes novas paredes
para que poida seguir batendo coa testa nelas.

Escapas sen que saiba se volverás
porque xa sabes que eu si o farei
tan pronto oia os teus pasos preto de min.

Aínda que escape do meu destino
xa é tarde porque unha vez escapei del por ti
e agora estou pagando o castigo.

E vou ó mar a respirar novos poemas
pero alí non atopo a brisa marina,
senón o teu alento.

E me desalenta,
e volvo coller forzas para xurarme que non.
Desta vez non. Non te chamarei.

Quedarei aquí sentada. Esperando. Esperándote.
Coa noite escapando das miñas mans,
co soño roto e abrindo os ollos…

Non sexa que pases e non te vexa.

Mentres espero…
          Espero… Espero…
                    Espero… Espero…
                              Espero… Espero…

Espero a que volva o meu amigo de sempre